consello da cultura galega

Teléfono: +34 981 957 202 | web@consellodacultura.org

Escribir de ciencia en galego




Código QR para a descarga
A utilización da lingua nos procesos de transmisión do saber científico, tanto no eido da comunicación especializada como no da vulgarización, foi un proceso que non atopou un camiño fácil pero que, en calquera caso, levou unha tendencia crecente ata aproximarse ao cambio de século, no que a viraxe das políticas científicas españolas favoreceu o comezo da utilización masiva do inglés na comunicación especializada en revistas e congresos. Desde entón o galego, como tamén o castelán, atópase nun proceso de retirada destes medios de comunicación, que semella que vai ter unha longa traxectoria no tempo.

Este feito, considerado desde a perspectiva do galego como un idioma totalmente normalizado, reviste unha especial gravidade porque non se pode esquecer o papel cada vez máis importante que está a desempeñar a ciencia na conformación da cultura contemporánea.

Consciente de que a Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega da gravidade deste problema, organizou o día 20 de maio de 2011 unha xornada de debate e reflexión que congregou expertos españois e galegos para falar desta temática e á que asistiron un importante número de científicos e técnicos galegos. Con todos eles consensuáronse, finalmente, unhas conclusións que tentan ofrecerlle á sociedade galega reflexións e propostas que poidan axudar ao mantemento do galego como lingua de expresión científica, cando menos en aspectos fundamentais deste proceso.