consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

A nosa fala: bloques e áreas linguísticas do galego


Esta publicación recolle a transcrición fonética de 43 gravacións de persoas de diferentes áreas lingüísticas e pretende testemuñar as diversas modalidades do galego oral.

O idioma galego, como todas as linguas do mundo, presenta, dentro da súa unidade, variedades territoriais que foron estudadas e descritas en traballos sobre a realidade viva da fala desenvolvidos polo Instituto da Lingua Galega ao longo dos seus anos de existencia. Estes traballos foron a primeira achega científica á nosa realidade lingüística desde o mundo da investigación da Universidade Compostelá. A xa clásica definición en tres bloques, con áreas e subáreas no interior de cada un deles, non gozaba aínda de soporte sonoro editado en que atopar testemuños directos representativos das diversas modalidades lingüísticas. Utilizando os materiais do Arquivo Galego Oral do ILG, especialmente os correspondentes ao Atlas Lingüístico Galego (1974-76) e ao Arquivo Dialectal da Lingua Galega (1992-95) fíxose unha selección de textos nos que tratou de conxugar o interese lingüístico co interese etnográfico, histórico e mesmo sociolóxico. Despois do éxito acadado coa primeira edición e da ampla divulgación que tivo entre os especialistas e estudiosos en xeral, o programa Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega dá ao prelo esta segunda edición, en formato CD, para continuar co labor de espallamento do eixo e alma da nosa tradición cultural, ou sexa, da nosa fala.
Presentación de Alfonso Zulueta de Haz


Código QR para a descarga
A nosa fala : bloques e áreas lingüísticas do galego /
edición de Francisco Fernández Rei e Carme Hermida Gulías ;
[coa colaboración de Miruca Parga Valiña e Afonso Xabier
Canosa Rodríguez]. – 2ª ed.– Santiago de Compostela :
Consello da Cultura Galega, Arquivo Sonoro de Galicia, 2003.
– 3 CDs + libro (150 p.) ; 23 cm. – (A nosa fala ; 1)
D.L. VG-707/2003. – ISBN 84-95415-70-4
1. Lingua galega–Gravacións sonoras. I. Fernández Rei,
Francisco. II. Hermida Gulías, Carme. III. Consello da Cultura
Galega. Arquivo Sonoro de Galicia, ed. IV. Serie.