consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

Cruz Gallástegui


BIOGRAFÍA

Modernizador da agricultura e gandeiría galegas. Enxeñeiro agrónomo de raigame vasca ao que non sempre se lle recoñeceu o seu inxente labor, Gallástegui, formado en Bioloxía aplicada en Francia, Alemaña e Estados Unidos, foi pioneiro en Europa en experimentar cos híbridos do millo e grande impulsor da mellora e da modernización da agricultura galega. Tan implicado estivo na dirección da Misión Biolóxica de Galicia que en palabras de Antonio Odriozola, “a súa biografía é a biografía deste centro de investigación”.

Cruz Gallástegui naceu en Vergara (Guipúscoa) en maio de 1891. Rematado o bacharelato, seu pai, experto en horticultura, fruticultura e gandería, enviouno primeiro a Limoges e despois a Alemaña, onde estudou, de 1910 a 1914, e se graduou de enxeñeiro na Real Escola Superior de Agricultura de Hohenheim, preto de Stuttgart, onde coñece a Xulio López Suárez, que o invitou a coñecer a finca que o seu irmán, Xoán de Forcados, tiña en Lamaquebrada, nas terras do seu Saviñao natal. Alí don Xoán ensaiaba e patrocinaba un proxecto de granxa experimental e unha escola agrícola nocturna na que os fillos dos labregos aprendían as bases da agricultura e da economía agraria, das que lle encargou a dirección ao seu irmán e a Gallástegui. O encontro cos irmáns López Suárez foi decisivo porque Xoán, que xa estaba ampliando estudos de Medicina no Rockefeller Institute de Nova York, conseguiu que a Junta para Ampliación de Estudios lle concedese unha beca a Gallástegui, que chegou a Nova York a finais de 1917. López Suárez orientouno cara á Xenética e despois de acompañalo a visitar aos profesores Thomas H. Morgan e Edward M. East, os máis soados xenetistas daquela época en América, axudouno a instalarse en Boston para estudar Xenética vexetal na Bussey Institution da Universidade de Harvard co mencionado East e Xenética animal con William E. Castle.

Despois de Harvard traballa na Agricultural Experiment Station de Connecticut con Edward H. Jenjis, Donald e F. Jones e Shull sobre a fecundación do millo híbrido. Logo vai a New Haven e a partir do 1 de febreiro de 1919 pasa a Ithaca (Nova York) para proseguir os seus estudos no Departamento de Mellora Vexetal da Universidade de Cornell. Dada por rematada a súa estadía en EEUU, aínda bota un ano en México, na explotación agrícola do seu tío Teodoro Gallástegui, poñendo en práctica o que aprendera. Mentres tanto, López Suárez xestionaba coa Xunta Directiva da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago que solicitase da Junta de Ampliación de Estudios, daquela presidida por Ramón y Cajal, a creación dun centro no que se estude e traballe sobre o melloramento da riqueza agrícola e gandeira de Galicia. Para tal fin López Suárez conta co apoio da Escola de Veterinaria de Santiago e do Distrito Forestal de Pontevedra. Só lle faltaba convencer a Gallástegui para que se sumase ao proxecto. Don Cruz regresa de América en marzo de 1921, e nunha viaxe en tren desde Monforte a Venta de Baños desiste de continuar a Vergara e acompaña a Xoán de Forcados a visitar en Madrid a Cajal e a Xosé Castillejo, secretario da Junta, para establecer os pormenores da posta en marcha en Santiago da Misión Biolóxica de Galicia.

A proposta foi aceptada e en abril de 1921 nace a Misión Biolóxica con sede en Santiago e Gallástegui de director, orientado por un comité de dirección composto por Rafael Areses, xefe do Distrito Forestal de Pontevedra, Xosé Rivero de Aguilar, director da Económica, Rof Codina, inspector de Hixiene Pecuaria, e López Suárez. Instalouse a Misión nos locais que lle cedeu a Escola de Veterinaria, actual edificio do Parlamento de Galicia, e o primeiro que se fixo foi plantar millo na parcela de media hectárea da horta. O orzamento inicial da Misión ascendía a 10.500 ptas. anuais e era custeado integramente pola Junta de Ampliación de Estudios. A Misión permaneceu en Compostela de 1921 a 1926, ano no que se quedou sen local ao desaparecer a Escola de Veterinaria, pero en 1927 Daniel de la Sota, presidente da Deputación de Pontevedra, fíxose cargo do desacougo que esta decisión do Ministerio da Guerra da Ditadura de Primo de Rivera producira e facilitoulle o traslado a Pontevedra, primeiro na finca da Tablada e máis tarde na granxa e pazo de Gandarón, en Salcedo, que pertencera ao arcebispo Malvar, onde se instalou definitivamente, con importantes melloras no cadro de persoal e nas subvencións anuais.

Ademais dos numerosos estudos agropecuarios que deu a coñecer en publicacións e conferencias, na etapa de Santiago, Gallástegui para iniciar os traballos da Misión, selecciona o problema dos soutos de castiñeiros, que eran desbastados polo andazo da “tinta”, e a mellora do millo por medio da hibridación, ademais doutros estudos xenéticos. En Pontevedra, aínda que a súa función básica seguise sendo a mellora do millo, a Misión intensificou o contacto cos agricultores, repartiu gratuitamente híbrido e propiciou a creación do Sindicato de Produtores de Semillas, mellorou a baixa produtividade das patacas, seleccionou e mellorou as plantas hortícolas. Coa incorporación dos enxeñeiros Vicente Boceta e Miguel Odriozola, orientou os traballos de selección e nutrición do gando porcino e a creación dunha piara da raza “Large White”.

A pesar das incertezas que provocou a guerra civil, en 1939 a Misión Biolóxica pasa a depender do Consello de Investigación Científicas, sucedáneo da Junta para Ampliación de Estudios, o que permite a D. Cruz e aos seus colaboradores manter as liñas de traballo en marcha e incluso se iniciaron novas tarefas e se melloraron as instalacións. E aínda que o Ministerio de Educación foi impoñendo as normas directivas e administrativas da Misión, en ningún momento se cuestionou a figura de Gallástegui, membro do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista, ponderado polos seus contemporáneos como unha grande personalidade científica que aínda impresionaba máis pola súa inigualable bondade. Dirixiu a Misión ata o momento mesmo da súa morte, moi preto da súa mesa do laboratorio, en 1960.



Pode actualizar a súa fotografía ou currículo remitindonos un correo a web@consellodacultura.org