Xisela Franco Costas

----

Xisela Franco Costas

1978 Vigo
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Xisela Franco Costas

1978- Vigo
Cineasta e investigadora de ampla traxectoria en documental e cine experimental. Sempre indagando novos camiños da expresión audiovisual que cuestionen a identidade do cine para redefinilo, a súa obra recibiu premios e percorreu galerías e festivais internacionais. A súa formación iníciase como licenciada en Comunicación Audiovisual e posteriormente licénciase en Humanidades por Filosofía na UEM, Madrid. Alí reside 9 anos e cofunda a súa propia produtora, Epojé Films, que realiza ou guioniza documentais para TVE ou Canal Historia e, ao tempo, películas con vocación artística. Coa súa obra Aadat (2004), codirixida con Noé Rodríguez, recibe, entre outros premios, o galardón Ciudad de Madrid al Mejor Documental Español no Festival DocumentaMadrid, o Premio á Mellor Obra de Vídeoarte de Vitoria-Gasteiz e é finalista en varios festivais europeos (Lepzig International Film Festival, European Film Biennale en Ludwigsburg…).
Entre 2006 e 2010, trasládase a Canadá cunha bolsa da Fundación Caixa Galicia Estudos Posgrao e cursa un Master of Fine Arts in Film (MFA) en York University, supervisa a súa memoria de licenciatura o cineasta Phil Hoffman. En York tamén imparte clases de Film Art en calidade de asistente do profesor John MCullough. En Canadá coñece a vibrante comunidade de cineastas e artistas de Toronto e achégase ao documental de vangarda canadense. Entre 2012 e 2013, dirixe para TVG trece documentais para a serie As Raíces, sobre historia industrial de Galicia, así como o documental Camerún, al Norte coa ONG Pozos de Agua Mayo Rey, ou o documental SOS Comuneiros de Cabral, documental activista contra a construción dun macro centro comercial. En total, ten no seu haber máis dunha vintena de documentais e proxectos artísticos. Actualmente continúa explorando o documental de creación e a vídeoarte ao tempo que termina o seu doutoramento en Belas Artes na UVigo, sobre “cine de museo”, dirixido por Silvia García e Margarita Ledo.
A súa película Hyohakusha, codirixida con Ánxela Caramés, foi seleccionada no Montreal Underground Film Festival e premiada no Festival Cine Mística de Granada. Acaba de ser seleccionado o seu film Santiago Olladas de Perfil no Festival Internacional Carlos Velo 2015. Recentemente, obtivo a subvención de talento audiovisual galego que outorga o Agadic, Curtocircuíto concedeulle nesta última edición 2015 o Premio ao Mellor Guión Galego por Cruz Piñón (asociacións AGAC e CREA).
Nos últimos anos realiza varias exposicións en galerías galegas (por exemplo, a Atlántica, Coruña) e recentemente expuxo unha selección de seis das súas obras na Casa das Artes de Vigo (exposición Eclecticismos). Dentro desta faceta da arte contemporánea vén de recibir a bolsa de Produción Artística Marco de Vigo 2015, coa que realizará unha exposición individual neste museo.

Xisela Franco Costas nas actividades do CCG