consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

Os incendios forestais en Galicia Actas das xornadas celebradas os días 7 e 8 de novembro de 2005


Coordinada por Francisco Díaz-Fierros e Plácido Bahamonde, esta publicación recolle as actas das xornadas celebradas baixo o mesmo título os días 7 e 8 de novembro de 2005 en Santiago de Compostela. O encontro reuniu aos sectores implicados para analizar a problemática dos incendios forestais en Galicia e buscar solucións.

O lume nos montes galegos é tan antigo coma a propia agricultura. Mesmo se podería falar dunha certa convivencia do home co lume mentres o monte foi soporte da fertilidade das terras e as estivadas fornecían de cereal. A partir da segunda metade do pasado século e co abandono destas prácticas e a progresiva desertización do campo, o mato volveu ocupar os montes e un
certo absentismo foise impoñendo na propiedade forestal; como consecuencia de todo iso e dalgunhas causas máis, cando os veráns viñan malos pola seca e os ventos, o lume espallábase polos montes e milleiros de hectáreas de árbores e mato volvíanse cinza e miseria.
As comunidades de montes que foron xurdindo devolvéronlle un certo sentido de pertenza e dignidade ao monte e frearon en parte e nalgunhas zonas esta degradación; así mesmo os servizos especializados que se crearon contra os incendios forestais aumentaron dun xeito significativo a eficacia das extincións. Aínda así, o número de incendios apenas diminuíu, o que nos sinala que moitas das causas estruturais dos lumes nos montes galegos seguen existindo.
Despois da longa e intensa estiaxe deste ano 2005, que favoreceu un incremento moi importante dos incendios forestais en Galicia, a sensilibilidade colectiva sentiuse, unha vez máis, fondamente magoada polas tráxicas experiencias e impresións que viviu, ao tempo que a fría contabilidade empeza a dar conta das inxentes perdas materiais, algunhas delas irreversibles, como as do solo, que comeza a marchar cara ao mar coas primeiras chuvias do outono.
Nestas xornadas que organizou o Consello da Cultura Galega tentouse, unha vez máis, ofrecerlle á sociedade galega un foro de reflexión sobre este importante problema, un dos máis graves que aínda están sen resolver. Para loitar co lume hai unhas medidas a curto e medio prazo que dependen dos servizos contra os lumes e das accións preventivas que se poñan en marcha. Pero hai outras a máis longo prazo que atinxen fundamentalmente os valores, tanxibles e intanxibles, que se poñen en xogo e que, polo tanto, se deben entender como unha acción cultural de cara a toda a sociedade, algo moi propio e pertinente no campo de actividade deste Consello.
Francisco Díaz-Fierros e Plácido Baamonde


Código QR para a descarga
Xornadas sobre os Incendios Forestais en Galicia (2005. Santiago de Compostela)
Os incendios forestais en Galicia : actas das xornadas celebradas os días 7 e 8 de novembro
de 2005 en Santiago de Compostela / coordinadores, Francisco Díaz-Fierros, Plácido Baamonde. — Santiago de Compostela : Consello da Cultura Galega, Sección de Ciencia, Técnica e Sociedade, 2006. — 327 p. ; 23
cm. — (Colección Base)
D.L. C-1655-2006. — ISBN 84-96530-17-5
1. Incendios forestais-Galicia. I. Díaz-Fierros Viqueira, Francisco. II. Baamonde López, Plácido.
III. Consello da Cultura Galega. Sección de Ciencia, Técnica e Sociedade.