Radiodifusión galega na emigración

----

Jornadas Patrióticas Gallegas

Colección: Radiodifusión galega na emigración;
Entidade promotora:
Lugar:
Bos Aires
País:
Arxentina
Inicio:
1969
Fin:
1971
Periodicidade:
semanal ou anual
Idioma:
castelán
Contido:
Programa galego. Cabeceira da primeira audición de carácter regular promovida polo Centro Galego de Bos Aires, tomaba o seu nome das actividades conmemorativas do Día de Galicia que viñan organizándose no Centro Galego de Bos Aires desde 1936, e que sempre se desenvolvían entre o 20 e o 25 de xullo. Polo tanto, coa escolla deste lema os responsables do programa estaban a definir tanto os contidos que se emitirían neste espazo, é dicir, os actos celebrados nesas datas, como os obxectivos que se perseguían coa súa posta en antena, a exaltación da terra de orixe e dos seus valores diante da colectividade aproveitando un momento tan sinalado e de tan alta significación. É probable que coa adopción dun nome permanente e unha certa ordenación dos contidos emitidos, os organizadores destes espazos trataran de dotar dunha configuración máis homoxénea a esas emisións de carácter especial que viñan realizándose anualmente desde principios dos anos 50. Na súa organización interna todos os programas de Jornadas Patrióticas respondían a un mesmo esquema bastante sinxelo, que pode resumirse nestes puntos. O espazo iniciábase sempre con estas verbas, levando como acompañamento o Himno do Antigo Reino de Galicia: “El Centro Gallego de Buenos Aires representando a la colectividad gallega en la Argentina, presenta Jornadas patrióticas gallegas, dedicadas a conmemorar el Día de Galicia”. De seguido escoitábase en primeiro plano o himno galego, para de seguido introducir un breve discurso do Presidente do Centro Galego, que no ano 1969 era Xosé Antonio Reboreda e, a partir de 1970, Eduardo Sánchez Millares. Viñan a continuación unha sucesión de tres ou catro temas musicais galegos, habitualmente pezas moi coñecidas e populares, para finalizar as emisións coa mesma cabeceira que se introducía ao comezo.
Referencias bibliográficas:
BLANCO ROSAS, Xesús (2014): Historia da radiodifusión galega en Arxentina (1930-1985) (Tese de doutoramento). Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. Facultade de Xeografía e Historia. Departamento de Historia Contemporánea e de América, pp. 470-471.