consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

Gramática do idioma galego


Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas 2006, o Consello da Cultura Galega editou o facsímile da obra "Gramática do idioma galego", de Manuel Lugrís, homenaxeado nesta ocasión. A importancia desta Gramática radica en que supuxo unha ruptura coa práctica ata entón tradicional de considerar a gramática do español como norma subsidiaria para o galego. A publicación constitúe ademais unha manifestación do compromiso cívico-patriótico de Lugrís.

O Consello da Cultura Galega, un ano máis, quere adherirse á celebración do Día das Letras Galegas coa publicación do facsímile da obra Gramática do idioma galego, de Manuel Lugrís Freire, persoeiro conmemorado nesta ocasión.
É sumamente importante que, desde as máis diversas perspectivas culturais, se faga memoria da persoa escollida e do seu legado porque necesitamos lembrar as figuras que deixaron fortes pegadas na nosa historia e que deben servir de exemplo neste tempo noso. O Consello da Cultura Galega, que ten como norma fundamental a defensa e a promoción da cultura galega e, xa que logo, a defensa e a promoción dese importante signo distintivo que é a nosa lingua, mantén desde a súa creación o principio de colaboración nesta importante efeméride. Confiamos en que este facsímile resulte unha singular contribución e agradecemos a Ernesto González Seoane, decano da Facultade de Filoloxía da USC, a súa colaboración, así como ao Instituto da Lingua Galega, á súa directora, Rosario Álvarez Blanco, e a Antón Santamarina a posta a disposición do orixinal do autor a quen este ano dedicamos o Día das Letras Galegas.
Alfonso Zulueta de Haz.


Código QR para a descarga
Lugrís Freire, Manuel
Gramática do idioma galego / por M. Lugrís Freire ;
[limiar, Ernesto González Seoane]. — ed. facs. —
Santiago de Compostela : Consello da Cultura
Galega, 2006. — 12, VIII, 198 p. ; 21 cm
Reprod. facs. da ed.: Gramática do idioma galego /
por M. Lugrís Freire. 2ª edición correxida e aumentada.
A Coruña: Imprenta Moret, 1931.
D.L. VG-436-2006 . — ISBN 84-96530-14-0
1. Lingua galega-gramática. I. González Seoane,
Ernesto. II. Consello da Cultura Galega.