Leopoldo Hernández Robredo

----

Leopoldo Hernández Robredo

1864 Burjasot, Valencia | 1954 Madrid
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Leopoldo Hernández Robredo

1864- Burjasot, Valencia | 1954 Madrid
O artífice do sistema de innovación agronómica en Galicia Este enxeñeiro agrónomo valenciano encerra de seu dous paradigmas do proceso de modernización que experimentou a agro galego antes de 1936. Por unha banda é un exemplo dos técnicos non galegos que traballaron en Galicia nas primeiras décadas so século XX a prol da innovación técnico-biolóxica da agricultura (xunto con Rof Codina ou Gallástegui Unamuno); ademais, foi un destacado expoñente dun amplo colectivo de agraristas e técnicos galegos que viron freado bruscamente o seu labor despois da guerra civil. Non estamos diante dun científico experimental básico, senón dun técnico ocupado na experimentación, aplicación e a divulgación de novas técnicas e melloras biolóxicas e zootécnicas substanciais para o desenvolvemento agropecuario. Pero non por iso as súas achegas teñen menos importancia, moi ao contrario. Trátase ademais de quen, como director da Granxa da Coruña entre 1904 e 1928, foi protagonista da organización do sistema de innovación agropecuaria en Galicia. A súa figura e o seu labor foron inxustamente esquecidos ata hai poucos anos, cando nada tivo que envexar ao doutros coetáneos, de sobra coñecidos, cos que colaborou arreo. A súa marcha de Galicia a piques de agromar a primavera republicana, na que o labor doutros técnicos alcanzou merecida sona, explica seguramente este inxusto esquecemento posterior, remediado desde hai uns anos por novas xeracións de agrónomos que están a reivindicar diversas liñas do seu traballo.

Da súa longa vida pasou un cuarto de século na Coruña (1904-1928), cidade na que, ademais de dirixir a Granxa Agrícola Experimental, ocupou en diversos períodos a xefatura agronómica provincial, así como a dirección (1919-1923) da Escola de Peritos Agrícolas instalada na Granxa. Foi tamén director da Cátedra de Divulgación Agrícola da Rexión Agronómica de Galicia e o goberno designouno, en 1926, Presidente da Comisión Provincial de Valoración de Foros. Cando en 1928 abandonou a dirección da Granxa para dirixir o Servicio Agronómico de Madrid, seguiu a publicar traballos sobre a agricultura galega.

Aplicación práctica e teórica dos coñecementos agrónomos

A actividade de Hernández Robredo nos ambientes agraristas preocupados pola renovación técnica da agricultura foi parella aos seus cargos en organismos oficiais. Cabería destacar que foi promotor do Sindicato-Cámara Agrícola da Coruña, do que sería Presidente na segunda década do século XX e desde o que contribuíu a organizar numerosos concursos gandeiros por todo o país; mantivo unha estreita relación co grupo da revista Prácticas Modernas -Rodrigo Sanz, Bartolomé Calderón e Valeriano Villanueva-, cos que colaborou despois no marco do movemento solidario. Nos anos vinte orientou a súa colaboración cos sindicatos católicos; foi, así mesmo, presidente da Liga de Amigos da Coruña, desde a que organizou numerosas festas da árbore.

Titulado en enxeñería agronómica pola Escola madrileña en 1889 (28ª promoción), da súa actividade anterior a 1904 sabemos unicamente que chegou a Galicia procedente do Servicio Agronómico de Logroño, onde se ocupara preferentemente de cuestións relativas á vide e máis á pataca. Á súa dirección debeuse que a Granxa coruñesa se convertese, logo de case 15 anos de lánguida actividade, nun auténtico centro de investigación aplicada en temas agropecuarios, normalmente de inmediato interese e aplicación. Robredo foi dalgún modo o iniciador das estancias de formación no estranxeiro, que se converterán en norma entre os investigadores nos anos vinte e trinta, grazas ás pensións da Junta de Ampliación de Estudios (JAE). Realizou diversas viaxes ao Reino Unido, das que tirou conclusións importantes sobre novos cultivos a implantar e sobre como resolver o desenvolvemento gandeiro. En 1912, nunha viaxe de estudos por Inglaterra, pensa na conveniencia de introducir o cultivo do lúpulo en Galicia debido ás semellanzas agrobioclimáticas entre o sur de Inglaterra e a comarca das Mariñas, principiando así a súa explotación na Península Ibérica. Deste xeito, o lúpulo galego convértese en preeminente para o estado, abandonando as importacións e fornecendo de materia prima á industria cervexeira española. Ademais convéncese da necesidade de estender os prados artificiais con obxecto de impulsar a cabana bovina. Novos desprazamentos nos anos vinte teñen por obxecto mercar gando selecto para a experimentación de posibles liñas de cruzamento, así como para participar nun Congreso Internacional sobre os problemas do cultivo da pataca, celebrado en Londres.

Alén destas viaxes, procurou establecer contactos con importantes centros estranxeiros de investigación, sobre todo británicos, pero tamén italianos e portugueses, co obxecto de situar a Granxa coruñesa nunha privilexiada rede de innovación científicas nos distintos campos de aplicación agropecuaria. Entre outros, cabe indicar o Agricultural College de Kent, o Instituto de Agricultura de Roma e o Instituto Agronómico de Lisboa. Dalgún modo, Hernández Robredo pode ser considerado como o vínculo entre as vellas xeracións de enxeñeiros e as novas que, grazas ao pulo da JAE., se formarán no estranxeiro, comezando a reverter o seu labor en Galicia despois da Gran Guerra Europea.

Liñas de traballo

As liñas de traballo desenvolvidas por Robredo, en colaboración co seu equipo da Granxa e mais os colaboradores de fóra dela, son múltiples e caracterizadas polo empirismo e a busca da aplicación ao ámbito da produción. Unha das claves do éxito da súa estratexia residiu na capacidade de comprender a lóxica produtiva labrega para promover a adopción de innovacións na medida das súas necesidades, que partillou con outros importantes agrónomos da época. No aspecto zootécnico, cóubolle a Robredo a virtude de sancionar o debate, pendente dende finais do século XIX, sobre cal era o modo máis idóneo para levar adiante a mellora da raza bovina galega. A súa proposta de facelo combinando o cruzamento coa raza suíza Simmenthal e maila selección en pureza foi a que se levou á práctica, logo de sucesivos ensaios de cruzamentos con diversas razas. Precisamente desta investigación sairá a raza rubia galega que, como manifestaba o propio Robredo: “Podería pensarse que para encher cumpridamente tantas e tan heteroxéneas esixencias (traballo, leite, carne), imponse facer unha raza, pero tais esixencias –que de vello se manteñen- naceron por existir unha raza vacún capaz de resolvelas, e esta raza é precisamente a galega”. Tamén foron deseñados e impulsados por el os mecanismos para facela efectiva: concursos, paradas de sementais, etc. Desde o seu punto de vista, a mellora xenética do gando tiña que ir acompañada dunha mellora da alimentación, polo que realizou continuas experiencias sobre prados e forraxes co obxectivo de introducir o cultivo de novas forraxes, mellorar as mesturas de sementes para facer prados artificiais en Galicia ou procurar novos modos de aproveitamento forraxeiro.

Moitas outras facetas abranguen a súa actividade. Entre as máis importantes destaca a experimentación sobre apeiros e máquinas (arados, malladoras, sulfatadoras, etc.), á busca dos modelos máis adecuados para empregar en Galicia; sobre novos cultivos e sementes melloradas; o primeiro deseño dunha loita anticriptogámica aplicada ás condicións reais da produción agraria galega, que logo se concretará na creación da Estación de Fitopatoloxía en 1925; a busca dos tipos e as combinacións de fertilizantes
máis adecuadas para cada cultivo e para os distintos tipos de solos do país. O seu labor experimental, moi empirista, contribuíu a adecuar ás diferentes condicións de produción do país novidades químicas, biolóxicas e técnicas que había que encaixar nunha economía labrega de pequena explotación familiar como a galega da altura. Como demostra a súa bibliografía, traballou en moi diversos campos das ciencias agrarias e cunha importante compoñente divulgadora.

Pese á grande influencia que tivo nas tres primeiras décadas do século e, aínda que a súa marcha en 1928 foi recoñecida publicamente como un gran baleiro, non pode dicirse que crease escola no sentido máis preciso. Sen embargo, os seus logros institucionais foron tan decisivos na creación dunha armazón institucional da innovación en Galicia que, de feito, a Granxa da Coruña seguiu funcionando deica os anos sesenta baixo os presupostos organizativos e as liñas de traballo que Robredo marcara entre 1904 e 1928. Aquí residiu precisamente o seu maior mérito, na creación dunhas bases duradeiras para a experimentación e a difusión de innovacións. O seu traballo non foi ruidoso, pero foi moi sólido. Non creou escola, pero si modos e liñas de actuación estables no modelo de mellora do gando vacún galego, na selección de innovacións mecánicas ou no deseño do primeiro modelo de loita anticriptogámica aplicada ás condicións de produción galegas.

Os testemuños recollidos de quen o coñeceu xa xubilado nos anos cincuenta, na Granja de El Encín, preto de Madrid, lembran a un venerable ancián que sempre recomendaba con amargura aos novos enxeñeiros, que non se esforzasen moito no seu traballo porque nin o Estado lles ía dar ningunha satisfacción nin lle ía importar se cumprían ou non. Esta amarga recomendación, feita en pleno franquismo, chocáballes aos seus interlocutores, precisamente porque entre o corpo de enxeñeiros, Robredo era coñecido pola súa historia de servizo e dedicación e o seu traballo arreo, sobre todo na Granxa da Coruña. Non deixa de ser significativo que xa xubilado seguira a asinar os seus traballos como ex-director da Granxa da Coruña, pese a ter ocupado despois outros cargos de máis fuste administrativo. Diríase simplemente que era un vello que lembraba o pasado con señardade, pero ben sabemos que nunca como antes, sen ditadura e en Galicia, lograra Hernández Robredo facer render como quería as súas capacidades e a súa vocación de servizo. O amarguexo era o do recordo dun pasado de innovación e modernización dende un presente retrógrado de atonía.




Bibliografía:



Fontes impresas:

HERNANDEZ ROBREDO, Leopoldo (1903): La Filoxera y la vid americana: Medios practicos de reconstitución del viñedo en España , Logroño: Imprenta El Logroñés.

HERNANDEZ ROBREDO, Leopoldo (1911): Granja Escuela práctica de Agricultura Regional de La Coruña : memoria relativa al historial, organización y resultados obtenidos en dicho centro,. Madrid: Imprenta de los Hijos de M.G. Hernández.

HERNANDEZ ROBREDO, Leopoldo (1914): “El aumento de los forrajes y la guerra”. La Industria Pecuaria, nº 414 e 431, s/p.

HERNANDEZ ROBREDO, Leopoldo (1921): El Lúpulo y su cultivo, Madrid: Espasa-Calpe.

HERNANDEZ ROBREDO, Leopoldo (1927): Formación y explotación de los prados en Galicia, El Cultivador Moderno, XVII, nº 1, p. 13-15

HERNANDEZ ROBREDO, Leopoldo (1933): Pastos y Prados, Madrid: s/ed.

HERNANDEZ ROBREDO, Leopoldo (1935a): El trébol rojo en la zona lluviosa de España, Hojas Divulgadoras, Madrid: D. Gral. de Agricultura.

HERNANDEZ ROBREDO, Leopoldo (1935b): El tojo, Agricultura, 89: 207-301.

HERNANDEZ ROBREDO, Leopoldo (1935c): Descubrimiento de manantiales, Madrid: Servicio de Publicaciones Agrícolas.

HERNANDEZ ROBREDO, Leopoldo (1936): Embellecimiento de la vida rural por las labradoras, Madrid: Ministerio de Agricultura, Dirección General de Agricultura.

HERNANDEZ ROBREDO, Leopoldo (1946): Prados del Noroeste, Hojas Divulgadoras. Madrid: D. General de Agricultura.

HERNANDEZ ROBREDO, Leopoldo (1947): El algarrobo, Hojas divulgadoras, XL, 8.

HERNANDEZ ROBREDO, Leopoldo (1952): Metodología Física y climatología agrícolas, Barcelona: Ed. Salvat.

HERNANDEZ ROBREDO, Leopoldo (s/d): Meteorología agrícola y pronóstico del tiempo, Madrid: Ministerio de Agricultura.


Bibliografía secundaria:

ALENDA, R. (1985): La preocupación por la mejora delganado vacuno gallego. Su historia y metodología, 1887-1952, Cuadernos do Area de Ciencias Agrarias do S.E.G., 4.

ÁLVAREZ LÓPEZ, M. (1983): El cultivo del lúpulo en Galicia. Anuario Brigantino, nº 6, p. 101-104.

FERNANDEZ PRIETO, L. (1988). A Granxa Agrícola-Experimental da Coruña, 1888-1928, Santiago: Consellería da Presidencia e Administración Pública, Servicio Central de Publicacións.

FERNANDEZ PRIETO, L. (1988): Infraestructura e organización da investigación agropecuaria en Galicia durante o primeiro tercio do século XX, Ingenium, 1: 11-25.

FERNANDEZ PRIETO, L. (1992): Labregos con ciencia, Vigo: Xerais.

FERNANDEZ PRIETO, L. e FRAGA VÁZQUEZ, X. A (2011): A Granxa Agrícola Experimental de Galicia, A Coruña: Museos científicos coruñeses/Consellaría do Medio Rural.

SINEIRO, F. (1983): A produción gandeira nas terras a monte: análise da evolución do sistema productivo no período 1900-1980: As posibilidades de mellora e sementeira de pastos, IIas Xornadas & Estudio de CC. AA. do S. E. G.