consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

Linguas, sociedade e política. Un debate multidisciplinar


O presente volume recolle os relatorios presentados ao longo da xeira de xuntanzas que baixo o rótulo ‘Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia’ foi organizada conxuntamente pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación e a Sección de Pensamento e Sociedade do Consello da Cultura Galega. O devandito seminario, coordenado por quen asina estas liñas introdutorias, desenvolveuse entre decembro de 2009 e xuño de 2010 ao longo de catro sesións de traballo. Colaboraron na elaboración do programa os profesores Ramón Máiz Suárez e Víctor Fernández Freixanes e correron a cargo da secretaría da organización Håkan Casares Berg, Susana Mayo Redondo e Rosario Pérez Magdalena. Asistiron regularmente ás sesións preto dun cento de persoas -investigadores, profesionais, activistas e público xeral-, boa parte das cales interviñeron activamente nos vivos debates que se trabaron arredor dos relatorios presentados.

Na xustificación da iniciativa que acompañou o programa impreso sinalábase: «A amplitude e intensidade que están adquirindo os debates sobre a lingua no noso país, e moi particularmente a súa relevancia política, levounos a considerar a necesidade dun foro de reflexión sobre a situación sociolingüística de Galicia, a súa evolución recente e as fórmulas desexables para o futuro, tendo en conta o marco estatal español e o ámbito luso-brasileiro, cos que sen dúbida mantemos unha estreita relación». En efecto, pretendiamos favorecer un diálogo interdisciplinar, convidando para tanto a especialistas do ámbito da politoloxía, o dereito, a economía, a socioloxía, a educación, a comunicación e a xestión cultural ademais da sociolingüística, obviamente, e interpelando profesionais de distintas áreas relacionadas co idioma, desde a docencia e a investigación ata as industrias da cultura, pasando polo xornalismo e a planificación e a dinamización lingüísticas.


Código QR para a descarga
Depósito Legal: C 2732-2012