consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

Álvaro Cunqueiro en Ortigueira


De xornalismo vai este libro, con algúns dos primeiros alentos do articulista, hoxe diriamos columnista, no xornal Era Azul e noutros soportes impresos que viron a luz no tempo en que o autor moraba na terra de Ortigueira. O home que partira de posicións galeguistas nos albores da década de 1930 amósase aquí coa súa pluma ao servizo do ideario da Falange e dos vencedores da Guerra Civil. O furacán da historia levouno a el e a outros, pensemos por exemplo en Dionisio Ridruejo ou Gonzalo Torrente, a dar voltas por camiños logo desandados na procura de pasos e palabras para proxectar doutro xeito a Galicia sufridora e deliberadamente invisibilizada baixo a longa noite de pedra.

Adoita estar o espírito humano sometido a mil e unha presións e rectificacións ao longo dunha vida e non foi menos no caso da humana peripecia de Cunqueiro en anos de tanta convulsión, confrontación e miseria belicista e represora. Dunha fase desa peripecia cunqueiriana dá conta este libro, precedido dun moi completo estudo introdutorio de Claudio Rodríguez Fer, que contextualiza a obra ortegana do autor mindoniense.

O Cunqueiro que renace hogano como dono dunha xenuína expresión literaria galega e universal, protagonista centenario de exposicións, congresos, edicións e faladoiros, como o que o Consello da Cultura Galega lle dedicou en Ortigueira sobre o tema Guerra e literatura, é tamén debedor destes compromisos dun pasado, logo superado. Son estes artigos escritos por un mozo que tería por diante outros camiños e palabras de acentos moi diferentes aos aquí reeditados. Pasaría o escritor dos invocados amañeceres á consideración das primaveras pospostas
e en boa parte debedoras á súa extraordinaria capacidade para decantar literariamente o seu caudaloso saber.

Superada aquela fase inicial, sería Cunqueiro capaz de encontrar, aquí e acolá, outros textos e contextos para acabar converténdose nun dos importantes referentes literarios deste vello Reino, como todos poboado de luces e sombras. Como todos tamén necesitamos das palabras precisas que el soubo encontrar e ofrecer en rexistros distantes dos evocados
neste libro.

Por máis que poida parecer asunto doado, a recolleita deste feixe de colaboracións de Cunqueiro levou o seu tempo. Foi grazas ao empeño de Mary Cruz Sabio e á xenerosidade de Feliciano Crespo, herdeiro de quen comandara o xornal Era Azul, que foi posible obter os artigos que Cunqueiro, coa súa sinatura ou baixo pseudónimo, publicara neste xornal falanxista da vila ortegana. Agora van seguidos de tres colaboracións escritas anos despois, para os programas de festas da vila, a pedido doutro ilustre ortegano como David Fojo. Con esta publicación fica reunida a obra escrita que Cunqueiro lle dedicara á vila que o acollera en tempos de ferro e chumbo.


Código QR para a descarga