Carlos Ibañez y Varela

----

Carlos Ibañez y Varela

1824 A Coruña | 1886 Madrid
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Carlos Ibañez y Varela

1824- A Coruña | 1886 Madrid
O enxeñeiro que apagou os fornos de Sargadelos Neto do fundador das fábricas de Sargadelos, principiou a súa formación en Madrid, onde estudou a carreira de enxeñeiro de minas, que rematou en 1848. Foi destinado as minas de Almaden, e pouco despois comisionado por unha sociedade mineira privada para o estudo dos aluvións auríferos do Bierzo, onde deseñou unha máquina orixinal para a explotación das arcas. Os sucesos políticos de 1854 o afastaron da explotación mineira e o levaron a Madrid, onde fundou unha empresa para o lavado de roupa ao vapor, a primeira que por este sistema funcionou en España. En 1863 foi nomeado para dirixir a fábrica de fundición de Quirós e Elorza de Oviedo, e pouco despois, de novo en Madrid, encomendóuselle a análise crítica dos estudos de planificación do ferrocarril de Alcázar de San Juan a Quintanar de la Orden. Sabemos tamén que en 1864 realizou un proxecto, impulsado por un grupo de capitalistas madrileños agrupados na sociedade anónima La Coriana Algodonera, para a creación dunha industria algodoeira en Cáceres. Despois da revolución de 1868 obtivo o cargo de xefe de Comprobación de Pesas e Medidas do Instituto Xeográfico.

Cando en 1860 rematou o arrendamento das fábricas de Sargadelos ao empresario Luis de la Riva, e logo de fracasar a familia Ibáñez no seu intento de arrendalas de novo, Carlos Ibáñez encargarase da liquidación das contas coa antiga arrendataria e tomará en arrendo as fábricas por vinte anos. Mais a lentitude na liquidación das contas con Luis de la Riva, os problemas económicos da familia e a denegación por parte da Deputación de Lugo do crédito dun millón de reais que solicitara Carlos Ibáñez, atrasou o acendido do forno das fábricas ata o segundo semestre de 1868, acendido que non durou máis que tres campañas. Despois de intentar a venda das fábricas, Carlos Ibáñez consigue asinar en 1873 un acordo con dous banqueiros coruñeses, Atocha e Morodo, para que colaboren no financiamento do forno de Sargadelos. Pasado pouco máis dun ano, os banqueiros coruñeses solicitan a disolución da sociedade, quedando só Carlos Ibáñez, que en agosto de 1875 apaga definitivamente os fornos e volve á súa residencia habitual de Madrid. Dous anos despois intentou, sen éxito, que o Goberno da nación adquirise as fábricas.



Bibliografía:




Fontes impresas:

IBÁÑEZ Y VARELA, Carlos (1664): Proyecto para una sociedad algodonera en la provincia de Cáceres, Madrid: D. Eusebio Aguado.


Bibliografía secundaria:

CARMONA BADÍA, Joam (1993): Sargadelos en la historia de la siderurgia española, Revista de Historia Industrial, 3: 11-40.

CURROS ENRIQUEZ, Manuel (1887): Un Gallego ilustre, Galicia, I, 1:17-23.

MEIJIDE PARDO, A (1993): Nuevas aportaciones para la historia de las Reales Fábricas de Sargadelos, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro.