Luís Iglesias Iglesias

----

Luís Iglesias Iglesias

1895 Vigo | 1977 Santiago de Compostela
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Luís Iglesias Iglesias

1895- Vigo | 1977 Santiago de Compostela
Ilustre catedrático e investigador, entusiasta do coñecemento da Historia Natural en Galicia Fillo e neto de médicos, Luís Iglesias tamén se licenciou en Medicina na Universidade de Santiago en 1919, pero antes cursara a carreira de Historia Natural en Madrid, na que se doutorou en 1918 coa tese Curculiónidos de la Península Ibérica e Islas Baleares, dirixida polo presidente da Junta para Ampliación de Estudios e director do Museo de Ciencias Naturais, o catedrático Ignacio Bolivar y Urrutia. Sen embargo, agás o período militar durante a contenda de Marrocos na que lle foron requiridos os seus servizos coma médico, a súa vida profesional decantouse enteiramente pola docencia e a investigación das Ciencias Naturais, eido no que o iniciou o entómólogo Antonio García Varela. Comezou a súa carreira docente como profesor auxiliar do Instituto e da Facultade de Ciencias de Santiago. En 1928 opositou con éxito á cátedra de Historia Natural do Instituto de Santiago e en 1932 á de Bioloxía Natural da Facultade de Ciencias.

A obra investigadora de Luís Iglesias centrouse, sobre todo, na Entomoloxía, do que son mostra un grande número de artigos e o seu discurso de apertura do curso académico 1941-42 da USC, Interpretación de escenas de la vida de los insectos. No ano 1930 foi pensionado pola Junta para Ampliación de Estudios para realizar estudos de entomoloxía agraria no Laboratorio de Entomoloxía do Real Instituto Superior Agrario de Portici (Nápoles) co profesor Silvestri, onde asistiría a un curso de zooloxía Agraria; logo en Roma, no Instituto Internacional de Agricultura; en Florencia na Estación Entomolóxica e no Instituto de Zooloxía (Badasseroni); e en Boloña, no Instituto Superior Agrario (Guido Grandi).

Ademais de catedrático desempeñou os cargos de decano da Facultade de Ciencias e Reitor da Universidade de Santiago, colaborou con Rodríguez Cadarso na fundación do Instituto de Estudios Regionales y Portugueses, a partir do cal naceu o Laboratorio de Fitopatoloxía e o Consultorio de Pragas do Campo, creado en 1933 polo Ministerio de Agricultura, a instancias da JAE e do SEG, que el mesmo dirixiu e mantivo durante trinta anos como un útil servizo para a poboación rural galega ante as frecuentes enfermidades micolóxicas e entomolóxicas das plantas de cultivo.

Pódese sinalar como data significativa do entronque das Ciencias Naturais ao Seminario de Estudos Galegos coa entrada nel de Luís Iglesias, que o 22 de xaneiro de 1926 leu o seu discurso de ingreso, que versou sobre as Aves da Galiza, presentando ao mesmo tempo numerosos e fermosos exemplares disecados para ilustralo e que foi publicado nos Arquivos do Seminario en 1927. Foi director da sección de Ciencias Naturais, membro da sección de publicacións e presidente da comisión mixta para os actos do milenario de Celanova. En 1927 tamén participou nunha excursión promovida pola Comisión de Estudios de Galicia para o estudio naturista e folclórico da Serra dos Ancares, Invernadoiro e Queixa. A excusión foi realizada baixo a dirección do pontevedrés Luís Crespí, profesor do Instituto Escola de Madrid, en colaboración co profesor Samapaio, de Porto, Luís Iglesias Iglesias, Gustavo Nieto Vallas, Xosé Rodríguez Bouzo, e a presenza de ilustres mestres como Valivow, agrónomo e xenético ruso de viaxe de estudios por Europa e Asia. Iniciaron a excursión en Ponferrada e, estudando flora, fauna e folclore, dirixíronse a Pedrafita e Becerreá. A segunda parte comprendeu as serras do Invernadoiro e Queixa. Froito desta experiencia son os seus traballos Impresiones de la excursión a Sierra de los Ancares, Invernadeiro y Queija e El Parque Regional Gallego, publicados ambos en 1929, o primeiro nos Arquivos do SEG e o segundo na revista da Real Sociedad Española de Historia Natural. Máis alá do SEG, o compromiso galeguista de Luís Iglesias significouse como numerario da Real Academia Galega, institución na que ingresou en 1947 co discurso Las especies del género Carabus en Galicia, foi o primeiro presidente do Padroado Rosalía de Castro e autor do artigo “Xeografía fito-zoolóxica”, inserto no Vol. I da Historia de Galiza (Editorial Nós, Bos Aires, 1962) dirixida por Otero Pedrayo.

Outra actividade científica de don Luís Iglesias foi o seu traballo á fronte do Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago, instituído como tal en 1906 baixo a dirección de Antonio García Varela, que herdaba as coleccións do Gabinete de Historia Natural fundado a mediados do século XIX. O prof. Iglesias iniciou o seu labor museístico no edificio central da Universidade, onde estivo instalado ata 1961, ano no que foi trasladado ao novo edificio da Facultade de Ciencias, onde el mesmo lle deu a estrutura actual dividíndoo en tres salas ou seccións: a da Colección Universal, a Mineralóxica e a Zoolóxica. Entre outras coleccións a Universal recolle a malacolóxica “Adriano López Morillo”, a mineralóxica a colección Viqueira, e a zoolóxica foi creada enteiramente por Luís Iglesias e está composta por exemplares cazados por el mesmo ou os seus amigos e taxidermizados por Santiago Vez Quijano, e cunha colección de peixes doada por Víctor López Seoane.

En 1965, ao xubilarse como catedrático de Bioloxía, o claustro da Facultade de Ciencias deulle ao Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago o nome de Luís Iglesias como recoñecemento á súa dedicación a este proxecto científico e didáctico. Aínda xubilado proseguiu co seu traballo no Museo, aumentando e mimando as coleccións, ata case o momento do seu pasamento, acontecido o 29 de decembro de 1976. Antes fora distinguido coa encomenda da Orde Civil e a gran cruz de Alfonso X o Sabio, a medalla de prata ao mérito cultural da Orde de Cabaleiros de Compostela, etc. O seu efémero reitorado e a súa forte vinculación á igrexa católica salvárono de calquera posible depuración docente na Universidade, pero en 1965 tivo que pagar o tributo de apadriñar a Francisco Franco na cerimonia de investidura como doutor Honoris Causa pola Facultade de Ciencias da USC, acto ao que asistiron catro ministros, dous cardeais e todos os reitores do Estado español.

Artigos

(12/1930) Seminario de Estudios Gallegos. Junta extraordinaria. Galicia [Bs As 1930]. [1ª] (187), 2.
Ver noticia Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
Mencións: Joaquín Arias Sanjurjo ; Fermín Bouza Brey ; Salvador Cabeza de León ; Ricardo Carballo Calero ; Xesús Carro García ; Álvaro de las Casas ; Xosé Filgueira Valverde ; Antonio Fraguas ; Daría González García ; Luís Iglesias Iglesias ; Florentino López Cuevillas ; Ramón Martínez López ; Vicente Risco ; Ramón Otero Pedrayo ; Valentín Paz-Andrade ; Paulino Pedret Casado ; Castelao ; Luís Tobío Campos ; Alfonso Vázquez Martínez ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (4/1949) Arqueólogo e poeta. Galicia [Bs As 1930]. (1075), 5.
Mencións: Fermín Bouza Brey ; Salvador Cabeza de León ; Armando Cotarelo Valledor ; Xosé Filgueira Valverde ; Luís Iglesias Iglesias ; Ramón Martínez López ; Magariños Negreira ; José Pena ; Wenceslao Requejo Buet ; Francisco Romero Lema ; Lois Tobío Fernández ; Luciano Vidán Freiría ;