Biografía de Xosé Manuel Baamonde Silva
Doutor en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago de Compostela (2007). Autor de varios libros, como A comunicación no Sector Feiral. Estratexias de organizadores, expositores e visitantes ou A xestión dun evento único. Crónica do Centenario. Ten publicados artigos en revistas e participado en congresos do sector de comunicación e as relacións públicas. A súa traxectoria profesional estivo ligada á xestión da comunicación no ámbito empresarial e institucional. Foi director de Comunicación da Feira Internacional de Galicia (1994-2004) e xefe de gabinete do Concello de Ribeira (2005-2007).
Desde 2008, dedícase á docencia na Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo. Actualmente é profesor contratado doutor no Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade. As súas áreas de especialización son as relacións públicas, a comunicación solidaria e a organización de eventos.