PROXECTO EPÍSTOLA

----

TEMÁTICA: museos

Epístolas
1
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
Data Relación Remitente - Destinatario Orixe Destino [ O. ] [ T. ]
1977-01-19
Carta de Filgueira Valverde a Paz Andrade. 1977
Pontevedra
Vigo
Orixinal Transcrición

Transcripción da epistola Carta de Filgueira Valverde a Paz Andrade. 1977 en 19/01/1977

Pontevedra 19-I-77


Sr. D. Valentín Paz Andrade
Vigo


Benquerido Valentín:

Renóvoche a miña embora polo diálogo radiofónico. Gustou moito. Sorprendeume a xente que escoita a esas horas.
Xa sabes que Sánchez Cantón ordeou que a sua correspondencia estivera pechada cinco anos. Cumpridos xa, envíoche esta «carta entreaberta» que leva a data do 16 de xullo do 36 e a que me escribiu a min o 17 pra que cha mandara. É un «índice de utopías galegas» cheo de fondura.
Pasei unha tempada moi triste con doenza e a morte dunha irmá de María Teresa que viñera pasar eiquí as festas.
Ponme aos pes da tua muller. Lembranzas a todos.

[Manuscrito:] Apertas de



Fdo. Xosé Filgueira Valverde




[Manuscrito:]


Carta entraberta


Madrid, no día do Carmen, 1936

Sr. D. Valentín Paz Andrade


Meu querido amigo:

Penso que os que non fixemos nin soupemos cousa do Estatuto, o mellor servizo que hoxe comprimos con Galicia é calar, deixando moer ôs que arelaban andar no muiño; alá eles se no pan de mañá mestúranse os farelos coa fariña.
E cô dito abondaría, se non fose que na tua chamada escoito berros que famne esquecer memorias acedas, e crebando a liña proposta parrafearei un anaco de tempo respeito o rego que Galicia ten de abrir no agro artístico.
Eu non vexo, non podo ver a Galicia, dende o outeiro do Arte, mais que como un-a cidade espallada. Non-a vexo, non podo vela, como enxame de vilas no cortizo teórico de un-a nación. Fai anos que roe en min un verme teimoso, que de cote se afonda e me di: «contra o nacionalismo -narcótico prós nugallans que ensonan un mañá que non chega-, cidadanía –choio de un hoxe fecundo que non finda». ¡Galicia, un-a vila; i-os galegos, seus cives, sempre a traballar; e nosos probremas desfaríanse como a brétema ô sol.
En Arte, como no resto. Mais, n-un-a carta non se fan prans, nin se ditan regras, fálase, mellor... parólase. ¿Leria? ¿Ensonos?... ¿Quén o sabe? Parolemos, logo.
E... vai de sono...
Vexo â nosa Matria –máis doce que Patria- forte e leda, e que o xogo do Arte brinca por riba da terra nosa...
... Un rapaz naceu e criouse n-un-a casiña branca e limpa –o chan, branco do xabón, ou dourado pol-a cera; as paredes caleadas e con estampiñas feitas en buxo, do Apostol, da Pelengrina, do Santo Cristo de Ourense; fiestras e portas de azul, ou de verde: o redor da casa, naval e horta sen valados, pois a cerca é unha sebe con silvas e roseiras, recortadiño, froleado e con amoras; no naval, chícharos, pementos, cebolas e repolos; na horta, pexegueiros, cerdeiras e maceiras que nas suas tempías énchense de mazás, cereixas e pexegos.
Os ollos do rapaz reloucaban ô ver as liñas eispresivas das estampas, os recortes das follas, as coroas das froles i-as coores das froitas. No inverno degoirábase en valeira as memorias do outono farto debuxando cereixas e ácios no papel, ou nas paredes cos sinxelos meios que tiña a carón.
Na escola o mestre insinoulle o camiño e levouno a certo «taller» onde un artista –pago por Galicia- deprendía ôs rapaces afeizoados; pois, xa non había xiadas Escolas de craustro i-escalafón –nin esta verba tiña son na fala nosa. Os rapaces ían d-uns mestres n-outros, cando podíase trocar. Nos talleres, demáis dos traballos «d-encarga», facíase un-a laboura para Galicia –a reixa d-un-a eirexa, a pintura pra un-a escola, o teito pra un concello...- na que todos poñían man; deprendían facendo.
Rexía os talleres un-a «Xunta de .... poucos», que ditara regras craras i-abertas. Nos outonos os «talleres» corrían a terra –mosteiros, castelos e pazos- escadaban castros; de sol nado a solpôr enchían seus foles de canto Galicia amostraba –leiras e vías, portos e facendas, soutos e fábricas-. Ollos e mans fadigábanse de mirar e de acugular pra, no inverno, facer.
Ô gromar dos albres serodios, i-o quentar a raxeira tiñas os Talleres exposta a seara anal. E ía vela a Xunta de .... «poucos»: escollía cadros e tallas, forros e tecidos; e falaba côs rapaces –lonxe do eisamen-; i-os máis doados dáballes consellos e conqués para viaxaren pol-o Mundo. Cheos da terra, donos do seu oficio, ían aproveitar o que outros povos fixeran.
Ô tornar Galicia púñalles «talleres» pra que novos gromos agoirasen flores e farta colleita. Deste xeito sinxelo ninguén restaba sen poderse formar artista; ninguén saía da terra sen coñecela; o esforzo non se perdía, pois os que non chegaban a cume espallaban o deprendido o seu redor porque deprenderanllo sen mágoas nin rixideces, xogando ledos.
I-o Arte non era en Galicia segredo fechado de xente sabida, senón lume aceso en todal-as lareiras.
Por riba desta maneira de «facer artistas», e pra axudala, abríranse en Galicia outras fontes de estudo e arte: Museos, moitos Museos...
Non eran almacéns, nin panteóns; certo esprito animábaos e facíaos bulir; a ideia que aquela «Xunta», da que falamos, eispresou na sua primeira sentada:
«En Galicia, máis que un-a Historia e un Arte, temos hoxe un-a forte vôntade de facelos».
E nos Museos traduciuse esta arela de porvir. Recollíase neles o pasado, trouxérase de fora canto poidérase mercar, ou ter por troques; mail-o desinio non era revivir tempos idos, senón camiñar cara tempos por nacer. Non temos un Rubens nin un Velázquez pra adourar. E mestre Mateo... está tan lonxe de nos.
Porque é de ben nados, hase estudar o que fixeron os abós, i-hase gardar «mirando, non imitando» como decían os vellos eisemplarios; e aínda compre mesura e siso no profundar no pasado: a vellez non sempre dá «beleza».
I-este desinio conformábase nos Museos da nosa terra: no arqueolóxico, como no do mar; no románico como no do agro; no dos vellos oficios como no moderno, no barroco como ...
Íase o Sono e, xa na porta, inda tivo forzas pra me pintar outros cadros da política do Arte -¡non do arte da Política!- na Galicia.... autónoma; máis que cadros, estampiñas sinxelas, que custa poucos cartos levalas a termo e realidade, se nos alonxamos dos pedantismos de bule-bules e fura-furas, e se mercamos aquel siso e aquela praítica de «cidadanía» nas que vexo as dúas rodas do carro no que Galicia pode camiñar, chea de arelas, pol-a estrada do Tempo por vir.
Teu bô amigo

F.J. Sánchez Cantón