consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

Metodoloxía do traballo terminográfico puntual en lingua galega


A publicación xorde como unha serie de propostas de actuación ante as problemáticas terminográficas xurdidas na práctica profesional e no emprego, revisión e tradución de documentación técnica.

A presente obra vén ser o primeiro froito da actividade da Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega na área da Terminoloxía. En concreto, nace pola preocupación do autor por dotar de ferramentas de traballo aos profesionais da lingua en Galicia, preocupación igualmente sentida nas primeiras reunións da Comisión Técnica de Linguaxes de Especialidade creada en 2001 con sede na Sección de Lingua. Con esta publicación o Consello acolle, a partir dunha iniciativa particular do autor, o primeiro produto xerado no marco da Comisión que conta ademais co asesoramento e supervisión dos seus membros.
Estamos convencidos de que teñen nas súas mans unha obra que contribuirá á mellora das prácticas terminográficas que se seguen para a modernización do galego.Trátase do primeiro método de elaboración de terminoloxía puntual publicada no noso contexto que, de seguro, ha servir de referencia no labor profesional de todas aquelas persoas vinculadas ó traballo terminolóxico de modo central ou transversal.
O valor desta obra non reside só na calidade e rigor con que está elaborada,mais tamén en que está realizada desde unha concepción pragmática e posibilista, que ten en conta as circunstancias reais nas que o traballo terminográfico se desenvolve en Galicia, e que intenta adaptar as pautas internacionais de forma que sexan aplicables para un profesional que traballe actualmente en Galicia.Así, a súa publicación responde tamén ao obxectivo de incardinar a produción terminolóxica galega nas redes internacionais abundando asemade na súa visibilidade.
O Consello da Cultura Galega pretende así contribuír ao desenvolvemento das industrias da lingua en Galicia, abrindo unha liña de publicación e de investigación que cremos necesaria.
Henrique Monteagudo



Código QR para a descarga
Rodríguez Río, Xusto A.
Metodoloxía do traballo terminográfico puntual en lingua galega / Xusto A.
Rodríguez Río. --- Santiago de Compostela : Consello da Cultura Galega,
Sección de Lingua, 2003. --- 119 p. ; 17 cm. --- (Informes)
D.L. C-2425-2003. --- ISBN 84-95415-73-9
1. Lingua galega-Informes. I. Consello da Cultura Galega. Sección de
Lingua. II. Título