Colección: Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane
Este diálogo epistolar sostido por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo durante dúas décadas ultrapasa o rexistro amical e familiar para se converter no diario dun proxecto cultural, construído a catro mans na Arxentina e Galicia. Convidar á lectura deste epistolario é animar a ler e mesmo a reler desde unha nova óptica os textos agora publicados. Por primeira vez poderán ser lidas as cartas escritas por Díaz Pardo, que adquiren un valor específico ao se colocaren a carón das de Seoane. No conxunto destas cartas pódese seguir non só como evolucionan as relacións mutuas, senón tamén como pensa libremente cada un deles e como son capaces de superar problemas e disensos grazas a unha amizade, persoal e familiar, pero tamén grupal e mesmo transnacional, coa constante presenza de amigos arxentinos en Galicia e coa axuda de amigos comúns, como Valentín Paz Andrade, Domingo García Sabell, Sebastián Martínez-Risco ou Marino Dónega en Galicia e Lorenzo Varela, Rafael Dieste, Antonio Baltar ou Eduardo Blanco Amor na Arxentina. Case toda a vida cultural das dúas Galicias, a ibérica e a porteña, poderá ser revisada e reconstruída á luz deste diálogo epistolar. Ver especial
0