Radiodifusión galega na emigración

----

Mirador bibliográfico gallego

Colección: Radiodifusión galega na emigración;
Lugar:
Bos Aires
País:
Arxentina
Inicio:
[1958]
Fin:
[1963]
Condución
Xosé Neira Vilas;
Locución
Elsa Fernández;
Periodicidade:
semanal (mércores)
Idioma:
castelán
Extensión:
15 minutos (13:30-13:45)
Contido:
Sección sobre literatura galega promovida por Xosé Neira Vilas. “Os novos libros galegos que se editaban comentabámolos cada semana en Mirador Bibliográfico Gallego”. Con estas verbas lembraba o galeguista, e ao mesmo tempo definía, aquela breve sección radiofónica. Daba conta das novidades editoriais relacionadas con Galicia, tanto das publicadas na metrópole de orixe como en Arxentina ou noutros países de asentamento da colectividade. Segundo testemuñou Neira Vilas este espazo non formaba parte dun programa galego de longa duración, senón que estivo integrado en Recordando a España, unha cabeceira que como indica o seu nome se dirixía á colectividade española en xeral. Presentada por Fernán Mira en colaboración con Palmiro Gil Huesca esta audición viña emitíndose desde principios da década de 1950 por Radio Antártida e posteriormente pasou a formar parte da programación de Radio Argentina. A presenza galega no programa, aínda que minoritaria, non representaba unha novidade na súa traxectoria, pois xa tivera nos seus micrófonos a diversos colaboradores como Xavier Bóveda, quen fixera un comentario sobre Curros Enríquez nunha das emisións. Ademais de coordinar Mirador Bibliográfico Gallego Neira Vilas tamén escribía os comentarios literarios para o programa, aos que logo lles daban lectura a locutora arxentina Elsa Fernández, con algunha colaboración puntual de Anisia Miranda, a muller do escritor.
Referencias bibliográficas:
BLANCO ROSAS, Xesús (2014): Historia da radiodifusión galega en Arxentina (1930-1985) (Tese de doutoramento). Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. Facultade de Xeografía e Historia. Departamento de Historia Contemporánea e de América, pp. 433-440.
NEIRA VILAS, Xosé: Crónicas galegas de América III (rolda terceira). Ediciós do Castro, Sada (A Coruña), 2001, p. 121.
PALMÁS CASAL, Ricardo: A emigración galega na Arxentina. Ediciós do Castro. Sada (A Coruña), 1978. pp. 29-30.