consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

Os símbolos de Galicia


Editado polo Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega, o libro recolle os traballos de Ramón Villares (Presidente do Consello), Xosé Ramón Barreiro Fernández (Presidente da Academia Galega), Manuel Ferreiro, Fernando López-Acuña e Eduardo Pardo de Guevara.
Desde o ano 1984, por acordo do Parlamento de Galicia, existe unha Lei de símbolos que fixa os tres elementos que mellor representan sensorialmente a identidade de Galicia. Son o himno, a bandeira e o escudo.
Coa excepción da letra do himno, que pode ser cantada con diversa extensión, non tivo lugar desde entón ningunha controversia relevante arredor destes símbolos, que foron pacificamente adoptados pola cidadanía galega. É unha das características máis sobranceiras dos símbolos, que sexan socialmente aceptados como tales e que gocen do respecto da sociedade á que representan. Este respecto foise agrandando a medida que se foi asentando o actual réxime autonómico, de modo que aquela decisión política posúe non só lexitimidade de orixe, senón tamén de exercicio, grazas precisamente a esa aceptación social.
Aproveitando que neste ano 2007 se conmemora o primeiro centenario da estrea, na cidade da Habana, do himno galego, con letra de Eduardo Pondal e música de Pascual Veiga, estimamos oportuno promover a realización dun libro dedicado a indagar os procesos mediante os que cada un destes tres grandes símbolos foi adoptando a súa versión definitiva, o contexto histórico no que aquela tivo lugar e mesmo as diverxencias e polémicas a que puidesen ter dado lugar. Non se trata dunha revisión, senón xustamente do contrario: da máis sólida afirmación do seu sentido e da súa dimensión tanto simbólica como política. Como presidentes das entidades promotoras deste libro, concibimos a obra como unha contribución de natureza institucional á celebración daquel centenario, pero tamén como unha forma de dar a coñecer a máis sólida información, tanto documental como gráfica, do texto e música do himno, da fixación da bandeira e da moi demorada decantación da representación heráldica de Galicia a través do seu escudo. A historia de cada un destes símbolos podía seguirse en artigos especializados e monografías de difícil acceso, como doadamente se poderá ver nos textos que aquí se publican. Tamén, con ocasión da decisión parlamentaria de 1984, foran publicadas algunhas obras de conxunto, de intención divulgativa, que permitiron entender mellor o significado e a historia dos símbolos de Galicia. O que agora presentamos é, desde logo, algo máis ambicioso. Máis que comprender os símbolos, o que aspiramos é a poñer de relevo as razóns que moveron os nosos devanceiros a elaboralos, no momento histórico no que o fixeron e coa intención explícita de dotar Galicia de elementos representativos da súa identidade. Galicia non posúe estes símbolos desde a noite dos tempos, senón que foron escollidos como tales no momento histórico concreto no que a maioría dos estados nacionais ou das nacións culturais o fixeron, isto é, entre finais do século XIX e as primeiras décadas do século XX. O protagonismo esencial, en canto ao himno e á bandeira, correspondeu ao rexionalismo político no que se refire á súa creación, ao entusiasmo das colectividades da emigración en América no relativo á súa divulgación e popularización e á autoridade da Academia Galega na súa fixación. Foi un traballo de parcería acometido entre as dúas beiras do Atlántico, que foi moi común en moitos campos da cultura e da identidade de Galicia, que logo, de forma paseniña, iría sendo asumido de forma maioritaria pola sociedade galega durante todo o século XX. A estrutura do libro divídese en catro capítulos e un epílogo.
Nun primeiro capítulo, escrito por Ramón Villares, exponse de forma xenérica o proceso de creación de símbolos nacionais en diversos ámbitos do contorno cultural e político europeo occidental, para encadrar debidamente o caso de Galicia nese contexto. A intención non foi tanto recompilar a abondosa información que sobre esta materia existe na literatura histórica especializada, senón máis ben debater até que punto os símbolos nacionais, por «invencionistas» que se reputen (que non é propiamente o caso dos galegos), constitúen un fito esencial para o proceso de nacionalización das masas na época contemporánea, nomeadamente por parte dos estados-nación. A cerna do libro está constituída polas tres monografías dedicadas á análise do himno, da bandeira e do escudo. Cada unha destas contribucións foi obra de autores diferentes (aínda que haxa dupla autoría en dúas delas), para lograr deste modo a máxima especialización no enfoque e rigor nos resultados ofertados. O capítulo dedicado ao himno, obra conxunta do filólogo Manuel Ferreiro e do musicólogo Fernando López-Acuña, constitúe non só a posta ao día de traballos feitos por cada autor por separado, senón unha reinterpretación de todo o proceso que embocou na fixación definitiva da letra e da música daquel; porque foron posíbeis tantos himnos como variacións se atopan na súa letra, desde a proposta inicial do autor, Pondal, até a versión máis aceptada popularmente e, tamén, de forma oficial. Sen entrar en disputas sobre letras e partituras, os datos que se achegan neste traballo son suficientes para que tanto o lector como o lexislador atopen os necesarios fundamentos para a súa decisión. O capítulo dedicado á bandeira, escrito de parcería por X. R. Barreiro e X. L. Axeitos, efectúa unha precisa reconstrución dos pasos dados pola Real Academia Galega e polo seu fundador e presidente,
Manuel Murguía, para fixar a insignia de Galicia nas súas cores, tamaño e significación. Non foi traballo doado para os rexionalistas, dadas as diverxencias que en diversos momentos históricos apareceron, que se acabase impoñendo a versión que actualmente coñecemos. Pero da lectura deste traballo dedúcese claramente que a conxunción entre o galeguismo da Terra e o da emigración logrou, máis unha vez, dotar Galicia das ferramentas simbólicas que acreditan non só a súa identidade, senón a súa modernidade.
O capítulo referido ao escudo de Galicia, escrito polo historiador e especialista en heráldica Eduardo Pardo de Guevara, constitúe unha mostra de rigor historiográfico e de capacidade de síntese sobre un asunto de por si moito máis recuado no tempo e moito máis controvertido nas súas sucesivas expresións visuais, do que foron himno e bandeira. Distinguindo a dimensión propiamente heráldica do escudo das tendencias máis actuais de preferencia polos «logotipos», o autor efectúa un percorrido histórico sobre as diferentes formas de representar as armas de Galicia, desde as versións medievais de influencia británica até as máis modernas (que non recentes), que integran a tradición eucarística do Reino de Galicia coas súas vellas sete provincias. Remata o libro cun texto breve, concibido máis como unha proposta cara ao futuro ca como unha análise histórica, sobre o «Panteón de Galegos Ilustres», asinado por X. R. Barreiro.
Entre os moitos lieux de memoire que, a imaxe dos clásicos, se acuñaron nos estados modernos, está o recoñecemento dos persoeiros que máis contribuíron, nos campos de batalla ou no exercicio das artes, á grandeza dos países. Pero os panteóns, como lugares de memoria cívica, identifican máis aos vivos que os promoven ca aos mortos que alí se acollen. Por esta razón cómpre repensar, con criterios actuais, este lugar simbólico como un «Panteón da galeguidade» e non só como lugar físico de repouso de cinzas de figuras, por relevantes que estas poidan ser. Alén da participación dos redactores que subscriben esta introdución, da que non é do caso facer particular valoración, queremos deixar constancia do esforzo realizado polas persoas que convocamos para esta laboría. En tempo máis que curto atenderon as nosas demandas e cumpriron os prazos estabelecidos. A eles e ao persoal que nos axudou na recolleita de documentación gráfica que ilustra este libro, debemos manifestarlles a nosa gratitude persoal e institucional. Gratitude que tamén facemos extensiva aos plenarios do Consello da Cultura Galega e da Real Academia Galega, que aprobaron esta iniciativa e acordaron patrocinar a edición deste libro.



Código QR para a descarga
Os Símbolos de Galicia / edición ao coidado de Xosé Ramón Barreiro Fernández, Ramón Villares. — Santiago de Compostela : Consello da Cultura Galega ; A Coruña : Real Academia Galega, 2007. — 199 p. : il. ; 33 cm
D.L. C 0000-2007. — ISBN 978-84-96530-46-1
1. Emblemas nacionais-Galicia-Historia. I. Barreiro Fernández, Xosé Ramón. II. Villares,
Ramón. III. Consello da Cultura Galega. IV. Real Academia Galega. V. Título