Helena González Fernández

----

Helena González Fernández


NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Helena González Fernández


Profesora titular de Estudos Galegos e Portugueses na Universidade de Barcelona, académica correspondente da Real Academia Galega e directora de ADHUC - Centro de Investigación en Teoría, Xénero e Sexualidade da Universidade de Barcelona.

Comeza a súa formación superior no Colexio Universitario de Vigo e complétaa na Universidade de Santiago de Compostela, onde obtén a licenciatura en Filoloxía Hispánica, Sección Galego-Portugués, en 1990. Ese ano acada unha bolsa para traballar no Servizo de Normalización Lingüística da USC, en 1991 aproba as oposicións de Lingua e Literatura Galegas e é destinada a Pontevedra. En 1994 é elixida lectora de galego na Universitat de Barcelona, onde entra en contacto coa emigración, os estudos de xénero e a rede internacional de galicianistas. En 1999 defende a súa tese de doutoramento, Mulleres atravesadas por unha patria: poesía galega de muller entre 1975 e 1997, dirixida por Basilio Losada, e acada praza como profesora titular en 2001.

A súa investigación artéllase arredor da crítica literaria feminista, a cultura popular, a teoría das emocións e as relacións culturais Galicia-Cataluña. Entre os seus libros destacan: Luís Seoane: vida e obra (1994), Unha lectura de Códice Calixtino de Luz Pozo Garza (1997), Elas e o paraugas totalizador (2005), traducido ao castelán como Género y nación. Con María Xesús Lama editou Do sentimento á conciencia de Galicia, 1961-1984 (2009), a correspondencia cruzada de Ramón Piñeiro e Basilio Losada, que constitúe unha crónica atenta das redes e estruturas que desprega a cultura galega neses anos.

Preparou diversas edicións críticas: de De catro a catro (1998), de Manuel Antonio, Más allá del tiempo. O libro inédito de 1965 (2007), de María Mariño, e Contra la inèrcia. Textos polítics 1979-1980 (2019), que recolle os artigos galegos de Maria-Mercè Marçal. E publicou algunhas escolmas poéticas: Upalás (1998), de Rompente, con Iris Cochón, Rías de tinta (1999), con Marta Segarra e Francesco Ardolino, e A tribo das baleas (2001).

Actuou como editora de diversas monografías sobre literatura, xénero e sexualidade, como Palabras extemas: escritoras galegas e irlandesas de hoxe (2008), con Manuela Palacios, Máxima audiencia: cultura popular y género (2011), con Isabel Clúa, Canon y subversión. La obra narrativa de Rosalía de Castro (2012), con María do Cebreiro Rábade. Colaborou na Breve historia feminista de la literatura española, coordinada por Iris Zavala, e no Diccionario da Literatura Galega, en 4 volumes, dirixido por Dolores Vilavedra.
Publicou numerosos artigos e capítulos sobre cultura galega (La Bella Otero, Xohana Torres, Luz Pozo, María Mariño, Manuel Lourenzo, Margarita Ledo, Ana Romaní, Chus Pato, Teresa Moure, Lupe Gómez, Antón Riveiro Coello, María Reimóndez, Inma López Silva, Emma Ríos), autoras brasileiras (Carol Bensimon, Hilda Hilst, Marilene Ribeiro) e mais as escritoras-testemuño da represión franquista e nazi (Mercedes Núñez, entre outras). Traduciu ao galego Capital da dor (1997), de Paul Éluard, con Laurence Brault, e Mil cretinos (2008), de Quim Monzó.

Foi investigadora principal de tres proxectos competitivos sobre xénero e cultura popular, teoría crítica das emocións e as figuras de exclusión (arredor dos conceptos de tránsfugas e parias modernas).

Desde 2014 coordina con Mariám Mariño A Saia, hemeroteca dixital de publicacións feministas e LGTBIQ+ (coedición Consello da Cultura Galega / ADHUC), na que se publicaron ata agora dezaseis cabeceiras.

Foi directora do Centre Dona i Literatura e das revistas científicas Abriu: estudos de textualidade do Brasil, Galicia e Portugal e Lectora: revista de mulleres e textualidade. Formou parte, desde a súa creación, dos consellos editoriais do Anuario de Estudos Literarios Galegos, dirixido por Xoán González-Millán e Dolores Vilavedra, e da colección de poesía Ablativo Absoluto de Edicións Xerais. Desenvolveu unha intensa actividade como crítica literaria en Grial, Revista das Letras de Galicia Hoxe, Dorna e Lateral e participou cunha sección de opinión no Diario Cultural da Radio Galega.

Publicacións nas que participou Helena González Fernández

Portada de  Loia
LIBRO

Loia

Estudo crítico

Materiais de Helena González Fernández

Documento

Homenaxe a Xoán González-Millán

Relatorios de Camino Noia, Arturo Casas, Helena González e Víctor Fuentes no VII Congreso Internacional de Estudos Galegos.
Documento

GONZÁLEZ, Helena; BERMÚDEZ, Teresa: «Xohana Torres»

«Revista das letras», suplemento de O Correo Galego, n.º 334 (6-10-2000).

Publicacións periódicas

Aviso Listado automático de documentación relacionada con nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
Vento do Leste (1993-) .
Revista de Cultura, Arte e Sociedade
Publicación impresa | Labor na publicación: COLABORACIóN;

Artigos

GONZáLEZ FERNáNDEZ, H. (1994) Escrito por mulleres. Festa da palabra silenciada. (10), 81-83.
Ver bibliografía Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
Mencións:
GONZáLEZ FERNáNDEZ, H. (1998) Regresar ó inferno por unha ponte de poldras de Chus Pato. Festa da palabra silenciada. (14), 106-107.
Ver recensión Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
Mencións:
GONZáLEZ FERNáNDEZ, H. (2001) A Festa, viveiro de poetas. Festa da palabra silenciada. (16), 42834.
Ver artigo Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
Mencións:
GONZáLEZ FERNáNDEZ, H. (2010) A comunidade sen heroes, ou cando a vindicación artella a nación. Festa da palabra silenciada. (26), 42899.
Ver artigo Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
Mencións:
GONZáLEZ FERNáNDEZ, H. (2013) Festa da Palabra Silenciada, ou the dinner party á galega. Festa da palabra silenciada. (29), 8-12.
Ver artigo Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
Mencións:

Biobibliografías para o Álbum de Galicia

Filomena Dato

Ourense, 1856 - A Coruña, /1929
A poeta galega máis premiada de finais do XIX