consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

Pranto matricial na voz do seu autor


(...) Este Pranto matricial de Paz-Andrade constitúe, alén dunha peza poética auroral na obra publicada do autor, un tributo concibido desde o interior pero conectado co sentir das xentes que estaban daquela no exilio americano. Valentín Paz-Andrade comezara a viaxar ao continente americano desde 1950 por razóns profesionais, pero esta laboría deixoulle vagar para tender pontes e reconstruír redes amicais que viñan dos tempos da preguerra civil. Na Arxentina ou no Uruguai, en Chile ou no Brasil, en México ou nos Estados Unidos, sempre atopa Paz-Andrade vellos amigos cos que cruza cartas ou marca encontros. Os nomes de X. Núñez Búa e de Luís Seoane, de E. Blanco-Amor e Lorenzo Varela, de F. Delgado Gurriarán e X. Bal y Gay, de R. Martínez López e de Rafael Dieste son algúns destes correspondentes cos que renova amizade de forma directa e persoal. Coñece daquela
Paz-Andrade tamén a forza cultural do exilio e a necesidade de unir culturalmente as dúas Galicias que andan esgazadas mundo adiante. Foi esta inspiración a que motivou a escrita
en 1955 na cidade de Bogotá dun poemario inédito ata este ano, Canto do pobo disperso (Consello da Cultura Galega, 2012), e, con análoga intención, este é tamén o estilo que prima no Pranto matricial, rematado de escribir en 1954 e concibido en honor dunha figura patria que representaba a mellor converxencia que houbese nunca da Galicia «ideal» e da «territorial» ou europea.(...)

Afonso Vázquez Monxardín


Código QR para a descarga