consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

Escolma de textos en galego


Nesta obra recóllese unha antoloxía dos textos escritos en galego ao longo de toda a vida de Suárez Picallo. Trátase, maioritariamente, de artigos xornalísticos. Suárez Picallo viviu un tempo felizmente convulso e, ademais, escolleu participar da historia. Mais fíxoo como home de acción, como axitador obreiro, como orador en mitins e parlamentos. Non foi, nin o pretendeu, un ideólogo do galeguismo como Castelao ou Risco. Pero nunca un político espertou tanta paixón entre as clases populares, ás que el mesmo pertencía. A súa verdadeira obra perdeuse no aire. As arengas pronunciadas ante auditorios co ceo por teiro. A palabra falada.

Como todo home de acción, Suárez Picallo escolleu como medio de comunicación alternativo o xornalismo. Na prensa da época verteu as súas inquedanzas cotiás e as súas reflexións, como fixeran os anarquistas coruñeses ou os socialistas bonaerenses. As liñas de xornais e revistas como El Despertar Gallego, Céltiga, El Pueblo Gallego, Lugo, etc. gardan o seu legado e son a expresión escrita da súa vontade combativa.

Seguindo a vella idead de Valentín Fernández, proposta no seu día á Real Academia Galega, presentamos nesta obra unha selección de textos de Ramón Suárez Picallo en galego. Aproveitamos, xa que logo, algunhas das transcricións de Valentín Fernándes destes documentos depositados no fondo Ramón Suárez Picallo da Real Academia Galega.


Código QR para a descarga
Escolma de textos en galego / Ramón Suárez Picallo. - Santiago de Compostela : Consello da Cultura Galega ; Sada : Concello de Sada, 2008. - 175 p. : il. n. ; 23 cm D.L. C 3711-2008. - ISBN 978-84-96530-76-8 I. Consello da Cultura Galega. II. Concello de Sada.