consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

As bibliotecas galegas


Segundo a definición que nos facilita a UNESCO enténdese como biblioteca (Norma ISO 2789) unha organización, ou parte dunha organización, que ten como principais obxectivos compilar e manter coleccións de materiais impresos e facilitar o uso desta información, investigación e educación e proporcionar espazos recreativos culturais para os seus usuarios. Eses son os requirimentos esenciais dunha biblioteca, aínda que no se exclúen os recursos e servizos complementarios dedicados ao seu propósito primario. Inclúese nesta definición calquera tipo de material gráfico ou audiovisual, así como as bibliotecas virtuais e os catálogos dixitais.
Neste estudo achégase información sobre equipamentos, infraestrutura, actividade e recursos. Estes indicadores permitan coñecer as principais características das bibliotecas e valorar a súa evolución. O ámbito de estudo constitúeno todas as bibliotecas galegas, calquera que sexa a súa dependencia administrativa, coa excepción das bibliotecas privadas que non faciliten o acceso ao público en xeral, e as escolares.
A información principal procede de dúas fontes estatísticas. A principal é a Estadística de Bibliotecas do Instituto Nacional de Estadística que se leva a cabo dende 1959. Esta estatística elabórase conforme ás recomendacións da UNESCO en materia de definicións e clasificacións que figuran na recomendación sobre normalización internacional das estatísticas de bibliotecas. Dende 1986 vénse desenvolvendo un proxecto con carácter bienal. A partir do ano 2002 introdúcense algúns cambios, tales como a utilización dunha nova definición de biblioteca baseada na norma citada arriba, establécese unha nova clasificación dos tipos de bibliotecas e se afonda na investigación da implantación das tecnoloxías da información e a comunicación. A outra fonte consultada é a Estatística de Bibliotecas da Xunta de Galicia. Esta estatística recolle os datos das bibliotecas públicas mediante a cobertura directa na ferramenta informática habilitada na páxina web do portal da Rede de Bibliotecas de Galicia. Ofrece unha cantidade importante de datos así como indicadores de usuarios, actividade, económicos e de fondos. O resto de fontes de información recolleuse de fontes do Ministerio de Cultura y Deportes, do Instituto Galego de Estatística e do Instituto Nacional de Estadística.

Informe do Observatorio da Cultura Galega, elaborado en marzo de 2014.


Código QR para a descarga