consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

Amarras de tinta. Emigración transoceánica e escrita popular na Península Ibérica, séculos XIX-XX


Recóllese neste volume boa parte dos contributos presentados á IV Xuntanza da Rede de Arquivos e Investigadores da Escrita Popular (RedAIEP) que, co título Memoria Escrita, Historia e Emigración, tivo lugar en Santiago de Compostela, coorganizada polo Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega, a Cátedra UNESCO sobre Migracións da Universidade de Santiago de Compostela e mais a propia RedAIEP, entre os días 6 e 8 de novembro de 2008. Pásase revista así ás experiencias epistolares dos emigrantes galegos, portugueses, vascos e asturianos na América entre 1850 e 1960 así como ás vivencias dos “nenos da guerra” españois na URSS logo de 1937.

O resultado é a primeira obra colectiva de ámbito ibérico que ten como tema específico a análise da correspondencia como fonte e como desafío metodolóxico e teórico para a historia das migracións. Con iso, pretendemos ir asentando no ámbito dos estudos migratorios ibéricos unha reflexión de dimensión máis ampla sobre a precisa ampliación das temáticas que cómpre incluír baixo a ampla e polivalente etiqueta da “historia das migracións”, e así mesmo sobre o valor dos documentos persoais, intimamente relacionados coa escrita popular, coa oralidade e mais coas fontes fotográficas, que dende hai tres décadas vén percorrendo con intensidade desigual outros ámbitos historiográficos europeos, e así mesmo varias das historiografías dos países de inmigración. Os diversos contributos aquí recollidos formulan cuestións e debates de dimensión historiográfica global, na medida en que se insiren nas discusións globais sobre a correspondencia e os estudos migratorios, e preséntannos como a partir de casos concretos e de fontes privadas e aparentemente máislocais que ningunha é posíbel abordar cuestións teóricas e metodolóxicas de relevancia historiográfica transnacional.


Código QR para a descarga
Amarras de tinta : emigración transoceánica e escrita popular na Península Ibérica, séculos XIX-XX / Xosé M. Núñez Seixas, Domingo L. González Lopo, coordinadores. — Santiago de Compostela : Consello da Cultura Galega, 2011. — 269 p. ; 24 cm. — (Actas) D.L. C 0000 2011. — ISBN 978-84-92923-13-7 1. Galegos en América-Correspondencia. 2. Galicia-Emigración. I. Núñez Seixas, Xosé M. II. González Lopo, Domingo L. III. Consello da Cultura Galega.