consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

A sociedade galega e o idioma: evolución sociolingüística de Galicia (1992- 2003)


A Comisión Técnica de Lingua e Sociedade do Consello da Cultura Galega ofrece nesta publicación unha radiografía actualizada e profunda da situación do galego. Este achegamento realízase mediante unha análise en profundidade dos datos da Enquisa de Condicións de Vida das Familias de 2004 (Instituto Galego de Estatística) e unha comparación dos resultados cos publicados once anos antes no Mapa Sociolingüístico de Galicia.

O Consello da Cultura Galega ten como obxectivo fulcral, segundo a lei do Parlamento de Galicia que o creou, o fomento dos valores culturais galegos e, de xeito específico, a defensa e promoción do idioma galego. Por esta razón, a mesma lei establece entre as competencias do CCG a capacidade para investigar e valorar os problemas da lingua e da cultura de noso. Para desenvolver mellor as funcións que ten encomendadas, o Consello estableceu Seccións especializadas por áreas; e unha das primeiras que se artellou foi precisamente a Sección de Lingua. No mesmo momento da súa creación, esta Sección elaborou un programa de investigación sobre a situación do idioma galego en distintos ámbitos, que deu lugar a unha serie de publicacións de referencia sobre o ensino universitario e non universitario, a igrexa e o galego exterior. Este programa tivo a súa continuación con pescudas sobre o uso da lingua na esfera comercial e nas administracións locais. Finalmente, nos últimos anos viñeron a lume os resultados doutra serie de investigacións centradas especificamente na política lingüística en Galicia no período autonómico.
A obra que arestora presentamos benefíciase do labor previo do Instituto Galego de Estatística, que tivo o acerto de incluír un módulo sobre o coñecemento e uso do idioma galego na súa campaña anual de recolla de datos sociolóxicos correspondente ao ano 2003. O propio IGE deu a coñecer un amplo resumo das informacións obtidas nese inquérito mediante un folleto e tamén a través da súa páxina web. Pero, obviamente, ao IGE non lle compete realizar unha análise medianamente profunda da información específica sobre o idioma galego obtida daquela enquisa. Ante o risco de que esta valiosa información acabase sendo pouco ou mal aproveitada, a Sección de Lingua do CCG decidiu poñer en marcha un proxecto para a súa explotación. Contamos para isto coa mellor actitude do IGE, que puxo ao noso dispor o material obtido e nos ofreceu todo tipo de facilidades para traballar sobre el. É obrigado, pois, deixar constancia do noso agradecemento pola actitude de colaboración institucional, sempre ao servizo do país, do Instituto Galego de Estatística.
Co obxectivo de proceder a unha análise global dos datos do dito inquérito, a Sección de Lingua constituíu a Comisión Técnica de Lingua e Sociedade, que configurou un equipo de traballo composto por cinco especialistas. O coordinador da Sección de Lingua, Henrique Monteagudo, e o membro desta Anxo Lorenzo actuaron como codirectores do equipo, no que se integraron Håkan Casares, Xoaquín Loredo e Isabel Suárez. Os codirectores son os responsables da concepción e deseño do proxecto, acompañaron a súa realización e participaron na revisión das sucesivas versións deste. Os outros membros do equipo, alén de realizar materialmente as tarefas asignadas a cada un deles, arrequentaron o traballo con ideas propias e contribucións persoais. A Håkan Casares cóubolle unha responsabilidade especial, pois deu forma tanxible tanto ás orientacións xerais dos codirectores canto ás propostas e emendas puntuais de todos, e fundiu nunha redacción unificada as achegas parciais dos outros membros do equipo. Queremos subliñar que a obra é resultado do traballo en equipo, desde as xuntanzas preparatorias que serviron para perfilar o proxecto, pasando polos debates de que foron obxecto cada un dos capítulos, ata a discusión final arredor da versión definitiva, para a cal contamos, ademais, coas suxestións dos membros da Sección de Lingua. Agradecemos desde aquí as achegas de todos e todas, e en particular o entusiasmo dos compoñentes do equipo.
Non é este lugar para unha reflexión detida sobre as conclusións que podemos tirar dos datos que presentamos e analizarmos neste "Informe". No entanto, parece procedente lembrar que este mostra claramente que está en xogo o futuro dun dos máis senlleiros sinais da identidade colectiva de Galicia, o idioma do país, que alén diso constitúe un patrimonio cultural de valor literalmente incalculable. Todo parece indicar que nos atopamos nunha disxuntiva crítica, a partir da cal o galego pode precipitarse nunha decadencia acelerada que remate no esmorecemento irreversible. Pero non é menos certo que aínda está ao noso alcance recuperalo para a plena normalidade, a condición de que a sociedade galega siga disposta a investir un esforzo intenso, prolongado e intelixente para conseguilo. Resulta, pois, ineludible chamar a atención dos axentes sociais –de xeito moi especial de líderes e gobernantes– verbo da súa responsabilidade histórica sobre o destino do noso idioma.
De forma nuns casos inxenua e noutros interesada, hai quen sostén que a marxinación do idioma
galego é debida a unha opción voluntaria da cidadanía galega, e por tanto sería preferible deixar que as cousas fosen de seu. Pola contra, todos os estudos serios mostran de xeito inequívoco que a maior e mellor parte dos galegos e galegas, agora e no pasado, desexaron e desexan que a lingua do país sexa tratada dignamente e se desenvolva en condicións de plena normalidade. A subordinación do galego é, indiscutiblemente, un herdo de centurias de centralismo e de décadas de ditadura, e é responsabilidade principal dos poderes públicos (da sociedade e do estado) atopar os medios acaídos para superala.
Aos estudos sociolingüísticos (que tanto progreso experimentaron en Galicia nas últimas décadas) debemos, entre outras cousas, unha mellora significativa no coñecemento da realidade idiomática do país. Pero o que ao final resulta decisiva é a vontade da maioría da sociedade galega, en particular dos seus sectores máis conscientes, por transformar esa realidade, profundamente desigual e inxusta, nunha máis equitativa, de modo que a cidadanía galega poida usar e gozar libre e pacificamente dun dos bens culturais máis distintivos e valiosos que posúe. Contribuír a facer isto posible, na modesta medida das súas competencias e capacidades, constitúe un dos compromisos máis importantes do Consello da Cultura Galega.



Código QR para a descarga
Sección de Lingua. Comisión Técnica de Lingua e Sociedade
A sociedade galega e o idioma : evolución sociolingüística de Galicia (1992-
2003) / Comisión Técnica de Lingua e Sociedade. — Santiago de Compostela :
Consello da Cultura Galega, Sección de Lingua, 2005. — 103 p. ; 17 cm. —
(Informes)
DL C-3089-2005. — ISBN 84-96530-10-8
1. Lingua galega-Normalización. 2. Sociolingüística. I. Consello da Cultura
Galega. Sección de Lingua. II. Título