consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

José Rubia Barcia: unha vida contada

Baixar publicación
/ 2014 /

DATOS DO EVENTO

Presentación do libro «José Rubia Barcia: Unha vida contada»
Nas Galería Sargadelos (Ferrol), xoves, 31 de xullo de 2014 ás 20:30


A figura de José Rubia Barcia, como creador, profesor e crítico literario, tivo altos e baixos no aprecio que lle prestaron os seus coetáneos residentes en España. Esquecido durante moitos anos, tivo que batallar para ver publicados algúns dos seus libros, que só grazas ao mecenado de persoas como Isaac Díaz Pardo acabaron por saír a lume na década dos oitenta. Logo, grazas ás xentes de Ferrol, nomeadamente da revista Ferrol Análisis, a obra e a peripecia vital de Rubia Barcia foi evocada e estudada. Pero a súa biografía nunca fora abeirada como é nesta obra que me honro en presentar, baseada na longa entrevista que o profesor J. M. González Herrán lle fixo no verán de 1985 e que ben pode considerarse unha «autobiografía» de Rubia Barcia. Por iso leva o título de Una vida contada, porque se trata dunha síntese persoal e autorizada da biografía de José Rubia Barcia, que vai desde o seu Mugardos natal, pasando pola Granada dos estudos universitarios ou a experiencia da Guerra Civil, para acabar facendo os traballos máis diversos nos seus longos anos de exilio, como guionista e dobrador de cine con Luis Buñuel e, finalmente, como profesor na UCLA, no ronsel doutro galego medio esquecido que foi César Barja. A colección As Nosas Voces, na que desde hai moitos anos vimos dando a lume textos dos nosos ilustres exiliados, acolle con satisfacción esta orixinal conversa autobiográfica, editada como texto pero arrequecida coa propia voz do entrevistado.

Descarga aquí todos os audios desta publicación


Código QR para a descarga
José Rubia Barcia : unha vida contada / edición de José Manuel González Herrán. — Santiago de Compostela : Consello da Cultura Galega, 2014. — 144 p. — (As nosas voces ; 24) ISBN 978-84-92923-57-1