Radiodifusión galega na emigración

----

Recordando a Galicia

Colección: Radiodifusión galega na emigración;
Entidade promotora:
Lugar:
Bos Aires
País:
Arxentina
Inicio:
1945
Fin:
1984
Dirección
Maruxa Boga;
Condución
Maruxa Boga;
Periodicidade:
semanal (sábados; domingos)
Idioma:
castelán
Extensión:
60 minutos (12:00-13:00)
Contido:
Programa galego. Representa a culminación do proceso evolutivo iniciado pola radio galega da emigración na procura dunha fórmula con identidade propia dirixida, sobre todo, á colectividade. Recordando a Galicia iniciaba a súa traxectoria no ano 1945, emitido a través de Radio Rivadavia. Desde a súa posta en antena quedaba patente que esta cabeceira nacía coa vocación de converterse nunha audición referencial para a galeguidade. Lexitimaban a idea a presenza, case obrigada polo papel que se lle atribúe na iniciativa, de Castelao como padriño no programa inaugural e tamén do dirixente do Centro Ourensán, Enrique González, entidade que lle prestaría á nova iniciativa apoio loxístico e financeiro. O equipo que facía o programa combinaba a súa vinculación por procedencia ou orixe familiar con Galicia coa profesionalidade e o bo facer de persoas curtidas no mundo da cultura, a interpretación artística e, agora tamén, na radiodifusión. Nos primeiros anos de funcionamento acompañaron a Maruxa Boga á fronte dos micrófonos Alfredo Aróstegui, fillo de emigrantes ourensáns comprometidos có galeguismo que se destacara como locutor deportivo estrela coma corresponsal da radio arxentina nos xogos olímpicos de Berlín, e o sempiterno actor ‘Tacholas’, que en 1953 deixaría o programa para encabezar a súa propia audición. A variedade de contidos non tiña precedentes coas experiencias feitas con anterioridade. A música galega tradicional e outra máis recente combinábanse coa emisión de novas da colectividade, seccións de cultura, anecdotario galego, lectura de fragmentos literarios e, sobre todo, cos comentarios de Maruxa Boga, quen, facendo honra á cabeceira do programa, rescataba coa súa voz lembranzas da terra, ao tempo que desenvolvía temas galegos de todo tipo, case sempre vinculados coa actualidade recente da colectividade. Non sempre se trataba de textos descritivos e Maruxa Boga usaba en ocasións a súa voz máis crítica para denunciar os problemas urxentes da emigración, ao tempo que facía gala da súa particular agudeza interpretativa para, en contraste coa mala imaxe que se promovía desde determinados sectores, enxalzar os logros dos galegos polo mundo adiante.
Referencias bibliográficas:
BLANCO ROSAS, Xesús (2014): Historia da radiodifusión galega en Arxentina (1930-1985) (Tese de doutoramento). Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. Facultade de Xeografía e Historia. Departamento de Historia Contemporánea e de América, pp. 226-256 e 458-468.
BLANCO ROSAS, Jesús - CIRIO, Norberto: Maruxa Boga. Recordando a Galicia. aCentral Folque. Santiago, 2018.
BLANCO CAMPAÑA, X. L.: Radio e Prensa na Galicia Exterior. pp. 41-43.
VILANOVA RODRÍGUEZ, Alberto: Los Gallegos en la Argentina. Tomo II. Pax: 1422.