PROXECTO EPÍSTOLA

----

TEMÁTICA: Historias de emigrantes [libro]

[libro] Obra de Xosé Neira Vilas.
Epístolas
5
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1968-05-18
Carta de Pereira Caamaño a Seoane. 1968
Montevideo
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Pereira Caamaño a Seoane. 1968 en 18/05/1968


Montevideo, 18 maio 1968

Benquerido amigo e irmán:

Polo noso común e admirable amigo Díaz Prado, ademiramos o fermoso traballo del Manuel María Versos pra cantar en feiras e romaxes, que vai editar o noso Patronato da Cultura Galega, prás próisimas xiv Xornadas de Cultura Galega. Nembargantes, como o númaro de páxinas é pouco abondoso, tomámonos a liberdade de pedirlle, novamente, a súa axuda, que consiste en facer un dibuxo por cada poesía, ademais da carátula correspondente. O tamaño do libro será, esaitamente, ao de Historias de emigrantes, de Neira Vilas.
Estamos moi inquedos coa tardanza de Díaz Pardo, pra que nos mande o material pra Eisposición. Sant-Yago xa está petando na porta. ¿Que fará con todo iso?

Agradecendo de antemán a súa deferencia, reciba unha aperta cinguida.

Pereira

1968-07-04
Carta de Neira Vilas a Seoane. 1968
A Habana
Bos Aires
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Neira Vilas a Seoane. 1968 en 04/07/1968


A Habana, 4 de xulio do 1968

Sr. D. Luis Seoane
Buenos Aires

Meu querido amigo:

Escribinlles en avril pasado, a través de Isaac. Recibiron a carta? Agora volto a facelo, de modo máis direito. Comenzo por presentarlles a Antonio de Brito (fillo de portugués e galega), amigo entrañábel dende fai dez anos e que o sigue sendo de xeito cabal. Confíe nel, pois, en todo sentido.
Tony (como lle chamamos familiarmente) lévalle o texto do meu livro máis recente: Historia de emigrantes. Un livro relativamente curto. Son 16 historias de galegos emigrados en Bos Aires. Percurei varias cousas: ambiente de cidade cosmopolita nestes relatos (os meus contos anteriores discurren no ámbito rural). Cada historia non é somente a dun individuo, senón que aparez no contexto migratorio en mestura con outros galegos e inda con emigrantes doutras latitudes (xudeos, italianos, paraguaios, etc.). Os seus protagonistas non son trunfadores, senón os da maoría: obreiros, criadas, etc. Carecemos en Galiza dunha literatura galega de cidade. Neste caso, a atmósfera é de cidade, pero na América (na meirande cidade galega). A procedencia dos persoaxes é rural deliberadamente (rural é a maoría dos nosos emigrantes, craro). O desprazamento aldeia-cidade é sempre motivo de análise arredor da adaitación, pero neste caso o desprazamento non é á Coruña ou a Santiago ou a Vigo, senón a unha cidade moito mor, cosmopolita, de certo, na outra banda do mar. En fin, todas estas pequenas consideraciós responden ó meu propósito (logrado ou non, deso non podo ou falar), e soio pode engadir que se trata dun dos meus livros máis queridos (e non por ser o máis recente), e talvez o que máis traballo me deu. Quixen levar ó prano literario a emigración en Bos Aires e non precisamente a por de ricos e banqueteiros e moñifates, que de todo hai, senón desa maoría que poucas veces (con esceición de vostede mesmo en Fardel... por exemplo, e poucos casos máis) foron tidos en conta polos creadores galegos.
E agora veño a preguntarlle esto: Quero que vostede faga pra el unha portada e algús dibuxos pra ilustraciós interiores. Mais: quero (direi por que: a súa comunión con Bos Aires, o seu fondo coñecemento dese cidade, a tenrura ou como se chame con quen ten enfocado sempre os problemas da nosa emigración no ámbito porteño, etc., etc.) quero, digo, unha introdución ou prólogo seu pras Historias. Por derradeiro: quero o seu diseño en canto a tamaño de livro, tipo de letra (tería de ser máis ben tirando a grandeira, xa que o texto é pouco) e demais, pra que este traballo galego-rioplatense, ou galego-porteño salla o mellor posíbel. Esas tres cousas lle pido.
En principio, as Historias serán editadas polo Patronato da Cultura Galega de Montevideo. O amigo de Brito estará en contaito con vostede e tan axiña como todo estea, recollerao e ocuparase do envío pra liberalo a vostede dese trafego.
Polo de hoxe, esto é todo. Escribireilles máis longo pra falar de nós, do noso quefacer, anque Tony pode decirlles algo, pois temos correspondencia seguida.

Cariños pra os dous de Anisia. Miñas lembranzas a Maruxa, e pra vostede unha aperta fraternal de sinceiro amigo

X. Neira Vilas

[Escrito na marxe esquerda:] Coñece a edición eistraordinaria da revista poética Claraboya (León) onde aparecen poemas seus e fala amplamente de vostede Basilio Losada? Coñece o artigo deste mesmo autor sobre a poesía galega na América de La trinchera? Tamén nel se refire á súa poesía.

1968-08-02
Carta de Neira Vilas a Seoane. 1968
A Habana
Bos Aires
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Neira Vilas a Seoane. 1968 en 02/08/1968

A Habana, 2 de agosto do 1968

Sr. D. Luis Seoane
Bs. As.

Meu querido amigo:

Non me é posíbel espresarlle canta emoción nos produxo a súa carta do 15 de xunio, que Camilo levou no seu viaxe e que Isaac nos mandou deseguida. Chegounos onte. Anisia, moi contenta, leuma por teléfono (igoal que o artigo radial sobor de Camiño bretemoso. Pola noite, tiven guardia de milicia e tróuxena comigo (denantes falamos longo de vostedes dous, cousa que facemos con frecuencia) e voltei a lela unha e outra vez –carta, artigo, notas no dorso do mañífico retrato do Che– e pareceume coma un símbolo o facelo con uniforme e fusil na mao, polo que ese mensaxe ten de loita, de afirmación combativa e pola conduta sin volta nin engruñamentos de quen mo dirixía.
Moito, moito tería que decir (e non diría grande cousa) arredor desa conmovedora carta. Falaba con Anisia desas cartas pensadas. Porque nos acontece outro tanto. Sete anos son moito tempo na vida dun ser aitivo, e no seu caso hai que multiplicalos por non sei canto pra ter unha ideia do seu trafego trascendente, en cifra e calidade. Souben dalgús viaxes, de esposiciós, de álbumes, pero é unha imaxe que soio podemos aproisimar coñecéndoo de antemán, como por sorte ocurre. Unha frase de Isaac nunha carta, outra nova, vainos servindo de información resumida. O demais, maxinámolo. E sin decatarnos cuase, cando algún amigo artista (pintor, escultor, dibuxante) vén pola nosa casa, solprendémonos amostrando livros de tapas, dibuxos, poemas seus. Días atrás ía camiñando pola rúa Obispo co escultor Delarra, Direitor da Escola San Alejandro e nunha livreiría de vello atopamos algús tiduos de Dorna, de Pomba, e veña falar das ilustraciós e demais. O cadro que nos regalou cando viñemos ocupa logar de preferencia no noso fogar. E até enmarcamos unha estampa de Nadal que vostede fixera pra Suchard (lémbraa?). Malia esas dúas oportunidades que non chegou a vir. Cantas cousas a verificar, cantos parrafeos e recordos, pero máis ca recordos, proieitos! Porque ese derrotismo de vamos pra vellos de que fala, penso que nin con cen anos chegarei telo. Lémbrome que xa vostede me comentaba eso cando voltou do viaxe de 1960. Ese derrotismo é a antítiesis do pensamento e da dinámica de vostede e estou ben certo que non cairá nel nin con cen anos de vida. Cómpre decir que non son somente os da súa xeneración. Hai algúns da miña (38 a 40 anos) que andan neso. Algunha frase, algún artigo, etc., sirveume pra comprobalo. E cousa curiosa! a de asociar eso ó comento de vostede do ano 60, denantes de ter recibido esta súa carta na que confirma esa teima dalgunhas xentes de por alá, rumo á momificación.
Por sorte, como vostede, non son así as novas xeneraciós (salvo algunha esceición que xa aludín). A mocedade, en sentido xeral, ten un ouxetivo. Sabe a onde vai. Estou en contaito con uns cantos valiosos, por suposto os máis radicales, incruso estudantes compostelanos aitualmente sancionados, e intérpretes de cancións de protesta ou da nova canción galega, ó xeito de Raimon. En fin, estou nese sentido moi ben informado. E xa que falamos de mozos, coñece vostede traballos de Basilio Losada? Criouse en Barcelona e alí é profesor na Universidade; dirixe tamén un Seminario de Cultura Galega. Menciónollo porque lle vén facendo xusticia á obra poética de vostede (revista La trinchera, Barcelona, xunio 1966: La poesía gallega de América, e revista Claraboya, León, septiembre-octubre/67. No extraordinario adicado á poesía galega). Pode imaxinar canto me aleda esa revalorización. Esta xusta ubicación de Fardel e Na brétema e As cicatrices equival a un recoñecemento individual e de camiño á obra do núcreo dos desterrados, que até non fai moito, en certos seitores, acetaban a medias, pese a tan rotundas mostras como se levan dado de aportaciós insoslaiables. En fin, que neste orde coma en moitos outros hai unha toma de concencia en Galiza que medra por días e que resulta un bon síntoma a autocrítica dalgús, como vén acontecendo. Penso que se aveciñan intres de interés, un porvir alentador.
É posíbel que estea no seu poder xa un livro meu inédito (Historias de emigrantes). Dazaseis contos ambentados e desenrolados en Bos Aires, con protagonistas galegos. Son historias breves. Penso que poden axudar á comprensión da vida do emigrante galego nesa cosmopolita cidade; da súa vida, das súas angurias, xa que non son precisamente trunfadores, tal como acontece na realidade coa maoría. En fin, non vou poñerme a latricar arredor dos contos agora. Foron por mao até Montevideo pra que dalí llos remitisen a un rapaz (Tony de Brito), amigo noso de confianza quen iría a velo a vostede a propósito? Dous a un tempo: desexo pra este livro unha introdución e unhas ilustraciós de vostede (sempre, craro está, que o traballo, é decir, este brazado de contos resulte realmente do seu intrés). Ambas cousas serían pra min de grande alegría. A dos dibuxos, non teño que espricala (a súa plástica está unida á miña modesta andaina literaria dende a portada de Dende lonxe, que me mandara de Milán, lémbrase? Dempois foi ese estupendo neno deitado da portada Memorias dun neno labrego). En canto á introdución ou prólogo, pois por esa coincidencia nosa en canto ó feito migratorio galego, á realidade concreta dos galegos de Bos Aires, tan coñecida e tantas veces e de moitas maneiras analizadas por vostede dende a radio, as revistas que dirixeu Fardel, Cicatrices, en fin, por todo eso, pola súa humanidade (e quedoume atrás o primeiro poema de Na brétema, ó citar livros). Tony levaralle, se non lle levou xa, o texto e, unha vez disposto todo, encargaríase de recollelo e mandalo a Montevideo, onde teño unha promesa (a medias) do Patronato da Cultura Galega (Canabal, etc.) de editalo. Tomei en firme esta meia palavra e agardo que cristalice. A eles mandeilles tamén unha copia do texto. Veremos. Tamén intresa –e xo advertín a eles– indicaciós topográficas, de diseño e demais (como lle digo a vostede na carta que vai co texto).
Esta mañán mandei a reproducir o retrato de Che. Mandei sacar varias copias (pois a que vostede madou, Anisia quere enmarcala pra ter nós). A interpretación é formidable, o retrato ten a dozura dos ollos del, o seu xesto, que facendo presencia cuase viva, mantendo ese equilibrio de presente, vivo e o tempo lexendario. Podería falar en estenso desto non soio polas fotos, e retratos de todo tipo que vemos a diario nas paredes, nas revistas e álbumes, por milleiros, senón porque eu tratei persoalmente ó heroi, varias veces en diálogo persoal direito, e perante tres anos en reunión cada dous meses. Esa imaxe a un tempo severa e cordial (como aparez nun retrato grande que teño diante neste instante, no meu despacho do Ministerio) está lograda no seu retrato. Anque algo atrasada, penso dar a noticia da esposición, etc. e pubricar este retrato. Tamén mandei unha copia (a primeira xestión será esta) á Comisión Nacional de Homenaxe, onde se vén recollendo todo o relacionado con Che (xa pasei alí: un poema de Novoneyra, outro de Manuel María, en galego, un artigo de Blanco Amor, un dibuxo de Isaac, etc.).
Xa vostede debe saber que Isaac editou na Coruña (mellor dito, reeditou) as Memorias dun neno labrego. Por razós dunha regulaciós de correos aínda non vin o livro. Mandoume tres exemplares por avión e non o recibín. Penso telos nestes días. Dime Alonso Montero que quedou un livro moi fermoso. Con Isaac (home a quen ademiro, e que apreciamos de verdade, e que, igoal que vostede sigo a cavilar de onde saca tempo pra facer tanto, teño correspondencia regularmente. A empresa de Sargadelos (en cuio desenrolo tamén está vostede o que me aleda certamente) constituie unha iniciativa formidábel e un esforzo tenaz. Sei do Laboratorio de Formas (teño os catálogos), etc.
De nós? Sería longo falar, anque talvez nada novo diriamos, pois supoñémolos informados en certo modo, por Isaac. Anisia, na súa especialidade: literaria infantil. Colabora co Instituto do libro, fai algo de asesoría nas orgaización infantís, na radio, TV, etc. Eu, metido nos convenios e protocolos de colaboración centífico téinica co esterior, e cos lerios de Organismos Internacionales (un trafego que me gosta, debo añadir), no Ministerio da Industria Básica, e facendo algo de xornalismo variado. Derradeiramente, como me estou adicando máis ó galego, no tempo que me queda livre, voume limitar a unha seición semanal, breve, de caráiter humorístico no semanario Palante, satirizando vellas taras, egoísmos, etc., que perduran na xente a pesares dos cambios sociales, da nova estroitura: tamén o burocratismo, etc. Proieito levar a cabo algo en torno a Galiza aquí. Sería longo espricar o por que, pero en síntesis é: incorporar o tema de Galiza, súa literatura, etc. a un orgaísmo oficial, como poidera ser a Universidade, o Instituto de Literatura e Lingüística, etc. Veremos. Hai que partir cuase de nada, de moitísimos menos, craro do que se tería que partir pra unha iniciativa semellante en Bos Aires. Do que salla, tereino informado.
E abonda! Non, non abonda. Vexo que inda non falei do artigo radial sobre Camiño bretemoso. Gracias, moitas gracias por todo o que dixo desta noveliña e da miña persoa. Percurarei non defraudalo. Fago, deliberadamente e dentro do que as miñas forzas dan, unha literatura nefeuto, popular. Quero que a xente me entenda. Que os obreiros e labradores, se cabe, poidan ler. No caso do galego, intresa non soio polos temas, senón tamén polo feito de que a xente leia na língoa que fala. Téntame, ás veces, algunhas modas ou estilos, pero volto a pensar inevitablemente no noso povo. Gracias polo que di arredor de Follas novas, etc.

Agora si. Vaia pra Maruxa e pra vostede unha aperta moi garimosa e cordial, de Anisia e de

Xosé Neira Vilas

O Día das Letras Galegas fixen unha semblanza de Curros, pola radio, e lin en galego varios poemas del.
Hai aquí un tal José Seoane (será parente seu?) que leva pubricados dous livros sobre investigaciós folklóricas, na Universidade Central (un sobre medicina popular e outro Cuentos de aparecidos). Non o conozo. Vive en Santa Clara ou por alá.

[Anexo.]
[Foto.]

Milicianos
Anisia e Pepe Neira.

1969-03-26
Carta de Neira Vilas a Seoane. 1969
A Habana
Bos Aires
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Neira Vilas a Seoane. 1969 en 26/03/1969


A Habana, 26 de marzo do 1969

Sr. D. Luis Seoane
Buenos Aires

Meu querido amigo:

Antonte chegoume, de Montevideo, Historias de emigrantes. Foi motivo de singular emoción pra min. Unido a vostede estou dende os comenzos; dende que me decidín a saír á rúa (portada de Dende lonxe que lembro foime enviada por vostede dende Milán). É un síntese máis seguro se camiña ben acompañado. No caso deste derradeiro livro, o vencello é completo. E eu síntome delo moi feliz e honrado. Polo de pronto é o livro meu de mellor presencia, de mellor diseño e calidade gráfica. A estupenda portada (faime lembrar instantaneamente algunhas de Galicia emigrante, algún vitral e algún mural de Bos Aires, obra súa), os dibuxos interiores, todos eles unha acabada síntesis visual do drama migratorio, e polo tanto, en ensamblaxe perfeito cos temas das narraciós. E o prólogo. Ese texto (por demais eloxioso pra min e prá miña inda modesta andaina literaria) di verdades coma centellas; verdades tremendas e rotundas, necesarias. Estou dacordo enteiramente coel; suscríboo en todo o seu alcanzo, sin restarlle o máis mínimo matiz. Certo que en Galicia non se acaba de entender a emigración. Certo que persisten algús deses delincuentes coas súas donas medievales e os seus fidalgos trasnoitados. Certo que a temática do artista arrinca da unión entre os recordos. (Figurando recuerdos) e o país ou países onde se viveu e vive, no desterro. Certo o dos congresos estúpidos e o dos conferenciantes almidonados que iñoran a aportación dos emigrantes, e o dos axentes da hispanidade. Verdades que talvez lle doian a algús –que é necesario que lle doian a algús– e que están moi crara, moi oportunamente pranteadas.
Volto a decir: a presencia gráfica do livro é unha festa pra min (pra nós, pois Anisia está igoalmente entusiasmada e xa o andivo amostrando a ilustradores, tipógrafos, etc., do Instituto do Livro). Vese craramente –aparte das ilustraciós, dise tan pouco nesta vella frase...)
Naturalmente, estas historias non son todas as que poidese contar. Outras quedaron sin narrar. Talvez lle chegue o día. Bos Aires sigue pasando en min. Se teño folgo, voltarei ó tema da emigración galega nese contexto. Proieito (craro que inda pasarán seguramente anos –os meus proieitos son de longo alcance e escribo moi despacio, refago, boto, volto a empezar–) unha novela, máis horizontal con persoaxes múltiples e atmósfera porteña. Distinta, por tanto, na súa estroitura, na ambientación e na época a Camiño bretemoso. Desenrolaríase na década do cincuenta. En fin, veremos. Dende logo, anque vivín 12 anos en Bos Aires, nunha edade e nunhas circunstancias moi especiales de maor intrés. E de maneira singular pode contalas vostede (que xa o anuncia e teremos que tomarlle a palavra). Terá que falarnos en detalle do protestante da Arzúa e de Don Dios e de tantos e tantos aludos na revista do Centro Galego e en Galicia Emigrante (rev. E audición) vostede que tanto anos e con tanta sensibilidade percorreu a vida arxentina, e a dos galegos insertados nela. Esas súas historias agardamos, de maor intrés, estou certo (dígoo con ausoluta sinceiridade) que as que eu narrei ou poida aínda narrar.
Que podo engadir de nós? Seguimos a vivir intensamente, fervorosamente, esta esperencia, participando de cheo en tódalas tarefas que a construción dunha nova vida, dunha nova sociedade nos pon diante. Non perdemos, pois, a ocasión de asumir –á beira de todo un povo– a diñidade. Estas esperencias terán –ogallá sexa pronto– aplicación no noso magoado e postergado país; en Galicia i en Hespaña toda.
Teño un livro en Galaxia pra editar. Son 23 brevísimos contos, agrupados baixo o tiduo de A muller de ferro. É un realismo distinto. Fábulas (nalgunhas delas os persoaxes son animales, coma os do seu bestiario, de Galicia emigrante. Sairán tamén uns versos (un caderno con poucos poemas) en Monforte –Val de Lemos, que dirixe Manuel María– baixo o tiduo de Inquedo latexar (por eles adiante tamén anda Bos Aires). Disporei, naturalmente, que se lles manden cando sallan. Anisia deu romate a unha monografía sobre Vietnam, pra nenos e adolescentes. Farase unha grande edición. Está sendo ilustrada por un bo dibuxante. Tamén termiñou tres obras de teatro histórico, relacionado coas loitas e independencia cubana. Dous libros de contos infantiles, un meu e outro dela, agardamos que sallan nun soio volume dentro de uns meses.
E namais. Cómpre decir que tanto a Maruxa como a vostede os lembramos acotío? É doado maxinalo. Cuase non nos escribimos, pero ben sabemos canto nos une ós catro. Algún día, en calquera cidade (como di vostede) atoparémonos, e será longo o palique, unha conversa longa, de nunca acabar. Será.

Cariños de Anisia pra os dous. Meus saúdos moi cordiales pra Maruxa. E pra vostede unha emocionada e forte aperta do seu vello e sinceiro amigo

X. Neira Vilas

Queridos Maruxa e Luis Seoane:

No seu tempo, saeu o orixinal desta carta. Entre que lla dei a un que a ía botar fóra, e que vostedes estiveron ausentes tanto tempo (por carta de Isaac souben que até fai pouco ficaban na Coruña), temo que non teña chegado o seu poder. Daí que lle mando a copia da mesma.

E namais polo de hoxe. Cariños de Anisia pra os dous. E unha aperta moi cordial e fraterna de

Neira

1974-03-29
Carta de Neira Vilas a Luís e Maruxa Seoane. 1974
A Habana
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Neira Vilas a Luís e Maruxa Seoane. 1974 en 29/03/1974


Habana, 29-3-74

Queridos Maruxa e Luis:

Por Ramón Temes sabemos que estades en Bos Aires, e que estades ben, logo do malfadado aicidente. Aledámonos certamente. Moncho tróuxonos fermosos catálogos e deliciosos Rifurtivos e unha estupenda monografía editada por Bonino, adicada. Gracias por todo.
Eu estou convalencendo dunha operación de catarata prematura. Vou ben, pero estarei algunhas semanas máis alonxado da aitividade normal na casa. Anisia gañou o Premio Nacional de Literatura pra nenos. O premio consiste na edición do libro e un viaxe a un país socialista. Eu teño pra saír (maio) en Galicia unha novela pra nenos e un libro de prosas curtas sobre o meu retorno no ano 72. Traducín ó castelán Historia de emigrantes e foi finalista no concurso da Casa de la Américas. Un conto (El ahorro) integraron unha antoloxía de varios autores e países. Tamén outiven accésit no concurso La edad de oro cun libro de poemas pra nenos, en castelán (Arco Iris). En fin, algo imos facendo.
A Sección Galega, moi ben. Atopeime cun interesante escultor nado en Teo: Mauel Pascual. Estudaremos a presencia de Souto en Cuba. Sobre outras aitividades, van recortes de prensa.
Temes estivo na nosa casa. Falamos de vostedes amplamente.
Localicei, na casa onde viven A. Gallego, o seu estupendo Diálogo sobre lousas de Arranz. Verei de darlle un destino mellor.
¿Que foi de Cuco Rei? Víraa anunciada, pero non soupen máis. ¿Vai adiante?
E namais, queridos, entrañables amigos. Pra outra escribiremos máis longo.

Apertas fortes de vosos sempre

Pepe Neira e Anisia