Fernando Calvet

----

Fernando Calvet

1903 Vilafranca del Penedés, Barcelona | 1988 Barcelona
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Fernando Calvet

1903- Vilafranca del Penedés, Barcelona | 1988 Barcelona
Iniciador da investigación en química na USC A chegada de profesorado mozo foi o principal elemento que en grande medida colaborou á modernización da Universidade santiaguesa do século XX. Finalizando a Ditadura de Primo de Rivera, con motivo da creación da Sección de Química na Facultade de Ciencias (1922), un grupo de profesores de novo perfil se achegou a Compostela co ánimo de mudar as vellas actitudes profesorais. Entre estes, salientamos a Fernando Calvet Prats, formado universitariamente nas aulas barcelonesas. Logo de rematar a súa licenciatura en Química, tendo por mestre a García Banús, e despois de estar un tempo en Madrid nos laboratorios da JAE, Calvet pasou unha longa estadía de case tres anos en Oxford, con Chattaway, no laboratorio do Queens College, onde se vai doutorar, cunha bolsa da Fundación Ramsay; poucos anos máis tarde acadou a cátedra de Santiago (1929), recén cumpridos os 26 anos.

Xa aquí, foi unha das caras novas que se achegou ao alumnado sen a distancia que impuña a cátedra universitaria. A súa actitude aberta sobrepasou o marco das aulas e o laboratorio, pois Calvet colaboraba na creación de espazos onde a convivencia entre profesores e alumnos fosen unha realidade. Unha das súas discípulas, Carmen Zapata, falaba así da receptividade do seu mestre: “(...) Tu llegada a Santiago, vino acompañada de grandes innovaciones para la vida estudiantil. Realmente fuiste un pionero en cuanto a las relaciones que entablaste entre maestro y alumnos, acortando la distancia habitual en la época -y que aún pueda que persista-. No era este un trato estudiado, ni paternalista ni superficial. Es decir, era un trato de amigo que se manifestó en múltiples ocasiones…”.

Os famosos tés do Compostela, as excursións e a potenciación do deporte, serían algunhas das alternativas nas que colaborara Calvet, co fin de potenciar a sociabilidade universitaria, como elemento de integración docente-discente. Foi un dos introdutores do rugby entre o estudantado, logo de practicalo en Oxford, e promotor principal do asociacionismo universitario deportivo.

Nunha enquisa que fixera Álvaro de las Casas entre alumnos universitarios e profesores sobre o estado da universidade, cando lle pregunta a Calvet pola obra que debe acometer con urxencia a Universidade, este respondería: “Posibilitar a vida deportiva dos estudantes. O estudante deportista é forte, alegre, vive satisfeito, ten máis vontade de traballar nas aulas”. Naqueles tempos era doado ver a Calvet facendo footing pola Alameda, acompañado de estudantes, ou andando en bicicleta para desprazarse á facultade. O seu terno tamén era diferente, pois mudara a “obrigatoria” chaqueta e garabata profesoral por xerseis de rechamantes cores.

Se no terreo da interrelación convivencial universitaria Calvet foi un adiantado, tamén o sería no compromiso sociopolítico. A súa actitude foi indisoluble ao seu catalanismo. Desde as celebracións do San Jordi, ata a participación no Consello Galego de Galeuzca, pasando polo engarce do SEG coas institucións catalanistas. En canto ao seu concepto de Galicia, afirmaba: “Pra min Galicia é unha nación perfeitamente definida. Pois ben, pra min a Universidade ten de sere o eisponente cultural desta nacionalidade. No intre pareceríame ben darlle unha orgaizazón análoga á que agora ten a Universidade de Barcelona”. Deste xeito, para el, non pasarían desapercibidas todas as accións que se levaran a cabo a prol do Estatuto, desde a sinatura de apoio de manifestos, ata a iniciativa de darlle un contido máis político á autonomía universitaria, cando a universidade tomou a decisión de participar na elaboración do Estatuto de Galicia.

Todo este compendio de activismo, logo do golpe de estado de 1936, levou aos vencedores a ver en Calvet unha figura a perseguir e a reprimir, por “razóns obvias”, adubado de grandes doses de envexa. Xunto a outros innovadores, Calvet formara parte da Xunta de Goberno da Universidade. Deste xeito, o profesorado mozo respondera a un compromiso participativo nun proxecto de xestión universitaria moderna, traballando a prol dunha institución aberta, democrática e científica, comandados polo inesquecible Rodríguez Cadarso.

Nada máis chegar a Santiago, Calvet vai partir para Munich a ampliar a súa formación científica co profesor Wieland, premio Nobel en 1927, mediante unha bolsa da Fundación Rockefeller, en 1929, que ía ver prorrogada por outra outorgada polo Padroado da Universidade de Santiago. Froito desta estadía foi un dos fitos científicos
da nosa Universidade: a sinatura dun Premio Nobel nunha publicación da casa, neste caso de dous traballos científicos, a carón de Calvet. Logo, Fernando Calvet foi un dos significados promotores científicos con escola propia, formando a futuros investigadores e docentes que logo ían asentárense na facultade, nun proceso de autoformación desde os seus equipos de traballo, en colaboración coas redes formativas oficiais.

Calvet, á súa chegada a Santiago, definía así o estado infraestructural e de investigación da facultade: “Carente de tradición docente e investigadora, en lo concerniente a las ciencias experimentales, no existía en el recinto facultativo un solo local que pudiera, realmente, considerarse como un laboratorio químico, y las escasas instalaciones de que se disponía eran obsoletas e inservibles para un elemental labor pedagógico, o para iniciar un sencillo trabajo de investigación. Los presupuestos económicos disponibles eran extremadamente limitados y las perspectivas, en conjunto, se mostraban bastante desalentadoras. Sin embargo, con mi pequeña experiencia investigadora y docente, y con el empuje juvenil de mis 27 años recién cumplidos, me apresté a la tarea de instalar laboratorios y de organizar una cátedra. La original escasez de recursos económicos se vió, en parte, compensada por la aplicación y el entusiasmo que, desde un principio, me prodigó un distinguido grupo reducido de estudiantes, ávidos de aprender y de trabajar, quienes a partir del primer momento, me prestaron su eficaz colaboración (...)”.

Estamos, pois, diante dun dos científicos máis cualificados que tivemos en Compostela, deixando pegada, tanto pola continuidade das súas investigacións orixinais nos laboratorios da universidade, como pola escola que creou, vencellando aos seus discípulos nos labores científicos ligados á docencia. En definitiva, produción científica, creación de escola, traballo en equipo e formación complementaria no estranxeiro, en coordinación coa rede da JAE, foron as súas principais características. Salientamos tamén o pulo que deu para a incorporación da muller á docencia e a creación de cadros docentes desde a propia facultade, a partir dun grupo seleccionado de alumnos e alumnas. E a gran produción de traballos de investigación que saíron destes.
En 1935, Calvet, acadou unha bolsa da JAE para ir a Estocolmo a traballar nos laboratorios do Premio Nobel Von Euler. Xustamente ese ano crearíanse os Laboratorios Miguel Servet (Instituto Bioquímico) en Vigo, baixo a súa dirección científica. Nun primeiro momento, Calvet tería o cometido de organizar un laboratorio para estudar métodos de conservación, análise e extracción do caruncho do centeo co fin de obter alcaloides que se empregarían para fabricar o preparado PAN-ERGOT, indicado para afeccións como a migraña e os glaucomas. Logo dun autoexilio preventivo durante a Guerra Civil, Calvet volvería do estranxeiro incorporándose de novo a este laboratorio. Nun pequeno período de tempo, pois o activo desta empresa axiña se incorporaría a Zeltia (1939). Calvet, que marchara ao estranxeiro no verán de 1936, residira en Estocolmo e Edimburgo, en abril de 1938 tentaría entrar en Galicia, desde Portugal, logo de tratar de “negociar” a súa liberdade coas autoridades franquistas no exterior. Aínda que houbo promesas de respectar a súa persoa, Calvet, á súa chegada, ingresaría no cárcere de Tui, por un tempo, sen que puidese achegarse a Santiago á súa saída, asentándose en Vigo. En Estocolmo estivera no Biokemiska Institutet, con Von Euler, que era Premio Nobel.

Fernando Calvet Prats, foi, pois, un dos docentes da Universidade de Santiago sometido a sanción dunha forma exemplar. Analizando o seu proceso podemos comprobar como as depuracións foron a vestimenta xurídico-administrativa coa que se quixo xustificar unha purga de docentes predeterminada -dos vencidos-, co obxectivo de perfilar unha nova universidade na que non collían os innovadores que impulsaran os cambios no anterior período, razón pola que foron duramente castigados. Os oito anos que durou o seu proceso son unha boa cala para comprobar a importancia que tiña a represión para o novo réxime, baixo as variadas formas en que se materializara, e a resistencia a aceptar docentes de diferente perfíl que non respondesen ao deseño establecido polos sublevados, desde un primeiro momento. O expediente de depuración de Calvet, depositado no AGA, está composto dun total de máis de 150 folios de documentación. Tería que agardar a 1944 para que se resolvese a súa situación de apartamento da docencia.

Queremos salientar o positivo papel xogado polo reitor Legaz en todo o proceso, aínda que fose un falanxista con responsabilidades, mais permeable á resolución das inxustizas e á incorporación dos sancionados. Calvet reintegraríase no curso seguinte a Salamanca, despois marcharía a Oviedo, por concurso de traslados, en 1948, para provisoriamente instalarse en Barcelona, por agregación, nese mesmo ano. Resolvería a súa situación definitivamente en 1952, por permuta. Neses anos, Calvet, en longos períodos de tempo vería interrompida a docencia, pois viaxaría moito aos Estados Unidos, con bolsas de diferentes entidades. O ex profesor santiagués, quen encetara a dar os primeiros pasos no terreo da Bioquímica nas Facultades de Ciencias, tería que presentarse a unhas oposicións a esta especialidade en 1961, para asentarse definitivamente na disciplina pola que tanto loitara, na súa Cataluña natal.

Como acontecería co resto dos sancionados nas outras universidades españolas, hai unha circunstancia común entre a maioría dos represaliados: o feito de ter mantido contactos coa rede formativa da JAE, e desprazarse ao estranxeiro a ampliar estudios, marca sinónima que levaba implícito ser innovador. En definitiva, cuantitativamente, máis dun tercio do capital humano da Facultade de Ciencias foi sancionado, ao que hai que engadir a perda cualitativa que xerou, pois estamos a falar do sector docente e científico máis dinámico de Compostela, como puidemos comprobar.

Calvet, como xa dixemos, deixou Galicia, e Zeltia, unha vez que se reintegrou á Universidade de Salamanca no curso 1944-45. Deste xeito, o profesor sancionado, durante o seu calvario de apartamento da docencia, colaborou eficazmente no desenvolvemento de Galicia coa súa contribución cientifica aplicada á industria, sendo un pioneiro neste labor.

Publicacións nas que participou Fernando Calvet

Portada de  Álbum da ciencia
LIBRO

Álbum da ciencia

: 30 nomes e as súas achegas