Nicolás Taboada y Leal

----

Nicolás Taboada y Leal

1798 Viveiro (Lugo) | 1883 Vigo (Pontevedra)
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Nicolás Taboada y Leal

1798- Viveiro (Lugo) | 1883 Vigo (Pontevedra)
O médico que diagnosticou o primeiro caso de cólera en España Era fillo do cirurxián Vicente Taboada, coñecido polo informe de Josefa de la Torre, obra condenada en 1838 polo bispo de Tui, Francisco García Casarrubios. Cursou estudios no Colexio da Natividade da Nosa Señora en Viveiro. Matriculouse na “Escuela Especial de Arte Curar”, que se fundou durante o Trienio Liberal e desapareceu coa volta do absolutismo. En 1822, durante a súa época de estudante, publicou un poema en verso, Canto épico al exaltado patriotismo que han manifestado en febrero del presente año los milicianos voluntarios de Santiago, no que realiza unha louvanza ao batallón de estudantes que defendían a causa liberal.

A súa primeira actividade profesional desenvolveuna en Oca, no concello da Estrada (Pontevedra), entre 1823 e 1825, ano este último no que pasou ao Real Hospital Militar de Vigo. En 1828 foi proposto como facultativo interino da cidade de Vigo, en substitución de Víctor González Esteban. Logo de constar durante tres anos como titular do Gremio de Mareantes de Muros, regresou a Vigo como médico do Gremio do Mar e Auxiliar do Hospital Militar. En 1830 presentou unha solicitude ao Concello de A Coruña para a praza de médico titular, pero a praza ficou deserta por carencia de recursos económicos do consistorio.

A loita contra a epidemia de cólera

En 1833 desencadéase en Vigo a primeira epidemia de cólera de España e Taboada foi o responsable de levar a cabo unha eficiente campaña para erradicar o brote, sendo o primeiro médico que diagnosticou un caso de cólera en España. Esta epidemia motivou que volvera a formularse a construción dun lazareto permanente no Atlántico, ao que optaban en Galicia as cidades de Vigo, Pontevedra, Vilagarcía e A Coruña. Por Real Orde de 6 de xuño de 1838, autorizouse á Xunta de Sanidade e Comercio a construción dun lazareto na illa de San Simón, na ría de Vigo. As diferenzas que mantivo sobre a construción do lazareto foron motivo da súa obra Consideraciones y datos para esclarecer la cuestión suscitada recientemente sobre la conveniencia o inconveniencia de que exista el lazareto edificado en la isla de San Simón (1851).

Coñécense os detalles da entrada da epidemia e a expansión grazas ao informe escrito por Nicolás Taboada Leal e publicado en 1848, Informe sobre la Cólera-Morbo asiática, no que describe as vías de penetración e contaxio e as persoas e lugares afectados. O informe conclúe propoñendo medidas preventivas e terapéuticas, claro expoñente da excelente formación e coñecemento que Taboada tiña da enfermidade. Móstrase partidario da teoría do contaxio da enfermidade. Describe minuciosamente a entrada da enfermidade na ría de Vigo e a súa propagación a outros lugares, como Muros e Carnota. Afirma “que los medios únicos, seguros e infalibles para impedir la introducción del cólera en cualquier país, son el aislamiento, la completa incomunicación con los lugares y personas infectadas, como también con sus efectos” (Taboada y Leal, 1848: 34). Propón levar a cabo unha serie de medidas preventivas, con establecementos de comisións sanitarias de cuartel, creación de hospitais provinciais ou ambulantes e socorros domiciliarios. Asínao en Vigo, o 25 de novembro de 1848, sendo presidente Genaro Alas e secretario Francisco R. Rubín.

Vinte anos máis tarde, volve ser o porto de Vigo a porta de entrada da cólera en España. Novamente dispoñemos dunha detallada descrición grazas a Manuel Ocampo Martínez y Meneses (1854), cirurxián da parroquia do Viso en Redondela, que atendeu o primeiro caso de cólera. No seu libro Relación histórica de la invasión y progresos del cólera-morbo espasmódico en el distrito municipal de Redondela, narra a oposición que atopou por parte da Xunta Municipal de Distrito e as presións e críticas das que foi obxecto, mesmo por parte do xornal El Faro de Vigo. A Xunta de Sanidade de Vigo e Redondela oponse a declarar a enfermidade, en opinión de todos os estudos que se realizaron por subordinar os intereses económicos aos obxectivos sanitarios. Recoñecer a existencia da cólera supoñía admitir a ineficacia das corentenas do Lazareto de San Simón na ría de Vigo e a imposición de medidas que obrigarían a restrinxir o tráfico de mercadorías no porto de Vigo. Manuel Ocampo xa tiña experiencia con enfermos de cólera da epidemia de 1833 e cando veu as primeiras afectadas, inmediatamente identificou a enfermidade. A Xunta de Sanidade de Vigo e Redondela, ademais de negar a existencia da cólera, para fundamentar as súas actuacións apoia a teoría anticontaxionista, que consideraban as medidas preventivas carentes de efectividade.

Nesta disputa Nicolás Taboada Leal, consultor da Xunta de Sanidade de Vigo, é apartado das súas funcións por defender que se trata de cólera. Debido ás denuncias da situación que se realizaron ante o Gobernador da Provincia, este nomeou unha comisión o 27 de decembro, na que participaron os médicos de Santiago Martínez de la Riva e López, que informaron ao Gobernador que se trataba de cólera. Unha nova comisión, esta vez presidida por Varela de Montes, Noguerol e Gasols, estes dous últimos médicos de Vigo, analizan os casos e informan a finais de xaneiro ao Gobernador que se trata de cólera. A polémica da cólera promoveu a edición en Santiago dunha curiosa revista, Boletín del Cólera, xornal de circunstancias dirixido por Varela de Montes, que adoptou unha activa defensa das teorías contaxionistas. O debate rapidamente trascendeu á prensa e ás revistas profesionais. El Siglo Médico, debido á súa importante difusión, resultou ser un importante foro sobre a natureza e difusión da enfermidade, que se estendeu por toda a costa galega e de Galicia pasou a Portugal. Máis tarde, Taboada volveu ser reposto por orde gobernativa como médico consultor do porto e ría de Vigo en 1854.

Autor dunha topografía médica e dunha obra sobre hidroloxía

Taboada y Leal foi autor da primeira topografía médica que se publicou en Galicia, en 1840: Descripción topográfico-histórica de la ciudad de Vigo, su ría y alrededores, cunha noticia biográfica de varios homes ilustres fillos do país. Na obra, realiza unha descrición da poboación de Vigo, barrios da cidade, datos estatísticos de nacemento e mortalidade, descrición das illas de San Simón e San Antonio para o lazareto, e das instalacións que se están construíndo. Datos históricos da poboación, meteoroloxía, descrición dos arredores, datos estatísticos da emigración, vías de comunicación e obras realizadas na cidade. Finaliza ofrecendo datos históricos e biografías de homes ilustres. Pouco tempo despois da súa publicación, a cidade de Vigo nomeouno Cronista Oficial da Cidade.

En 1877 publicou en Madrid o que, sen dúbida, pode considerarse o tratado máis relevante da hidroloxía galega, Hidrología Médica de Galicia, o sea, Noticia de las Aguas Minero-Medicinales de las cuatro provincias de este antiguo Reino, no que agrupa os mananciais por provincia e clasifica as augas segundo as determinacións analíticas que realizara Antonio Casares.



Bibliografía:




Fontes documentais:

Expediente Universitario de Nicolás Taboada y Leal, Arquivo Histórico Universitario de Santiago, leg. 1437, exp. 6.


Fontes impresas:

TABOADA Y LEAL, N. (1822): Canto épico al exaltado patriotismo que han manifestado en febrero del presente año los milicianos voluntarios de Santiago, Santiago de Compostela: Oficina de Manuel Antonio Rey.

TABOADA Y LEAL, N. (1840): Descripción topográfico-histórica de la ciudad de Vigo, su ría y alrededores; con una noticia biográfica de varios hombres ilustres hijos del país Santiago: Imp. Vda. e Hijos de Compañel.

TABOADA Y LEAL, N. (1848): Informe sobre el Cólera-Morbo asiática: redactado en virtud de la Real Orden de 22 de julio de 1848 y leído en la sesión de 30 de noviembre del mismo año a la Junta Principal de Sanidad del puerto y distrito de Vigo. Publicado por orden expresa de la Junta, Vigo: Angel de Lema.

TABOADA Y LEAL, N. (1851): Consideraciones y datos para esclarecer la cuestión suscitada recientemente sobre la conveniencia inconveniencia de que exista (sic) el lazareto edificado en las islas de San Simón de la ría de Vigo, Vigo: Angel Lema.

TABOADA Y LEAL, N. (1877): Hidrología Médica de Galicia, o sea, Noticia de las Aguas Minero-Medicinales de las cuatro provincias de este antiguo Reino, Madrid: Pedro Núñez.


Bibliografía secundaria:

CAPITÁN GUARNIZO, J. (2007): En los orígenes de la Sanidad Ambiental y la Medicina Social: las topografías médicas en Galicia (1747-1910), Santiago de Compostela: Universidade.

COUCEIRO FREIJOMIL, A. (1951): Diccionario Bio-Bibliográfico de escritores, Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos; III: 389-90.

GALDO, F. (1994): Taboada Leal, o hidrólogo de Viveiro, Pregón. Lugo. Año 29 (n. 21); p. 37-42.

GALDO F. (1995): Introducción a la historia de las aguas minerales de Galicia, O Castro-Sada: Edicións do Castro.

GALDO, F. (2001): Quinientos años de reumatología en Galicia, A Coruña: Real Academia de Medicina y Cirugía.

GONZÁLEZ GUITIÁN, C. (2008): Bibliografía Médica Gallega del siglo XIX, Valencia: Universitat.

MEIJIDE PARDO, A. (1984): Figuras ilustres de la medicina gallega: Taboada y Leal: 1798-1883, Medicina Galaica, n. 26: 9-15.

Artigos

(5/1977) Escolma Teima. Teima. (21), 33.
Ver recensión
Mencións: Xosé María Álvarez Blázquez ; Gustavo Fabra ; Nicolás Taboada y Leal ;
TABOADA Y LEAL, N. (5/1977) [Fotografía da cuberta do libro , de Nicolás Taboada y Leal]. Teima. (21), 33.
Ver narrativa
Mencións: