consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

Auga e cultura Achegamento gráfico


Co gallo da celebración do Día Mundial da Auga de 2006, o Consello da Cultura Galega e o Instituto de Educación Secundaria Rosalía de Castro de Santiago de Compostela desenvolveron un proxecto de divulgación e concienciación dos mozos sobre a importancia deste ben básico na vida diaria e na cultura. Froito deste traballo, o CCG editou o libro "Auga e Cultura. Achegamento gráfico", que recolle as ilustracións feitas por 73 alumnos da materia de Educación Plástica e Visual de 4º da ESO do centro compostelán no que reflicten a súa visión sobre a problemática arredor da auga.

Mantenza permanente, na orixe da vida, na súa conservación e no seu futuro, a auga vén sendo un recurso, un ben escaso, mal distribuído e mesmo maltratado. Un elemento necesitado de atención, estudo e coñecemento para a súa mellor disposición ao servizo da Humanidade.
Velaí a importancia do «Día mundial da auga» e dos traballos artísticos e literarios do alumnado de Educación Plástica e Visual de 4º de ESO do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Pola atención a este ben tan necesitado de coidados e polo feito de que o proxecto sexa impulsado nun exemplar esforzo educativo e de aprendizaxe.
Trátase de sensibilizar os máis novos, nesas idades de maiores posibilidades receptivas, sobre os aspectos decisivos que a auga ten para a subsistencia das sociedades e para eliminar as diferenzas, en tantos casos tan graves e inxustas, no uso e gozo dun elemento indispensable para a vida.
Temos na man unha publicación que contén, sen dúbida, importantes e imprescindibles reflexións sobre este recurso e informacións e consideracións precisas e atractivas sobre a necesidade de aproveitalo e conservalo adecuadamente coma o que é: un recurso da Natureza ao servizo de todos os pobos.
O Consello da Cultura Galega (CCG), sempre atento e sensible, desde a realidade e a identidade galegas, a todo o quefacer cultural e ás circunstancias que nel inflúen, ten a ben colaborar novamente cunha publicación do IES «Rosalía de Castro», que con tanto acerto dirixe Ubaldo Rueda.
Na miña condición de presidente do CCG, e como xa fixen con ocasión das publicacións Pequena escolma ilustrada de Sarmiento e Agasallo de cores para Xaquín Lorenzo, en colaboración con este centro, quero expresar os meus parabéns aos alumnos e ás alumnas que con tanto acerto e exemplar compromiso traballaron baixo a dirección dos profesores Soledad Pite Sanjurjo e Juan José Raíces.
Esta publicación, debedora asemade doutras ilustres contribucións, debidamente estudadas e recollidas, vén a ser unha necesaria chamada de atención sobre a auga nunha Galicia que ten neste elemento un trazo proxectado no verdor das súas paisaxes e nos leitos dos mil ríos e fontes que nos dan a vida. Auga, cultura e vida, xa que logo.
Alfonso Zulueta de Haz.



Código QR para a descarga
Edita Consello da Cultura Galega
Dirección e coordinación do proxecto Soledad Pite Sanjurjo
Maquetación e deseño ávila & pite
Ilustracións de portada e folla de respecto Soledad Pite Sanjurjo
Ilustracións de Auga e Cultura, Achegamento Gráfico
Alumnos/as de Educación Plástica e Visual de 4º da ESO do IES Rosalía de
Castro, de Santiago de Compostela, supervisados polos seus profesores Juan José Raíces e Soledad Pite Realización
Táktika Comunicación
ISBN 84-96530-12-4
Depósito legal XX-000-2006