consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

Los pescadores del norte y noroeste de España Su vida social y particular por provincias


O contramestre de porto Benigno Rodríguez percorreu entre 1907 e 1910 a costa cantábrica comisionado polo entón Ministerio da Mariña. Froito desta viaxe naceu a obra "Los pescadores del Norte y Noroeste de España", unha investigación etnográfica e sociolóxica de excepcional importancia que analiza dun xeito moi preciso a vida dos pescadores cantábricos, afondando nas súas particularidades, penetrando no seu mundo e amosando os apuntamentos singulares das súas familias, dos seus costumes, crenzas e hábitos.

O Consello da Cultura Galega, facendo unha vez máis debido cumprimento de principios que fundamentan a súa existencia: a promoción e defensa dos valores culturais do pobo galego e a preservación, estudo, valorización e difusión do noso patrimonio cultural, aborda a edición en facsímile do traballo de Benigno Rodríguez Santamaría Los pescadores del Norte y Noroeste de España, pertencente ao Museo Massó.
Estamos diante dunha análise moi precisa da vida dos pescadores galegos, afondando nas súas particularidades, penetrando no seu mundo, amosando os apuntamentos singulares das familias cos seus costumes, crenzas e hábitos, así como as actitudes en relación coa pesca e coas súas artes. É, sen dúbida, unha investigación etnográfica e sociolóxica de excepcional importancia, que recupera o coñecemento dunha parcela relevante da nosa historia, na que o mar sempre foi axente determinante; é, asemade, un luminoso estudo que nos presenta unha visión panorámica da existencia vital dos pescadores.
Hai que salientar dous merecementos tamén excepcionais que engaden máis valor a esta investigación; por unha banda, os fermosos e didácticos debuxos do facsímile e, pola outra, o lúcido estudo introdutorio de Francisco Calo Lourido, da Sección de Antropoloxía do Consello da Cultura Galega, no que sitúa ao autor e a súa obra a través dunha excepcional indagación, salientando a súa traxectoria vital e as súas pescudas e observacións.
O Consello da Cultura Galega agradécelle ao Museo Massó as facilidades para publicar unha obra excepcional, que vai permitir unha información necesaria e, en consecuencia, un enriquecemento cultural ao servizo de Galicia.
Alfonso Zulueta de Haz.




Código QR para a descarga
Rodríguez Santamaría, Benigno
Los pescadores del Norte y Noroeste de España : su vida social y
particular por provincias / por Benigno Rodríguez Santamaría ;
[introdución de Francisco Calo Lourido]. — Ed. facs. —
Santiago de Compostela : Consello da Cultura Galega, [Sección
de Antropoloxía Cultural], 2005. — XLII, 328 p. : il. ; 21 cm.
Reprod. facs. da ed.: Los pescadores del Norte y Noroeste de
España : su vida social y particular por provincias. Madrid :
Imprenta Alemana, 1916.
D.L. C-410-05. — ISBN 84-95415-98-4
1. Pesca-S. XX-Facsímiles. I. Calo Lourido, Francisco. II.
Consello da Cultura Galega. Sección de Antropoloxía Cultural.
III. Título