consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

Recursos en I+D+i dedicados ao estudo dos efectos da vertedura do Prestige (2003-08). Avaliación e xuízo crítico




Vólvese de novo sobre o Prestige cando xa remataron os proxectos da investigacióncientífica e técnica que foron financiados polas diferentes administracións españolas. O conxunto supón unha impresionante relación de datos e interpretacións, sobre un obxectivo de investigación común, que non ten paralelo en toda a historia científica de Galicia e, con moi escasos precedentes, na española.

Máis de douscentos investigadores e case tres mil millóns das antigas pesetas foron dedicados a esta inxente tarefa. Diante deste abraiante esforzo, as posibles preguntas que se nos formulan, entre outras, serían: Ata que punto os seus resultados responden aos obxectivos marcados inicialmente? Hai unha información nova e pertinente que poida servir para resolver con maior acerto os problemas que puidesen xurdir dun novo episodio de afundimento dun petroleiro? A comunicación dos resultados fluíu con suficiente axilidade cara á comunidade científica, en particular, e cara á sociedade, en xeral?

A última cuestión é a que ten máis interese para a cultura científica e, polo mesmo, a que lle preocupa especialmente ao Consello da Cultura Galega. Pero, para poder debater sobre ela, era totalmente necesario o poder dispor previamente dunha relación dos proxectos implicados, dos seus obxectivos e, sobre todo, dos seus resultados. Algo que non se adoita facer no sistema de I+D+i español (que financia, pero só minimamente analiza e controla os resultados) e que, polo tanto, tampouco foi realizado neste caso. Por iso, foi necesario, nunha primeira xeira deste proxecto, a realización dese inventario.

En calquera caso, e á marxe das súas posibles implicacións culturais, o feito de que os coordinadores deste proxecto puideran chegar a reunir, con éxito, neste volume, a maioría dos proxectos implicados nas investigacións derivadas da catástrofe do Prestige ten xa de por si un extraordinario valor. Algo que certamente non ten precedentes na historia da investigación científica galega e que debería inaugurar un novo xeito de avaliar os recursos dedicados a I+D+i, neste país.

A vertedura de fuel do Prestige, durante o período errático que vai dende o accidente, o 13 de novembro, ata o afundimento, o día 19, e mais as posteriores emanacións durante varios meses dende as profundidades do Banco de Galicia fixeron deste derramo de fuel a marea negra máis excepcional que padeceu este país. Nesas datas, evidenciouse que a escasa información científica de que se dispoñía sobre as anteriores mareas negras en Galicia era só a que correspondía aos traballos de investigación publicados en revistas científicas internacionais. Ao mesmo tempo, artigos publicados en revistas locais ou de pouca difusión, comunicacións en congresos, informes de proxecto, teses de doutoramento, memorias de licenciatura e outros traballos académicos que contiñan importante información local previa non eran doados de localizar e, na meirande parte, difíciles de conseguir. Moitos destes taballos nin sequera estaban
total ou parcialmente publicados, pero contiñan datos locais e información básica moi valiosa ante unha catástrofe como a que acontecía.
A pesar de que, nas mareas negras anteriores, os recursos de I+D destinados ao estudo dos seus efectos foron moito menores, gran parte dos científicos implicados no estudo do derramo do Prestige botaron en falta a información local xerada neles. Isto foi o xermolo que levou ao Consello da Cultura Galega a plasmar a idea de recompilar nun libro a meirande parte da información científica xerada sobre a marea negra do Prestige, nos proxectos financiados cos recursos de I+D, de varios organismos públicos e privados de Galicia e do resto de España. En esencia, o obxectivo principal do libro é dobre: transmitir á sociedade o enorme esforzo científico realizado, principalmente pola comunidade científica galega, á vez que elaborar un documento de resumo que poida ser útil cando, desgraciadamente, se volva ter outra marea negra en Galicia.


Código QR para a descarga