RESUMO

Andaina
1ª época ep. n. 19 ( 1989)

O editorial aborda o corpo das mulleres en relación á pornografía e a violencia. A sección de denuncias trata a guerra ao chador, á cousificación do corpo das mulleres na publicidade, o uso electoralista da política de subvencións na área da muller e dá conta de casos de violación e violencia contra as mulleres. Nos artigos recóllense os resultados dunhas xornadas feministas sobre os movementos populares e outras sobre traballo e saúde organizadas por CCOO. Cómpre destacar a crónica das reivindicacións das traballadoras da conserveira ODOSA, a crítica á Proposta Sindical Prioritaria asinada por CCOO e UXT, o problema dos incendios en Galicia e a continuación da análise dos trazos patriarcais no pensamento galeguista. Nas páxinas de cultura aparecen textos de creación, crítica de libros e cine sobre corpo e erotismo, unha nota sobre a IV Feira Internacional do Libro Feminista e un horóscopo alternativo.