Juan Varela Gil

----

Juan Varela Gil

1897 Tui (Pontevedra) | 1969 Santiago de Compostela
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Juan Varela Gil

1897- Tui (Pontevedra) | 1969 Santiago de Compostela
Pioneiro na práctica dos hemocultivos en Galicia e dos estudos serolóxicos Fillo de Ramón Varela de la Iglesia, formouse en Heidelberg con Ernst, en Zürich con Meyernburg e O. Busse -cos que traballou máis de tres anos grazas a unha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios (JAE)-, e en Freiburg con Aschoff. En 1916 iniciou con Busse os traballos sobre cultivos de tecidos, que logo continuou en España, e tamén visitou en Hamburgo o Hospital Eppendorf, practicando co profesor Schottmüller os novos métodos de cultivo do sangue para a diagnose das enfermidades infecciosas, especialmente da febre puerperal e da tuberculose. A bolsa para a ampliación de estudos da JAE concedéuselle primeiro por dez meses, a finais de 1915, e prorrogóuselle por Reais Ordes de maio e outubro de 1917 para o estudo en Suíza de anatomía patolóxica (macro e microscópica) e seroloxía. Dende 1935 ata 1947 foi profesor extraordinario nas cátedras de Histoloxía e Anatomía patolóxica da Universidade de Santiago.

Despois de colaborar durante dous anos nun laboratorio con Luciano Sánchez Guisande, pasou a dirixir o Instituto de Biología Médica de Santiago, situado primeiro na Senra e logo na rúa do Franco, onde se realizaban todo tipo de análises de líquidos biolóxicos e investigacións de diagnose, así como o preparado de vacinas, destacándose no folleto informativo El Instituto de Biología Médica de Santiago (Varela, s.a.) a vacina microbiana especial contra o reumatismo articular, agudo e crónico. Neste folleto danse instrucións específicas aos médicos para a recollida das mostras segundo a enfermidade a diagnosticar, e pequenas indicacións sobre os métodos de análise. Contaba, segundo Gurriarán (2006), con cinco seccións: de bacterioloxía e seroloxía, na que se facía diagnose de enfermidades infecciosas mediante reaccións; de vacinoterapia; de histopatoloxía, na que se diagnosticaban tumores analizando tecidos; de rabia e, por último, de microscopía e química clínica, na que se facían análises de todo tipo, mesmo de líquido cefalorraquídeo. O Instituto tivo a exclusiva para distribuír en Galicia a vacina antituberculosa de Calmette, do Instituto Pasteur, aproximadamente dende 1920. As estatísticas que se levaban no Instituto cos resultados da vacinación antituberculosa dos nenos que acababan de nacer, foron presentadas no Instituto Pasteur de París valorándose o labor feito dende o ano 1928.

Segundo Oliva (1984), o traballo de Varela Gil “Estudio de las células que se presentan en el cultivo de tejidos fibroelásticos, y su relación con la inflamación de los mismos”, elaborado en Suíza sobre 1917 e publicado na Gaceta Médica Española, é un dos primeiros sobre cultivo de tecidos da literatura médica española, e nel refire os seus resultados con implantes de válvula mitral e aorta de coello. O Instituto sería pioneiro na práctica dos hemocultivos en Galicia e dos estudos serolóxicos.

Uns anos máis tarde publica “Contribución al estudio bacteriológico de la disentería crónica, y localización del bacilo disentérico” (Varela, 1921), baseado nun caso clínico, do que tiraba, entre outras conclusións, que o bacilo disentérico pode pasar ao sangue en casos agudos e crónicos, localizándose nos órganos internos nos que produce lesións inflamatorias, neste caso unha cistopielonefrite por localización na vexiga. Cómpre tamén salientar o artigo “Contribución al estudio del hipernefroma (tumor de Grawitz, struma lipomatodes aberrata renis de Virchow)” (Varela, 1923), ilustrado con tres figuras microscópicas, no que comeza definindo os hipernefromas e clasificando os tumores que, partindo do tecido epitelial, poden orixinarse no ril. De seguido, diferenza en dous grupos as neoformacións que parten da cápsula suprarrenal, realizando logo un estudo baseado nos últimos casos que ten observado e facendo unha valoración comparativa do medre e modo de propagación dos hipernefromas. Outra publicación interesante é Algunas consideraciones sobre la imagen anatómica de la malignidad en relación con el diagnóstico histo-patológico (Varela, 1934), na que fai un repaso dos coñecementos oncolóxicos e dos avances da citoloxía tumoral, así como unha caracterización histolóxica da malignidade.

Nas Jornadas Médicas Gallegas celebradas en Vigo en Agosto de 1931, participou xunto con Martínez de la Riva, Baltar Domínguez e Garcia-Blanco, na elaboración da ponencia oficial titulada El cáncer en Galicia, e presentou as comunicacións “Paragangliona de la glándula intercarotídea” e “La enfermedad de Hodgkin”, onde describe por primeira vez o que Luckes e Butler no 1966 definiran como o tipo de esclerose nodular da enfermidade de Hodgkin (Oliva, 1982). Este traballo, xunto co publicado en Medicina y Cirugía co título “Investigaciones sobre la histogénesis normal y patológica de las células de la sangre”, con espléndida iconografía, convérteno nun dos pioneiros da hematoloxía no Estado. Tamén tivo unha importante participación nas Xornadas Médicas de Lugo celebradas en 1933, onde presentou tres comunicacións que trataban sobre as alteracións no sistema leucocitario dos animais de experimentación, sobre un caso de quiste epidermoide e dermoide do páncreas, e sobre un caso de sarcoma mixto de coroides.

Membro da Sociedade alemá de Anatomía patolóxica, tomou parte no Congreso celebrado en 1930 en Berlín. Segundo cita Varela (1974), Alejandro Novo dicía que adquirira o concepto clínico da anatomía patolóxica sen sobrevalorar nunca a histoloxía sobre a clínica. Gurriarán (2006) encádrao politicamente no grupo liberal cun marcado carácter progresista, grupo que actuou como nexo de contacto coa rede formativa da JAE a xeito de informadores sobre candidatos cara a obtención de bolsas para ampliar estudos no estranxeiro. A pesar disto, ou quizás por isto, tivo que colaborar co Laboratorio de Farmacia Militar que fabricaba medicamentos para os militares sublevados en 1936 e que estaba dirixido polo comandante farmacéutico Máiz Eleizegui, responsabilizándose da sección de bacterioloxía.




Bibliografía:



Fontes impresas:

VARELA GIL, J. (s.a.): El Instituto de Biología Médica de Santiago, Santiago: Tip. Seminario.

VARELA GIL, J. (1921): Contribución al estudio bacteriológico de la disentería crónica, y localización del bacilo disentérico, Revista Médica Gallega, abril, 1921: 105-111.

VARELA GIL, J. (1923): Contribución al estudio del hipernefroma (tumor de Grawitz, struma lipomatodes aberrata renis de Virchow), Revista Médica Gallega, II: 41-48.

VARELA GIL, J. (1934): Algunas consideraciones sobre la imagen anatómica de la malignidad en relación con el diagnóstico histo-patológico, Santiago: Tip. de El Eco Franciscano.

VARELA GIL, J., MARTÍNEZ DE LA RIVA, GARCÍA-BLANCO, J. e BALTAR DOMÍNGUEZ, R. (1934): El cáncer en Galicia. Ponencia oficial presentada a las Jornadas Médicas Gallegas celebradas en Vigo en agosto de 1931, Santiago: Tip. de El Eco Franciscano.


Bibliografía secundaria:

ANONIM0 (1950): Varela Gil, Juan, Boletín Oficial del Colegio de Practicantes de Santiago, 21: 334.

GURRIARÁN, Ricardo (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago: Universidade.

JUNTA PARA AMPLIACIÓN DE ESTUDIOS E INVESTIGACIONES CIENTÍFICAS (1918): JAE. Memoria 1916-1917, Madrid: Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas; pp. 54-55.

OLIVA ALDAMIZ, H. (1984): Cajal y la anatomía patológica española, una historia compartida, Madrid: Salvat editores.

VARELA NÚÑEZ, R. (1974): Discurso de ingreso en la Real Academia de Medicina y Cirugía de Galicia, La Coruña: [s.n.].