PROXECTO EPÍSTOLA

----

TEMÁTICA: Taberna sin dono

Epístolas
1
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1974-12-05
Carta de Varela Buxán a Seoane. 1974
Cercio
Bos Aires
Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Varela Buxán a Seoane. 1974 en 05/12/1974


Cercio, 5 de Nadal do 1974

Sr. Dn. Luis Seoane-Bs. Aires

Meu querido e nunca esquencido Seoane:

Perdóame que che haia cansado por mediación do noso amigo Tacholas co gallo de lograr un dibuxo pra ilustrar as tapas de dúas pezas miñas O ferreiro de Santán e Taberna sin dono, as dúas nun volume, prolongadas por Otero Pedrayo, e que sairán do prelo pra fins de xaneiro que vén. Remesaríache un orixinal, pero, antre doña Censura (que borrou Viva Galiza ceibe i outras cousas polo estilo) i a imprenta, deixáronme sin ningún. Dareiche algús datos: O meu teatro é realista-naturalista; moi aldeán, tudo discurre antre xentes labregas, de bons sentementos e ideias, tenras, intuitivas, inxenuas, de homildosa condición. A liña que eu adoito é a cómico-sentimental, anque, no fondo, decote hai algo de tráxico. Na peza O ferreiro de Santán, está composta de dezasete persoaxes, pero son tres os principaies: o vello Ferreiro, a súa dona i o fillo de ambos. Denredor distes tres persoaxes xira o tema i o argumento, que é unha loita política antre o fillo do Ferreiro (que é socialista) i o cacique da bisbarra. Entón, un dibuxo que persentara un pendello a modo de forxa galega, co pai i o fillo mallando no ferro i a muller pendurada na palanca do barquín (un fuelle antergo aicionado a palanca), simbolizaría moi ben ao pobo que traballa pra forxar ideias e sentementos. Pero... ¿que podo decirche eu distas cousas, irmán Seoane? Fai o que poidas, que se algo te diñas faguer, decote estará moi ben feito. En canto á outra peza, Taberna sin dono, trátase dun taberneiro tan nobre e sin caráiter que fía a todos e queda sin ren. En canto a coores, o mesmo me ten que seia a unha tinta coma a dúas ou tres; iso deixo ao teu bon criterio. A túa portentosa intelixencia de artista universal, nascido na nosa Galiza, saberá atopar un dibuxiño que de algún xeito simbolice as nosas aldeias ou a os seus parroquianos pra ilustrar as tapas do meu libro. Sosmentes debo acrararche que as miñas pezas desenrólanse en calisquera aldeia de Pontevedra aló polo ano de 1917.
A traveso dos xornaies (son corresponsal informativo de La Voz de Galicia en Lalín i a súa bisbarra do Deza), decote fun seguindo a túa laboura artística e festexando coma meus os teus muitos éisitos e trunfos, e fago votos porque a saúde che acompañe por muitos e longos anos pra poderes continuar a túa honrosa laboura, enoutecedora pra ti, pra tódolos teus, pra os amigos e pra Galiza inteira. E cando voltes á Terra (teño entendido que será pronto), non esquenzas que eiquí, en Cercio-Lalín, hai unha pequena casa pra ti, cuios mouradores che recibiremos cos brazos abertos.

Con muitos desexos de que teñas felices festas de Nadal i Aninovo, prégoche saúdes no meu nome á túa distinta compañeira e recebas fonda e fraterna aperta do teu vello amigo e irmán.

Varela Buxán

P.D. Direille a Tachola que che fale pra recoller o dibuxo e mo mande; ben entendido, eh: se é que mo podes faguer.