consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

Actas do I Congreso Internacional “Curros Enríquez e o Seu Tempo”: Celebrado en Celanova, 13 al 15 de setembro de 2001 (V.2)


Publicación que recolle preto de setenta relatorios presentados no encontro internacional que se celebrou en Celanova do 13 ao 15 de setembro de 2001 para conmemorar os 150 anos do nacemento de Manuel Curros Enríquez.

Temos bos motivos para agardar que os dous volumes de estudos arredor de Curros que presentamos supoñan un fito no coñecemento da vida, obra e influxo do vate celanovés, tal como aconteceu coas actas correspondentes aos congresos de Rosalía e de Sarmiento.

Os libros que agora veñen a lume dan idea cabal do intenso traballo desenvolvido no Congreso, para o que contamos coa achega dos mellores especialistas, galegos e non galegos, sobre as distintas facetas consideradas: biografía, ideario (político, relixioso e lingüístico), obra poética, xornalismo, correspondencia e demais obra literaria, relacións e contactos persoais e intelectuais, e un importante capítulo sobre a recepción coetánea e posterior da produción currosiana. Non é esta a ocasión para salientar contributos concretos, pero si a de manifestar o xurdio, instigante, panorama conxunto que ofrecen. Sen dúbida estamos perante o corpo máis completo e revelador de estudos sobre o autor. As nosas beizóns e sinceros parabéns aos participantes no Congreso e moi especialmente ás persoas que formaron parte dos comités executivo, científico e de organización.

Na relación de libros e opúsculos publicados co gallo do Congreso, que inserimos unhas páxinas máis adiante deste mesmo volume, figura unha ampla nómina de iniciativas de distinto carácter que deron grande lucimento ás celebracións do sesquicentenario de 2001. Salientaremos aquelas que nos tocaron máis de preto. En primeiro lugar, o Concello de Celanova, particularmente o seu Ilustrísimo Señor Alcalde, Antonio Mouriño Villar, que se involucrou con total entrega e xenerosidade na organización do Congreso e que foi obsequioso e atentísimo anfitrión para os/as congresistas naquelas inesquecibles xornadas setembrinas de traballo na garrida vila ourensá. En segundo lugar, é de xustiza sinalar a contribución da Deputación de Ourense, especialmente concretada na publicación de cadansúa edición divulgativa d’A Virxe do Cristal e dunha Antoloxía poética do celanovés; a segunda foi amplamente divulgada polo xornal La Voz de Galicia o propio día do aniversario (15 de setembro), no que constituíu o maior esforzo nunca realizado para espallar a obra de Curros. En terceiro lugar, lembramos a colaboración do Ilustre Colexio de Avogados de Ourense que, nunha iniciativa orixinal e exemplar, se implicou na edición dos textos do proceso penal por blasfemia ó que foi sometido o noso autor. Outras importantes institucións e medios de comunicación do país (Real Academia Galega, Concello da Coruña, O Correo Galego/El Correo Gallego...) contribuíron a dar lustre a unha conmemoración espléndida.

A preparación dunhas Actas coma as presentes, tendo en conta o seu volume e a amplitude e diversidade de autores e de estudos que recollen, esixe unha dedicación excepcionalmente laboriosa e paciente por parte dos editores. Debo agradecer, pois, o traballo, eficacia e entrega de Xesús Alonso Montero, Henrique Monteagudo e Begoña Tajes Marcote. Eles constituíron, xunto con Antonio Montero Carro, Xerente do CCG, a cerna do equipo que impulsou e organizou materialmente o Congreso; así que o agradecemento do Consello é duplo.

Non cómpre subliñar a grande satisfacción que representa pórlle o ramo a un labor coma este, longo e complexo na realización, pero transcendente nos seus resultados. O orgullo e a honra que significa ofrecer aos investigadores, estudantes e público interesado un monllo variado, vizoso e atractivo coma o que estamos a presentar. Froitos que dan contido e sentido a unha
institución coma o Consello da Cultura Galega, sempre ao servizo do país.
Alfonso Zulueta de Haz


Código QR para a descarga
Consello da Cultura Galega, Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n - 15705 Santiago de Compostela
Tel. 981 957202 Fax 981 957205
correo@consellodacultura.org
Realización Táktika Comunicación
ISBN 84-95415-88-7
Depósito legal VG-600-2004