consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

A situación sociocultural dos concellos galegos de menos de 50.000 habitantes. II Mapa cultural de Galicia


Os encontros Cultura e Concellos consideraron e avaliaron os novos desafíos que os cambios social e cultural presentaban ás políticas culturais municipais. Traballaron asemade a prol da redefinición do espazo local no marco global e, naturalmente, no virtual. “As novas tecnoloxías comunicacionais e informacionais −deixou escrito Xan Bouzada na introdución a Cultura e novas tecnoloxías− están a facer cambiar a nosa percepción do local na medida en que reducen a aparencia do sentido espazo-temporal. Os nosos recursos non só nos proporcionan a posibilidade de acceder ao ámbito global senón tamén a oportunidade para traballarmos mellor e dun xeito máis imaxinativo o noso propio patrimonio e os nosos recursos culturais”.

Esas realidades culturais, acrecentadas significativamente no marco do sistema de autonomía e autogoberno de Galicia, cambiantes no fondo e nas formas e cada vez máis diversificadas na dialéctica local-global, seguen merecendo particular atención. Por si mesmas e tamén na perspectiva dunha reflexión sobre a configuración territorial e a prestación de servizos, entre os que sempre deben contarse as necesidades en materia cultural.

Ese novo escenario demanda tamén novos instrumentos de sistematización informativa, fornecemento de datos e acceso documental para encher ese baleiro. Partindo desa necesidade
editouse A situación sociocultural dos concellos galegos de menos de 50 000 habitantes.

II Mapa cultural de Galicia, que continúa unha liña de investigación iniciada, grazas ao empeño de Xan Bouzada, co estudo As políticas culturais nas sete principais cidades galegas, ao que se sumou despois o informe Situación e perspectivas sociolaborais dos técnicos de cultura dos concellos galegos.

Trátase de propiciar o desenvolvemento de políticas culturais sobre unha evidencia empírica, de afondar na reflexión sobre a política cultural e de comprender mellor o papel que teñen as industrias culturais en relación ao crecemento económico e á calidade de vida.

A esa reflexión ha contribuír este informe que agora presentamos, logo dunha detallada recolleita de datos en 273 dos 315 concellos galegos. Foi realizado por un equipo de investigación dirixido por Xesús A. Lage Picos, grazas a un convenio de colaboración entre o Consello da Cultura Galega e a Universidade de Vigo, e ofrece unha completa panorámica da situación cultural dos concellos galegos. Para a súa configuración contamos coa colaboración da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), que agradecemos, ao igual que o traballo e as contribucións dos técnicos e responsables municipais de cultura.

O traballo súmase ás contribucións documentais e ao fornecemento de datos imprescindibles
para o coñecemento, a análise e a programación cultural que vén realizando o noso Observatorio da Cultura Galega, creado en 2006, coa finalidade de estudar e analizar
diacronicamente o universo cultural galego, configurado moi especialmente pola situación, as expectativas, os proxectos e as demandas culturais desde os ámbitos municipais. Desde a
perspectiva local na Galicia, célula de universalidade.


Código QR para a descarga
LAGE PICOS, XESÚS A. A situación sociocultural dos concellos galegos de menos de 50 000 habitantes : II Mapa cultural de Galicia / Xesús A. Lage Picos, Xosé Elías Trabada Crende, Mercedes Fernández Gestido. — Santiago de Compostela : Consello da Cultura Galega, 2011. — 156 p. ; 28 cm. — (Documentos e informes ; 17) D.L. C 1809-2011 — ISBN 978-84-92923-19-9 1. Galicia-Política cultural. I. Trabada Crende, Xosé Elías. II. Fernández Gestido, Mercedes. III. Título