consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

Miliarios e outras inscricións viarias romanas do noroeste hispánico (conventos bracarense, lucense e asturicense)


Este é un monumental estudo sobre as vías romanas na antiga Gallaecia. Esta publicación localiza, cataloga, transcribe e estuda máis de 600 miliarios e outras inscricións viarias de época romana na Gallaecia ampla. De cada un, a obra ten unha ficha descritiva, fotografías e a correspondente interpretación dos textos gravados. O coñecemento destes vestixios resulta de capital importancia para achegármonos a distintos aspectos da rede viaria que o Imperio romano foi tecendo na Gallaecia e, polo tanto, para comprender mellor aquel importantísimo período histórico.

Para o Consello da Cultura Galega representa unha enorme satisfacción e un motivo de lexítimo orgullo a publicación do monumental traballo, magnificamente ilustrado, dos profesores Antonio Rodríguez Colmenero, Santiago Ferrer Sierra e Rubén D. Álvarez Asorey. Como é sabido, a atención ao riquísimo legado material transmitido polos nosos devanceiros ao longo dos séculos é unha das preocupacións constantes da nosa institución, como mostra o feito de que a Sección de Patrimonio Histórico acollese e apoiase o ambicioso proxecto dos devanditos profesores. Este proxecto tiña como obxectivo a localización, catalogación, transcrición e estudo dos miliarios e outras inscricións viarias de época romana na Gallaecia ampla, que no período tardo-imperial incluía o Portugal de aquén-Douro e estaba estreitamente vencellado á veciña rexión asturicense –tal como se pode comprobar, mesmo visualmente, no mapa dos itinerarios e vías romanas que vai incluído na presente publicación. Como os propios estudiosos subliñan, a dita tarefa resulta de capital importancia para o coñecemento de distintos aspectos da fita rede viaria que o Imperio romano foi tecendo na Gallaecia e, por tanto, para a mellor comprensión daquel importantísimo período histórico, en que naceu a Gallaecia como tal.
A sociedade contemporánea, mergullada na cultura-espectáculo de consumo efémero, corre o risco de esquecer a importancia das súas raíces históricas, base para un coñecemento en profundidade de si mesma. O labor dos investigadores na área das humanidades é se cadra o menos recoñecido e valorado, pois a ollos da maioría os seus saberes e descubertas carecen de utilidade práctica inmediata. É por iso que institucións públicas como o Consello estamos obrigadas a realizar un esforzo especial para apoiar e divulgar a tarefa destes investigadores, que é a que permite dotar a nosa cultura duns alicerces sólidos e duradeiros. Expresamos aquí, pois, os nosos parabéns aos autores do traballo e os nosos desexos dunha boa acollida por parte da comunidade académica e do público interesado, ao tempo que reafirmamos o compromiso da institución con investigacións do rigor e o alcance da que presentamos.
Alfonso Zulueta de Haz.


Código QR para a descarga
Rodríguez Colmenero, Antonio
Miliarios e outras inscricións viarias romanas do Noroeste hispánico (conventos bracarense, lucense e asturicense) / Antonio Rodríguez Colmenero, Santiago Ferrer Sierra, Rubén D. Álvarez Asorey. – Santiago de Compostela : Consello da Cultura Galega, Sección de Patrimonio Histórico, 2004.– 844 p. : il. ; 29 cm. – (Gran Formato.
CALLAECIÆ ET ASTURIÆ ITINERA ROMANA)
D.L. LU-149-2004. – ISBN 84-95415-87-9.
1. Inscricións latinas. I. Ferrer Sierra, Santiago. II. Álvarez Asorey, Rubén D.
III. Consello da Cultura Galega. Sección de Patrimonio Histórico. IV. Título.