Radiodifusión galega na emigración

----

Sempre en Galicia

Colección: Radiodifusión galega na emigración;
Subtítulo:

A audición radial ó servicio do arte e a cultura do pobo galego

Lugar:
Montevideo
País:
Uruguai
Inicio:
1950
Dirección
José Antonio de Seárez; Manuel Meilán Martínez;
Locución
Pedro Couceiro;
Presentación
José Antonio de Seárez; Manuel Meilán Martínez;
Condución
José Antonio de Seárez; Manuel Meilán Martínez;
Redacción
Lois Tobío Fernández;
Periodicidade:
semanal (domingos)
Idioma:
galego
Extensión:
30 minutos (9:00-9:30 horas)
Financiamento:
Manuel Meilán, Antón Crestar Faraldo, Xesús Canabal Fuentes (Fundador do Banco Galicia), Pedro Couceiro Corral (médico), Alfredo Somoza (deputado e curmán de Castelao, tamén fora presidente da Deputación da Coruña), Emilio Pita (poeta), Manuel Leiras (empresario, dono do Café Brasileiro onde se fundara a Irmandade Galeguista do Uruguai), Lois Tobío (diplomático galardonado co premio Trasalba).
Contido:

Comezou as súas emisións como froito dun acordo da Radio Carve co Padroado da Cultura Galega de Montevideo, que promoveu a súa posta en antena. Era esta unha emisora cun amplo radio de alcance, xa que ademáis de Montevideo chegaba tamén ata Bos Aires e o sur de Brasil. A idea de crear a audición partira inicialmente de Alfredo Somoza, primo de Castelao, probablemente coñecedor do interese que sempre amosou o guieiro da galeguidade pola utilización do medio radiofónico ao servizo da idea de Galicia. De Somoza partiu tamén a idea de bautizar a iniciativa como Sempre en Galicia, título dunha das súas obras máis emblemáticas e base ideolóxica do pensamento galeguista, o que constituía xa de por sí toda unha declaración de intencións. Resulta lóxico por isto que cando o programa iniciou a súa andaina fose Somoza quen asumira a súa condución, como presentador e locutor principal, pero só puido asumir estas responsabilidades no primeiro ano de funcionamento do programa, pois o seu repentino finamento apartouno definitivamente dos micrófonos cando aínda non se cumprira un ano da posta en antena da iniciativa. O seu substituto foi Manuel Meilán, destacado galeguista de Montevideo e, segundo salientan algúns autores, auténtico símbolo na capital Uruguaia[1]. Probablemente cando asumiu o relevo de Somoza, Meilán non pensaba que chegaría a permanecer tanto tempo ao fronte desta audición. Foron un total de 54 anos os que se mantivo como principal responsable do mesmo, e tería seguido máis tempo de non sobrevir a súa morte en 1994.

Xunto con Meilán e Somoza integraban o equipo inicial da audición o químico Pedro Couceiro, o médico Luís Tobío, Manuel Leiras, Emilio Pita, Antón Crestar, e Xesús Canabal, encargándose de todas as tarefas, desde a locución, selección de la música, redactar as noticias e o editorial, ata grabar comerciais, en lingua galega. Ningún deles era profesional da radiodifusión nin contaban en principio cun coñecemento amplo do medio radiofónico.

Meilán, quen como se indicou fora o principal guieiro desta audición e a súa voz máis coñecida na súa primeira etapa, nacera en Lugo o 18 de xullo de 1904, onde pasou a súa infancia e parte da adolescencia e onde trabou tamén contacto co galeguismo a través das Irmandades da Fala. O seu primeiro contacto con América chegaría na súa xuventude. Como moitos mozos da súa idade, Meilán fora chamado a filas para participar na Guerra de Marrocos e para evitar o reclutamento decidiuse por emigrar á Arxentina, onde se estableceu en maio de 1922. Máis adiante desprazaríase a Uruguai onde entrou a formar parte do Padroado da Cultura Galega de Montevideo, participando en moitas das iniciativas culturais promovidas por este colectivo[2].

O programa iniciábase e finalizaba sempre da mesma forma, coa voz de Meilán pronunciando estas verbas coa sintonía de fondo da «Muiñeira de Chantada»: Bos días Galegos, aquí Sempre en Galicia, escoitándose de fondo a muiñeira de Chantada. Os contidos máis destacados de cada programa eran sempre os editoriais que lía Manuel Meilán, que aparecían habitualmente a continuación da cabeceira de presentación. Era este un espazo no que o locutor reflexionaba sobre os problemas de Galicia e da colectividade emigrada, expresándose sempre con claridade e contundencia se había que realizar algunha crítica. O programa contaba ademais con seccións culturais nas que se falaba sobre todo de historia e de aspectos artísticos e literarios que habitualmente incluían a lectura en galego de fragmentos de obras destacadas.

Afianzado xa como estandarte da galeguidade en Uruguai e co apoio sempre presente do Padroado de Cultura de Montevideo, o programa continuou funcionando despois de que Meilán, finado en 1994, se retirara dos seus micrófonos. En adiante sucederíano Tony de Searez e Ana Lorenzo, acompañados por outros locutores que tamén mantiñan unha certa vinculación coa colectividade galega de Uruguai, como María del Carmen Fernández Salgueiro, Ana Liñares, Fina Lema, Maribel Caldeiro, e os técnicos Henry Lagarde e Juan Antonio Castro. Esta etapa prolongouse ata ben entrado o século XXI.

Despois dun peche temporal o programa volveu de novo a saír ao aire, xa non a través de Radio Carve senón pola Radio Oriental, onde pode escoitarse todos os domingos a partir das nove da mañá. Malia que se trata dunha emisora moi vinculada á Igrexa Católica, sen que en aparencia esta nova situación afecte á liberdade de expresión e ao planeamento deste medio: ha mantenido una total libertad para que el contenido y la lengua empleada en la misma, pudiera ser como hace sesenta años atrás[3]. É así como na actualidade continúa en antena, postulándose como a audición máis lonxeva da galeguidade, con nada menos que seis décadas ás súas costas.

Grazas ao compromiso e ao apoio incondicional, tanto económico como organizativo, do Padroado da Cultura Galega, este espazo, que nos seus comezos non ofrecía demasiadas expectativas de continuidade, acabaría consolidándose como un dos máis lonxevos da galeguidade alén mar, e aínda hoxe se mantén en antena tras máis de 60 anos de funcionamento ininterrompido.

[1] BLANCO CAMPAÑA, Xosé Luís: Op. cit. p. 30.

[2] «Sempre en Galicia, el programa de radio en gallego más antiguo del mundo, cumple 60 años».

[3] «El histórico programa de radio Sempre en Galicia se vuelve a emitir en Montevideo», en España Exterior. El periódico de las comunidades españolas en el mundo, n.º 461, 2 de maio de 2006.

Publicidade:
Cervecerías Nacionales apoiaron as emisións no seu inicio. Banco de Galicia.
Referencias bibliográficas:
Repertorio Biblográfico do Exilio galego, p. 115.
BLANCO CAMPAÑA, X.L: Radio e Prensa na Galicia Exterior. Xunta de galicia. Santiago de Compostela, 1995, pp.28-34.
FERNÁNDEZ MARTÍNEZ, Enrique: «Asociacionismo galego en Arxentina», en Asociacionismo Galego no exterior, T. I. Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, p. 661.
MAN COMÚN. Xaneiro de 1981: Recolle declaracións de Meilán sobre o programa.
SAMUELLE LAMELA, Cristina: Conversas con Manuel Meilán. Vigo, 1993.