PROXECTO EPÍSTOLA

----

TEMÁTICA: El Heraldo Gallego

Epístolas
1
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1961-12-29
Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1961)
Lugo
Vigo
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Carballo Calero a Álvarez Blázquez (1961) en 29/12/1961

Fingoy, 29, XII, 1961

Sr. Don Xosé María Álvarez Blázquez
Vigo

Querido Xosé María: Moitas gracias pola túa nota referente á “Resposta ó Rechamo”.
Disme que se a pubricación do “Rechamo” no “Heraldo” é de 1874, é posterior á do “Faro” e non te interesa maiormente. Inda que como te dixen, non teño nota dos anos en que se pubricóu no “Heraldo”, creo poder afirmar que comezóu a se pubricar en novbr. de 1874, pois a páxina 336 do tomo I da coleición ten que corresponder a ise mes e ano, xa que teño nota de que a páx. 329 corresponde ao número 45, xoves 12-11-74, e por ise tempo a pubricación era semanal: de xeito que o número que nos interesa tivo que ser o 46 ou o 47, de 19 ou 26 do mesmo mes e ano. Nise caso, se no “Faro” pubricóuse en febreiro e marzo do 75, a ed. do “Heraldo”, ou pasara algún número sen incluir a continuación do “Rechamo”, o feito de que a páxina 336 perteza ao tomo i sinala o mes de nadal de 1874 como termo “ad quem”. Segundo as miñas deduccións, no “Heraldo” o “Rechamo” rematóu de se pubricar en febreiro de 1875, o que está de acordo coa data da “Resposta”, 4 de marzo dise mesmo ano. Así que creo na prioridade da ed. do “Heraldo” sobre a do “Faro”.
Agora interésame a min saber se a edición que ti tes en folleto aparte está datada; e se non o está, se se pode afirmar ou non que é unha separata do “Faro”, pois, en caso afirmativo, ficaría datada en 1875. Cando podas, me respondes a isto.
O que parez é que non é verosímil o que conxetura Couceiro (III, 97) de que a ed. princeps do “Rechamo” debe de ser de c. 1850. A data da “Resposta” parez indicar que a ed., princeps é a do “Heraldo”, pois Nóvoa fala como se respondera a un testo recente. A non ser que houbera efeitivamente unha primeira edición que Nóvoa non coñecera, e ao ver o testo (reproducido, nista hipótese), no “Heraldo” decidira contestar. Non me semella isto probable. Nóvoa, que vivía en Ourense, leería o “Rechamo”, no “Heraldo”. Pro ¿por qué non pubricóu a resposta nisa revista, en troques do “Faro”?. Eu teño papeleteados todos os traballos en galego do “Heraldo”, e a “Resposta” non está. Ademáis, ¿por qué a “Resposta” comeza “Quen queiras seas, cantore”?. Nas miñas notas o “Rechamo” do H. aparez firmado “Juan M. Pintos”. ¿É que Nóvoa non coñecía ao autor da “Gaita gallega”?. Non é imposibre; pero á verdade a súa actitude sería menos estrana se houbera lido o testo de Vigo, firmado J. M.P., que podía ser Posada. Terás que acrarar todos istes puntos nos teus comentarios, notas ou introducción á túa factura edición de Pintos. A min, polo momento, o que me interesa é a data do folleto que posees; pero indícoche todos istes armónicos da custión porque sei que non deixarán de te interesar, e no seu día teralos en conta.
Á túa dona, a ti e a toda a túa familia desexamos todos nós un feliz ano 1962, no que agardamos escoitar o teu discurso de ingreso na Academia.
Apertas
Ricardo Carballo Calero.