consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

Gasto público en cultura


Este informe estrutúrase en dous apartados fundamentais: Orzamentos e gasto público en cultura, para rematar cun breve apunte sobre o cumprimento das administracións na execución dos devanditos orzamentos. Utilizáronse como fontes estatísticas a Estadística de Financiación y Gasto Público en Cultura, a Estadística de Liquidaciones de los Presupuestos de las Entidades Locales, as estatísticas de orzamentos do Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas e o Instituto Galego de Estatística.

O ámbito de estudo recolle información das administracións autonómica e local e vertébrase mediante dúas variables: o destino do gasto e a natureza deste. O destino do gasto está relacionado cos seguintes sectores culturais: Bens e servizos culturais, Artes plásticas e escénicas, Libros e audiovisual e Interdisciplinario. No caso da Administración local, os desgloses comprenden Arqueoloxía e protección do patrimonio histórico-artístico, Bibliotecas e arquivos, Museos e artes
plásticas, Artes escénicas, Festas populares e festexos, Promoción cultural e Administración xeral de cultura.

A natureza económica do gasto permite distinguir os diferentes capítulos de gasto. En primeiro lugar atópanse os gastos correntes, que inclúen os gastos de persoal (soldos e salarios, prestacións e gastos sociais), os gastos correntes e servizos (material funxible, reparacións, etc.), os gastos financeiros (intereses por todo tipo de débedas, depósitos ou fianzas) e as transferencias correntes (créditos ao sector público e privado destinados a gastos correntes). En segundo lugar, aparecen os gastos de capital, que abranguen os investimentos reais (dotacións
económicas para investimentos duradeiros, como por exemplo grandes reparacións ou novas infraestruturas) e as transferencias de capital (destinadas a financiar investimentos). Por último, atópanse os activos e pasivos financeiros que son os créditos destinados a adquisición de activos financeiros e constitución de depósitos e fianzas, así como á amortización de débedas e devolución de depósitos e fianzas constituídos por terceiros.

Hai que subliñar que a partir de 2010 cambia a estrutura orzamentaria da administración local que comeza a ofrecer información máis detallada, pero só dos concellos de máis de 5.000 habitantes. Isto permite establecer tan só unha evolución temporal de dous anos: 2010 e 2011.

No que se refire aos orzamentos, recóllese unha información máis sucinta, pero que permite ter unha perspectiva temporal máis actualizada ademais de que fai posible comparar ata que punto o gasto que se pretende levar a cabo
acaba finalmente executándose.


Código QR para a descarga