consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

Galicia en Cuba. Lingua, Rosalía, loitas


Temos aquí tres libros nun só volume. Tres temas ou capítulos definidores da obra dos nosos emigrantes que arribaron a Cuba. O autor, Xosé Neira Vilas, viviu 31 anos naquela illa (entrañable para milleiros de galegos), dos que dedicou máis de vinte e cinco a investigar con rigor e tenacidade a presenza galega dende 1870 ata hoxe. Estes son os temas:

A lingua galega en Cuba. É o primeiro estudo que se leva a cabo sobreo o noso idioma máis alá das fronteiras xeográficas de Galicia. Inclúe a fala viva nalgunhas rexións daquel país antillano; a nosa lingua na prensa galega de Cuba e na prensa cubana; libros galegos publicados na Habana; clases de galego; traducións de autores cubanos; Cátedra de Cultura Galega; voces galegas na fala cotiá de Cuba. / Rosalía de Castro e Cuba. Rosalía, dúas publicacións periódicas; unha sociedad de declamación; versos na voz dos nenos cubanos; axuda dende A Habana a Rosalía, Murguía e as filas de ambos Alexandra e Gala; poetas cubanos que lle cantaron e a loaron; a actual Sociedade Cultural Rosalía de Castro. / Galegos que loitaron pola independencia de Cuba. Emigrantes mambises que combateron nas dúas guerras pola independencia cubana; o xeneral Francisco Villamil; homes e muleres incorporados a loitas reivindicativas do pobo cubano.

Enumeramos apenas un resumo da triloxía que engloba este volume. Tres temas moi distintos que teñen, non obstante, un denominador común: a incorporación dos nosos emigrantes á peripecia múltiple dos pobos e dos países a onde os leva o destino.



Código QR para a descarga
Neira Vilas, Xosé Galicia en Cuba: Lingua. Rosalía. Loitas / Xosé Neira Vilas. — Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2013. — 463 p.: il. ; 24 cm. – (Autores & Textos) D. L. C 2312-2013. – ISBN 978-84-92923-55-7 I. Título