Carlos Amoedo

----

Carlos Amoedo

Souto
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Carlos Amoedo

Souto
Licenciado (1993) e doutor en Dereito (1998) pola Universidade da Coruña. Catedrático E. U. de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña desde xuño de 2002. Imparte docencia na Facultade de Dereito da Coruña e na Facultade de Economía e Empresa.
Entre as súas monografías de investigación, destaca o primeiro estudo sobre a Policía Autonómica Galega (Seguridade Pública e Policía Autonómica, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1995), a súa tese de doutoramento Poder policial y Derecho Administrativo (Universidade da Coruña, Servizo de Publicacións, 2000), así como o libro Tragsa. Medios propios de la Administración y huida del Derecho Administrativo (Barcelona, Atelier, 2004). En coautoría con Teresa Nieto Freire publicou a monografía Camiños de Santiago. 50 anos de desprotección patrimonial dun itinerario cultural (Pontevedra, Nigratrea, 2013).
Entre o 19 de agosto de 2005 e o 8 de novembro de 2008 desempeñou o cargo de secretario xeral da Consellaría de Cultura e Deporte. Foi tamén secretario da Fundación Cidade da Cultura, da Fundación Illa de San Simón, da Fundación Museo do Mar de Galicia, así como vogal da Comisión Executiva do Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela.
Desempeña, desde maio de 2010, o cargo de secretario xeral da Universidade da Coruña, entre cuxas responsabilidades está a de dirixir a política de normalización lingüística no ámbito universitario. Desde setembro de 2010, é vogal da Comisión de Patrimonio Histórico da Provincia da Coruña.
Patrón fundador e vicepresidente da Fundación Praza Pública, editora do xornal dixital praza.gal. Presidente da Asociación veciñal “O Castro” de San Lourenzo de Meixigo (Cambre).