Historia do Consello da Cultura Galega

----

A Lei 8/1983, do 8 de xullo, de creación do Consello da Cultura Galega marca o punto de inicio desta institución, concibida como un corpo asesor e consultivo para a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. Con todo, a súa xénese arrinca coa transición democrática e coa construción da autonomía.

A constitución do Consello da Cultura Galega responde ao artigo 32 do Estatuto de autonomía de Galicia, que establece a creación desta institución e a dun fondo cultural galego como entidades para preservar a cultura galega. Ambas as entidades correron desigual sorte: o desenvolvemento lexislativo do fondo cultural galego non se produciu, mentres que o do CCG tivo unha rápida elaboración, tendo presente en todo momento a súa cerna cultural e simbólica.

A Lei do Consello
Foi o presidente Xerardo Fernández Albor quen nomeou, en virtude do Decreto do 17 de febreiro de 1982, unha Comisión Asesora da Cultura Galega, que foi a encargada de elaborar as bases do Proxecto de lei do Consello. Esa comisión estaba presidida por Xosé Filgueira Valverde, acompañado do arquitecto Rafael Baltar Tojo -daquela vinculado ao Museo do Pobo Galego- como secretario. Estaba conformada por vinte e dous membros: once representaban institucións (José Manuel Suárez Núñez, reitor da Universidade de Santiago de Compostela; Carlos Casares, da Real Academia Galega; Manuel Iglesias Corral, da Academia de Xurisprudencia e Lexislación; Francisco Javier Río Barja, do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento; Uxío Romero Pose, do Instituto de Estudos Xacobeos; Ramón Lorenzo, do Instituto da Lingua Galega; Francisco Fernández del Riego, da Fundación Penzol; Joaquín Arias y Díaz de Rábago, da Fundación Barrié de la Maza, e Agustín Sixto Seco, do Padroado Rosalía de Castro) e outros once a título individual (Adolfo de Abel Vilela, Xesús Alonso Montero, Ramón Castromil, Manuel Chamoso Lamas, Manuel Cecilio Díaz y Díaz, Isaac Díaz Pardo, Ramón Martínez López, Pablo Moure-Mariño, Ramón Piñeiro, Manuel Sánchez Salorio e Enrique Vidal Abascal).

Esta comisión enviou ao Parlamento un Proxecto de lei que saíu publicado no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia número 95, do 5 de maio de 1983, co que se iniciou o seu trámite parlamentario. Despois dun intenso debate, aprobouse a Lei 8/1983, do 8 de xullo, en virtude da cal se creaba a institución. Cinco días despois, saíu publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG número 140, do 13 de xullo de 1983) e converteuse nunha das primeiras leis dese Goberno.

Ramón Piñeiro (1983-1990)
En novembro de 1983 tivo lugar a primeira reunión plenaria desta entidade, da que saíu elixido presidente Ramón Piñeiro. Foron uns tempos iniciais que destacaron por un fortalecemento institucional, ademais da posta en marcha de ponencias e comisións técnicas que permitían atender os obxectivos fundacionais da institución: a organización do Congreso Internacional Rosalía de Castro e o seu Tempo, o centenario de Otero Pedrayo ou o Congreso Internacional de Arquitectura Institucional, que acolleu preto de oitocentos profesionais.

Xosé Filgueira Valverde (1990-1996)
Transcorreron dous meses desde a morte de Piñeiro en 1990 ata que Filgueira se converteu no segundo presidente do CCG. Filgueira formaba parte xa da institución desde o seu nacemento. Con el o Consello medrou en proxección pública, cun incremento notorio do ritmo de actividades. Ademais, adquire músculo administrativo, medra en proxección exterior e acada, por mediación de Manuel Fraga, as dependencias do Pazo de Raxoi, nas que se instala ata o presente. No seu mandato, o Consello da Cultura Galega reforza o seu carácter institucional, define o deseño da imaxe corporativa e fomenta a creación dos seus dous primeiros arquivos: o Arquivo da Emigración Galega e o Arquivo Sonoro de Galicia. Con Filgueira como presidente, destaca a organización da exposición Galicia e América, que estivo presente en numerosas localidades americanas e tivo unha gran proxección exterior.

Carlos Casares (1996-2002)
Á morte de Filgueira Valverde, Carlos Casares asume a presidencia do Consello. Coñecía fondamente a institución, á que pertencía desde 1983, e baixo o seu mandato imprimiulle ao Consello un forte dinamismo modernizador, unha maior presenza no ámbito social e un traballo en prol da lexitimación da institución no ámbito cultural.
Unha das principais preocupacións e contribucións durante o mandato de Carlos Casares tivo que ver coa renovación tecnolóxica e a necesidade de situar a cultura galega na rede. Nesa liña, creouse o portal culturagalega.org, destinado a ser a referencia da nosa cultura en Internet. Na súa etapa creouse o Observatorio da Cultura Galega, organizáronse os Encontros Cultura e Concellos e o congreso sobre o exilio galego, así como os traballos preparatorios para a posta en marcha da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e dos centros integrados de música.

Alfonso Zulueta de Haz (2002-2006)
Tras a inesperada e repentina morte de Carlos Casares, Alfonso Zulueta de Haz converteuse no cuarto presidente do Consello da Cultura Galega. O seu mandato durou unha única lexislatura, que se corresponde co período que vai de 2002 a 2006, e caracterizouse por un fortalecemento do labor iniciado por Casares. Durante esta etapa tivo lugar, entre outros proxectos, o desenvolvemento do Proxecto Sarmiento, xestado en etapas anteriores.

Ramón Villares (2006-2018)
En abril de 2006 Ramón Villares converteuse no quinto presidente. Durante o seu mandato fomentou a promoción exterior da cultura galega con numerosas exposicións nos principais destinos da diáspora galega, así como unha crecente relación institucional con aquelas entidades encargadas da difusión exterior das diferentes culturas hispánicas (Instituto Cervantes, Instituto Etxepare, Instituto Ramón Llul). Villares promoveu os vínculos coa lusofonía e a colaboración institucional dentro e fóra de Galicia.

Rosario Álvarez (2018-)
Releva a Ramón Villares en maio de 2018 erixíndose como a primeira presidenta do CCG. Desde o inicio do seu mandato apostou pola continuidade de etapas anteriores, imprimindo un selo propio cunha aposta pola xestión participativa e por explotar ao máximo a fortaleza representativa da institución. Entre as súas liñas de acción destaca a igualdade de xénero na cultura, pero tamén na igualdade de oportunidades no acceso a esta, a través de tres eixos: a idade, o territorio (eixo atlántico /provincias orientais) e o hábitat.

Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Recomendamos: