Inacio Vilariño

----

Inacio Vilariño


NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Inacio Vilariño


Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo.
Comezou a traballar coa compañía Viravolta Títeres en 1993, participando en todos os seus espectáculos como construtor e manipulador de marionetas até o ano 2005, momento en que funda en Lisboa a compañía Fantoches Baj e comeza a colaborar coas compañías portuguesas Teatro Caracol e Teatro do Elefante.
Desde 1999, traballa como actor e escenógrafo en gran parte dos espectáculos de Os Quinquilláns.
Foi membro fundador das compañías Seisdedos, Orfanato Albert Ansot de Gramont e do Museo Galego da Marioneta.
É colaborador do IELT (Instituto de Estudos de Literatura Tradicional da Universidade Nova de Lisboa), institución da que xestiona o proxecto Grandepequeno e coa que tratan de difundir e dinamizar aqueles aspectos vencellados coas representacións de escala na cultura popular, mediante exposicións, publicacións e espectáculos.
A partir de 2003 comeza a escribir e adaptar para a escena textos dramáticos que estrea coas compañías que el dirixe: Acrobacia Acuática, Rei, Rei?, A Saia da Carolina, Sinda, Linda, Catrina, Simón e o demo Cobillón, O Asombro, Poesía Última de Lois Pereiro, Fábula Galénica e As Pombas de Carboeiro.
En 2007 comeza a realizar espectáculos de narración oral, desde aquela participa en Festivais de Contadores, e percorre con Contos do Demo, Burromaquia e Rodarirrodari moitas das escolas e bibliotecas do país.
No ano 2008 edita con Baía o libro ilustrado Tío Miseria.
En 2009 recibe o Premio Barriga Verde de Textos para Monicreques na modalidade de Adultos pola obra Auga que non vas beber... No ano 2010 recibe o Premio Barriga Verde de Textos para Monicreques na modalidade Infantil pola obra Fábula Galénica. En 2011 recibe o Premio Castelao de Banda Deseñada, xunto a Iván Suárez, polo traballo de guión feito para o cómic Titoán.
En 2012 comeza a publicar en banda deseñada a biografía de Alfonso Rodríguez Castelao en tomos. Polo de agora saíron á luz catro capítulos: Titoán, Mais Alá, O Pobre Tolo e Atila.
Nese ano e a partir da poesía de Uxío Novoneyra edita, xunto con Benxa Otero, o audiolibro O Asombro, do que se fixo unha tradución ao inglés en 2015.

Inacio Vilariño nas actividades do CCG