consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

As políticas culturais nas sete principais cidades galegas


Dirixido polo sociólogo Xan Bouzada, este documento é unha análise cuantitativa e cualitativa moi polo miúdo das políticas culturais seguidas nas principais cidades galegas nos últimos anos.

A publicación deste documento de traballo sobre As políticas culturais nas sete principais cidades galegas é indicador, por máis dun concepto, do rumbo que o Consello da Cultura Galega está a seguir na actualidade. O texto é unha análise cuantitativa e cualitativa moi polo miúdo das políticas culturais seguidas nas principais cidades galegas nos últimos anos, con enfoques de carácter global e con achegas particulares ás accións culturais de cada unha delas.

Trátase, por tanto, dun documento de traballo que é resultado dun informe tecnicamente ben elaborado sobre a situación cultural destas cidades a principios do século XXI, no que a pericia investigadora do equipo que o realiza se pon de manifesto. Como documento e investigación especializada, trátase tamén dunha achega que o Consello da Cultura Galega, como institución dedicada ao estudo e á promoción dos valores culturais do pobo galego, debe facer á sociedade galega, aquí representada pola súa poboación máis urbana. O equipo técnico que realizou este informe foi dirixido polo profesor de Socioloxía da Universidade de Vigo Xan Bouzada, un recoñecido experto na socioloxía da cultura e na análise das políticas culturais de base local, tema sobre o que organizou no Consello da Cultura varios encontros e xornadas, cuxas actas xa foron publicadas.

Non se trata, pois, dunha obra que apareza agora de forma súbita, senón que é o resultado dun traballo de cooperación institucional entre o Consello, a Universidade de Vigo e a Fundación Isla Couto, que é o marco de traballo onde se elaboraron basicamente este informe e outros estudos sectoriais que irán saíndo nos vindeiros meses. Doutra banda, alén do contido concreto deste documento, con esta publicación inauguramos ou, mellor dito, remodelamos a vella colección de publicacións que, baixo a rúbrica de «Informes», leva en vigor varios anos. Elixiuse un formato máis próximo ao que en toda institución pública se estima como documento de traballo e, ademais, esta será unha das coleccións máis atendidas na política de publicacións que pretendemos fixar como propia do Consello. De feito, outros estudos e informes, incluídos os que fixo o Consello sobre diversos servizos da Cidade da Cultura, serán publicados en breve tamén nesta colección.

Alén do recoñecemento ao traballo feito polo equipo técnico, debo engadir que tanto este estudo como os que veñan no futuro están vencellados institucionalmente a un dos servizos propios do Consello, o Observatorio da Cultura Galega, que, despois de permanecer algún tempo in partibus infidelium, pasou agora a formar parte, mesmo fisicamente, das dependencias do propio Consello da Cultura Galega.

Neste Observatorio desenvolverase, desde agora, un traballo sistemático de documentación e realización de traballos técnicos sobre a situación da cultura galega, comezado polo Informe Cero, que deberá estar realizado a finais deste ano 2007. Se unha das funcións máis específicas do Consello é xustamente aquela que ten que ver coa análise periódica da cultura galega, dos seus equipamentos e servizos e dos resultados concretos que aqueles ofrecen, este Observatorio da Cultura Galega vai ser o instrumento que permita realizar esa tarefa, para o que non só se destinarán algúns dos recursos humanos cos que conta actualmente o Consello, senón que se recorrerá cando sexa preciso ás asesorías externas que, como no caso do equipo que dirixiu este Informe das sete cidades, tan bos resultados produciu.
Ramón Villares.


Código QR para a descarga
As políticas culturais nas sete principais cidades galegas / Observatorio da Cultura Galega ;
[dirección, Xan M. Bouzada Fernández ; equipo técnico Mercedes Fernández Gestido,
Miguel Valverde Juncal] . — Santiago de Compostela : Consello da Cultura Galega, 2007.
— 249 p. ; 21 cm. — (Documentos e Informes)
D.L. C 1005-2007 . — ISBN 978-84-96530-30-0
1. Galicia-Política cultural. I. Bouzada Fernández, Xan M. II. Fernández Gestido, Mercedes.
III. Valverde Juncal, Miguel. IV. Título.