Gumersindo Busto

----

Gumersindo Busto

1872 Santiago de Compostela | 1937 Bos Aires, Arxentina
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Gumersindo Busto

1872- Santiago de Compostela | 1937 Bos Aires, Arxentina
Un bibliófilo hispanoamericanista, unha vida entregada á Biblioteca América “Hállase en Santiago de Compostela, en el mismo edificio de la Universidad, la llamada Biblioteca América, obra de un patriota gallego residente en Buenos Aires, don Gumersindo Busto, quien tuvo la feliz idea de fundar la Universidad Libre Hispano Americana. De este proyecto quedó la biblioteca, que don Gumersindo, durante muchos años de trabajo, reunió en su casa de Buenos Aires, remitiéndola luego a la Universidad. Encontramos en la Biblioteca trabajos legislativos referentes al continente, colecciones documentales, colecciones de revistas científicas, bustos de Bolívar, Rivadavia, Moreno, Rivera y otros políticos sudamericanos. ¿Pero se ha limitado a esto la obra de don Gumersindo? No. En la Biblioteca América encontramos colecciones y fotografías de las principales muestras de nuestro país, un archivo cartográfico que se conceptúa el mejor de la península, colecciones de la fauna americana, de mineralogía, y además […] gente que no puede informar absolutamente ni con una palabra de quien es el señor Gumersindo Busto”.

Con estas palabras describía Roberto Artl a grande obra de Gumersindo Busto Villanueva nunha das crónicas recollidas en Aguafuertes Gallegas, escritas durante unha viaxe a Galiza, na cal o escritor arxentino ten ocasión de comprobar o descoñecemento que existía na época en torno á súa figura. Sen dúbida, os esforzos invertidos polo galego en beneficio da cultura galega tardaron en ter o debido recoñecemento.
O creador da Biblioteca América compostelá nace en 1872 na parroquia de San Martín de Laraño, de Santiago de Compostela. Os primeiros anos da súa infancia transcorren na citada parroquia, onde vive coa súa nai, María Manuela Busto y Villanueva, e a súa tía Francisca. Posteriormente ingresa no Seminario de Santiago coa fin de iniciar estudos de latinidade, onde permanece tres anos.

Corre o ano 1887, con tan só quince anos o xove Gumersindo Busto emprende rumbo á emigración. Instálase temporalmente en Montevideo, onde se emprega como telegrafista no Ferrocarril Central do Uruguay e máis tarde noutra das empresas do sector. En 1890 trasládase ao departamento de Tacuarembó para traballar como mestre de escola rural. Pouco despois emprégase nunha notaria e en 1982 inicia formación académica matriculándose en Dereito na Universidade de Montevideo. É neste mesmo ano cando o compostelán se traslada a Bos Aires. A previa experiencia, adquirida en Montevideo, como telegrafista facilitoulle o acceso a un posto nas liñas ferroviarias de Bos Aires e Rosario. Na cidade porteña continúa os estudos de Dereito que conclúe en 1898 acadando o grao de escribán. Nestas mesmas datas comeza a exercer o notariado como rexente do Rexistro de Contratos nº 125 e anos despois imparte docencia no Instituto de Aspirantes ao Notariado.

O 11 de maio de 1896 Gumersindo Busto contrae matrimonio con Felisa Gallardeo, froito de dito enlace nacen oito fillos. A familia instálase nunca casa da rúa Cabildo no barrio de Belgrano. Impregnado do espírito hispanoamericanista da época e desexoso de establecer vínculos culturais entre ambas beiras do Atlántico, pon en marcha en 1904 o proxecto para a creación dunha Universidade Libre Hispanoamericana que se había de instalar na súa cidade natal. As xestións e esforzos do galego non encontraron os apoios necesarios e finalmente soamente se acadou un dos obxetivos incluídos no inicial proxecto: a creación dunha grande Biblioteca de temática americanista que había de nutrir de coñecementos sobre América aos estudantes deste lado do océano; así naceu a Biblioteca América, a súa “filla predilecta”, como él mesmo a denominou nalgunha ocasión, e que finalmente tras moitos avatares sería inaugurada en xullo de 1926.
Dende a súa chegada ao Río da Prata entra en contacto con diferentes personalidades e sociedades galegas ás que permanceu ligado de por vida. En 1908 forma parte da Comisión Curros Enríquez, organizada polos académicos correspondentes da Real Academia Galega en Bos Aires coa finalidade de render homenaxe ao literato galego. No Centro Gallego de Bos Aires desempeña o cargo de Vicepresidente e membro do Consello de Apelacións; representando á citada sociedade, participa, en decembro de 1910, na creación dunha primeira Federación de Sociedades Gallegas. Neste mesmo ano o Centro Gallego de La Habana noméao socio de honra. En 1911 Gumersindo Busto integra o núcleo fundador da Unión Redencionista Gallega. Como membro da Unión Hispano-Americana Pro Valle Miñor e da Sociedad Fomento de la Educación y Progreso de la Parroquia de las Heras, a cal chega a Presidir, desenvolve unha importante campaña en beneficio do ensino e instrución en Galiza.

En 1909 Busto viaxa a Galiza coa intención de asistir á Exposición Regional de Galicia que se celebraba en Santiago de Compostela no mes de xullo, esta será a súa última viaxe á terra natal. Durante os 30 días que permanece en Galiza asiste á Exposición en calidade de delegado e participa no Congreso de Emigración organizado pola Sociedad Económica de Amigos del País. Naqueles días visita diferentes escolas promovidas pola Unión Hispano-Americana Pro Valle Miñor. Observa a realidade cultural e educativa galega e as súas eivas, o que o leva a concienciarse, se cabe con maior énfase, da necesidade de recabar recursos a prol do sistema educativo e desenvolvemento pedagóxico galego. Con tal fin promove novas iniciativas, entre elas a creación do Patronato da Universidade de Santiago de Compostela, que finalmente verá a luz en 1922, así como a creación dunha escola en Laraño. Formula ademais unha serie de propostas e inicitivas que pretendían a promoción turística de Galiza na América para o que solicita fotografías aos alcaldes dos municipios galegos e promove a elaboración dun inventario de sociedades galegas fundadas en América.

No seu pensamento ideolóxico, o galego manifesta certa ambigüidade; namentres en 1931 a través de diferentes escritos expresa a súa plena convicción política coa autonomía de Galiza, por outra banda mantén contacto coa conservadora Liga Patriótica Arxentina. Nestas mesmas datas Busto xa é membro de diferentes institucións ubicadas ao longo do continente, entre elas: a Academia Americana da Historia de Bos Aires, o Instituto de Historia de Montevideo; o Ateneo de El Salvador; o Instituto Histórico e Geográfico de Sergipe (Brasil); a Biblioteca Pública de Aracaju (Brasil) e a Liga de Acción Social de Mérida (México). En 1933 nomeano delegado na Arxentina do Instituto das Españas da Universidade de Columbia (Nova York). O establecemento de redes de contacto, a través de amizades con diferentes personalidades galegas e americanas, en moitos casos próximas as institucións citadas, foron esenciais a hora de nutrir os fondos destinados á Biblioteca América.

A Universidade de Santiago recoñecería, o 31 de outubro de 1934, o seu grande labor filantópico e cultural coa concesión do título honoris causa, e a título póstumo honrou a súa memoria cun Víctor. No ano 1926 foille concedido o galardón de Caballero de la Orden de Isabel la Católica.
A noticia do seu falecemento, acaecido o 21 de xuño de 1937, tivo grande repercusión na prensa arxentina e galega pero tamén en diferentes xornais de Cuba, México e en especial na prensa étnica galega, que rende a súa última homenaxe ao filántropo compostelán. Os seus restos foron trasladados ao cementerio da Chacarita rodeado de familiares e amigos que lle renderon unha emotiva despedida.

Materiais de Gumersindo Busto

Documento

DOCUMENTOS SOBRE GUMERSINDO BUSTO

Contidos: - Dedicatoria de Gumersindo Busto á Biblioteca América, na obra de Agustín Vedía: Soberanía y Justicia. Derecho Federal y Autonomía Provincial, Bos Aires: Librería Moderna de Bernardo Loubière, 1903. -«Santiago de Compostela, La Jerusalén de Occidente» por Gumersindo Busto Villanueva, en: A Terra: órgano del Centro Gallego; Córdoba [Argentina]; Ano II, n.º 23, marzo de 1922, p. 33. - Anuncio publicitando a Biblioteca América, solicítanse doazóns de libros americanos, en Almanaque Gallego, 1918, (fondo AEG). - Carta enviada por Gumersindo Busto Villanueva Miguel de Unamuno datada en 16 de xaneiro de 1916, (Casa-Museo Unamuno). - Carta de Gumersindo Busto a José González Salgado, Decano da Facultade de Filosofía e Letras de Santiago, con data 9 de agosto de 1925, (Biblioteca América- Biblioteca Xeral, USC). - Carta de Gumersindo Busto ao Decano da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago con data 25 de outubro de 1925, (Biblioteca América- Biblioteca Xeral, USC).

Publicacións periódicas

Aviso Listado automático de documentación relacionada con nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
Boletín de la Unión Hispano Americana Valle Miñor (1909-) .
Órgano de la Unión Hispano-Americana Pro-Valle Miñor. Publicación Mensual
Publicación impresa | Labor na publicación: COLABORACIóN;
Boletín de la Biblioteca América de la Universidad de Santiago de Compostela (1910-1936) .
Publicación impresa | Labor na publicación: COLABORACIóN;
Terra, A (1920-) .
Revista mensual: Órgano del Centro Gallego
N.º 36: Revista mensual del Centro Gallego
Publicación impresa | Labor na publicación: COLABORACIóN;
Nuestra Obra (1924-) .
Órgano oficial de la Sociedad Hijos del Ayuntamiento de Coirós
Publicación impresa | Labor na publicación: COLABORACIóN;

Artigos

(5/1916) Enlace Aguiar - Pesqueira. Eco de Teo, El. 1ª (03), 13.
Ver noticia Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
Mencións: Gumersindo Busto ; Joaquín Pesqueira Quiroga ;
(1/1925) Una labor meritoria. Céltiga. 1ª (8), 3.
Ver artigo Fonte da dixitalización: Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela;
Mencións: Gumersindo Busto ; Manuel Castro López ;
VáZQUEZ GóMEZ, A. (1/1925) Los simuladores del patriotismo. Céltiga. 1ª (8), 4.
Ver artigo Fonte da dixitalización: Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela;
Mencións: Gumersindo Busto ; Luís Blanco Rivero ; Ángel de Lema y Marina ;
(1/1925) La Biblioteca América. Céltiga. 1ª (9), 35-36.
Ver artigo Fonte da dixitalización: Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela;
Mencións: Gumersindo Busto ;