Contido:
Contidos galegos dentro do programa. Iniciou a emisión na LS1 mais despois duns meses pasou a sair pola LS10, emisora esta última na que Rodríguez Barbeito tamén realizaba o programa Galicia en el Aire.
Na Fundación Pablo Iglesias consérvanse, xunto con outros materiais e documentos do seu condutor, dúas das crónicas que este confeccionou para España Eterna, ambas datadas en agosto de 1960. Nelas comentábase a estadía en Bos Aires do intelectual galego Salvador de Madariaga, dando conta dunha conferencia que impartiu no Centro Republicano da cidade porteña. Madariaga, escritor, ensaísta e político republicano que se exiliara en Londres tras o estalido da Guerra Civil, fora un destacado integrantes da resistencia antifranquista no exilio, o que xa por si inspiraba respecto entre a colectividade. Neses momentos estaba a realizar unha viaxe por diversos estados de América do Sur na súa calidade de membro do Pen Club, unha entidade de escala internacional que reunía ensaístas, novelistas e poetas. Antes de arribar a Bos Aires estivera en Río de Janeiro, onde xa fixera algunhas das declaracións que daban pé á intervención de Rodríguez Barbeito.
Referencias bibliográficas:
BLANCO ROSAS, Xesús (2014): Historia da radiodifusión galega en Arxentina (1930-1985) (Tese de doutoramento). Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. Facultade de Xeografía e Historia. Departamento de Historia Contemporánea e de América, pp. 430-433.