consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

Principios Generales de Lingüística indo-europea


Esta obra data de 1900 e contén a tradución ao castelán da obra de P. Regnaud. O seu valor engadido para a cultura galega é que, baixo o título "Ciencia del Lenguaje" e ao pé da páxina, Amor Ruibal vai introducindo un estudo paralelo á tradución que chega a ocupar máis páxinas que a propia tradución. Nese estudo quedan perfiladas, segundo os expertos, as directrices xerais das observacións filolóxicas e paulatinamente lingüísticas do autor, pioneiro en España no enfoque cognitivo da linguaxe.

O Consello da Cultura Galega, por iniciativa da Sección de Filosofía e Pensamento, decidiu publicar a edición facsimilar de dúas obras, singularmente importantes, de Amor Ruibal, que agora presentamos: Principios Generales de Lingüística Indo-Europea e os dous tomos de Los problemas fundamentales de la Filología Comparada, rescatándoas dun inxusto esquecemento por seren esenciais tanto na filosofía coma na lingüística. Este feito terá o seu adecuado complemento na realización dun simposio, que se celebrará no salón de actos do Consello da Cultura Galega os días 15, 16 e 17 de decembro de 2005.
Amor Ruibal –home de sorprendente personalidade e autor de obras primordiais que tiveron máis repercusión nalgúns países europeos que no noso, como Los problemas fundamentales de la Filosofía y el Dogma, en dez volumes– foi un excepcional lingüista que lle dedicou especial atención á lingua e á cultura galegas; entre os seus máis grandes desexos, que non puido cumprir en vida, estaba a redacción dun “Diccionario etimológico gallego”, que contribuiría á reconstrución da vida interna do idioma, determinando o seu significado e a súa identidade.
Amor Ruibal foi sabio en moitos campos do coñecemento, como a teoloxía, a filoloxía, o dereito e tamén a filosofía, cunha preparación excepcional baseada, por unha parte, en ser un políglota salientable que manexaba idiomas antigos (grego, sánscrito, hebreo, persa e copto) e actuais
(francés, inglés, alemán e, por suposto, galego e castelán), e, por outra, no intercambio literario que lle subministraban publicacións de Francia, Alemaña e Italia, estando deste xeito ao tanto das ideas e da investigación alén das nosas fronteiras.
Para o Consello da Cultura Galega é gratificante promover a análise de personalidades salientables e exemplares para a nosa cultura, como Amor Ruibal, a figura especulativa máis importante do seu tempo en varias esferas do coñecemento, cumprindo así unha das nosas obrigas, que é a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.
Alfonso Zulueta de Haz.


Código QR para a descarga
Regnaud, Paul
Principios generales de Lingüística Indo-
-Europea / versión española precedida de un
estudio sobre la Ciencia del Lenguaje por A.
Amor Ruibal. – Santiago de Compostela :
Consello da Cultura Galega, Sección de Filosofía
e Pensamento, 2005. – 200 p. ; 21 cm
DL: VG- 1226-2005. – ISBN 84-96530-09-4
Reprod. facs. da ed. de Santigo: [s.n], 1900 (Tip.
Galaica)
1. Lingüística-Estudos e conferencias. I. Amor
Ruibal, Angel. II. Consello da Cultura Galega.
Sección de Filosofía e Pensamento. III. Título