consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

Los problemas fundamentales de la filología comparada Su historia, su naturaleza y sus diversas relaciones científicas


Esta publicación constitúe segundo os expertos unha obra fundamental do patrimonio filolóxico e lingüístico europeo. Os seus dous tomos resumen o comparatismo decimonónico e introduciron en España os fundamentos epistemolóxicos do estudo da linguaxe e as súas relacións co pensamento. Desde os Vedas e linguas clásicas ata comezos do século XX, Amor Ruibal realiza nesta obra un compendio histórico excepcional.

O Consello da Cultura Galega, por iniciativa da Sección de Filosofía e Pensamento, decidiu publicar a edición facsimilar de dúas obras, singularmente importantes, de Amor Ruibal, que agora presentamos: Principios Generales de Lingüística Indo-Europea e os dous tomos de Los problemas fundamentales de la Filología Comparada, rescatándoas dun inxusto esquecemento
por seren esenciais tanto na filosofía coma na lingüística. Este feito terá o seu adecuado complemento na realización dun simposio, que se celebrará no salón de actos do Consello da Cultura Galega os días 15, 16 e 17 de decembro de 2005. Amor Ruibal –home de sorprendente personalidade e autor de obras primordiais que tiveron máis repercusión nalgúns países europeos que no noso, como Los problemas fundamentales de la Filosofía y el Dogma, en dez volumes– foi un excepcional lingüista que lle dedicou especial atención á lingua e á cultura galegas; entre os seus máis grandes desexos, que non puido cumprir en vida, estaba a redacción dun “Diccionario etimológico gallego”, que contribuiría á reconstrución da vida interna do idioma, determinando
o seu significado e a súa identidade.
Amor Ruibal foi sabio en moitos campos do coñecemento, como a teoloxía, a filoloxía, o dereito e tamén a filosofía, cunha preparación excepcional baseada, por unha parte, en ser un políglota salientable que manexaba idiomas antigos (grego, sánscrito, hebreo, persa e copto) e actuais
(francés, inglés, alemán e, por suposto, galego e castelán), e, por outra, no intercambio literario que lle subministraban publicacións de Francia, Alemaña e Italia, estando deste xeito ao tanto das ideas e da investigación alén das nosas fronteiras.
Para o Consello da Cultura Galega é gratificante promover a análise de personalidades salientables e exemplares para a nosa cultura, como Amor Ruibal, a figura especulativa máis importante do seu tempo en varias esferas do coñecemento, cumprindo así unha das nosas obrigas, que é a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.
Alfonso Zulueta de Haz


Código QR para a descarga
Amor Ruibal, Ángel
Los problemas fundamentales de la Filología
Comparada : su historia, su naturaleza y sus
diversas relaciones científicas / por A. Amor
Ruibal. – Santiago de Compostela : Consello da
Cultura Galega, Sección de Filosofía e
Pensamento, 2005. – 2 v. ; 21 cm
DL VG-1227-2005 . – ISBN 84-96530-06-X (o.c.)
Reprod. facs. da ed. de Madrid: Fernando Fé,
1904-1905 (Santiago : Tip. Galaica)
1. Filoloxía-Estudos e conferencias. I. Consello
da Cultura Galega. Sección de Filosofía e
Pensamento. II. Título